A cita terá lugar do 27 ao 29 de setembro en Lobios
Máis de 200 persoas participarán na III Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social
Haberá un intenso programa de actividades que culminará co festival de música Xurés Son
Do 27 ao 29 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá a celebración da III Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social. Nela, máis de 200 profesionais e futuros profesionais da educación social galega e foránea compartirán tres días de encontro e un intenso programa de actividades que culminará coa celebración do festival de música Xurés Son, ao que se agarda que acudan máis de mil persoas.
A actividade, organizada desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense co apoio de numerosas entidades, entre elas as tres universidades galegas, foi presentada este martes. No acto, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor a importancia desta cita no eido da educación social, recalcando como as e os seus profesionais son “axentes de cambio da sociedade” cuxo traballo incide directamente na vida das persoas. Igualmente destacou a importancia de que esta convivencia se celebre no ámbito rural, lembrando o compromiso da institución académica co seu desenvolvemento. Este aspecto tamén foi salientado por Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, que agradeceu “a sensibilidade e a vontade” de todas as entidades que fan posible a celebración deste evento e a aposta que supón polo desenvolvemento do rural e da educación social.
Na presentación, Mª del Carmen Yañez, alcaldesa de Lobios, agradeceu a elección do seu concello para esta actividade que, dixo, supón un fito para eles. Igualmente amosou a súa satisfacción polo feito de que este evento “sexa un punto de encontro para unha profesión tan importante como a educación social”. Por último, Patricia Torres, deputada de Servizos Sociais na Deputación Provincial de Ourense, destacou que o programa deseñado “é espectacular” e puxo de relevo a importancia de “dar visibilidade ao rural e que este se sinta recoñecido” con actividades coma esta.
Tres días de programación
Jesús Deibe Fernández Simo, profesor da citada facultade e coordinador do evento, foi o encargado de explicar os detalles desta III Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social, que terá lugar en diversos puntos de Lobios. A iniciativa, subliñou, ten como “intención clara a de visibilizar unha profesión, a educación social, e a realidade social” coa que traballa. Agradecendo toda a colaboración das entidades e persoas implicadas nesta terceira edición, destacou que ao longo destes anos esta actividade foi evolucionando dun encontro entre profesionais e alumnado ata converterse hoxe en día “no encontro máis potente que hai na península no eido da educación social”.
Serán, explicouse na presentación, tres días de intensa actividade. Haberá un programa con formación específica para profesionais e estudante e un completo abanico de actividades lúdicas e culturais abertas a toda persoa que queira asistir. Así, haberá dúas palestras e 25 talleres, de temáticas que van desde os materiais e xogos coeducativos como ferramenta para a intervención socioeducativa con perspectiva de xénero ata a educación social penitenciaria. Igualmente destacan as actividades culturais e lúdicas de convivencia, como xogos populares, rutas pola serra do Xurés e actividades lúdicas para nenas e nenos. As e os cativos tamén serán os protagonistas dunha exposición de traballos pedagóxicos realizados polos colexios e instituto da Baixa Limia, como exemplo de escola comunitaria.
Ao longo dos tres días de celebración tamén haberá o nomeamento dun novo membro da Academia das Ciencias do Couto Mixto; a entrega de premios do 10º Concurso TFG.eduso, e varias presentacións: do número 88 da Revista Galega de Educación, co seu Monográfico Interxeracionalidade; do documental O Empalme. Unha historia rural colectiva e dun estudo do Ceesg sobre a situación da educación social elaborado por profesorado das tres universidades galegas. Para rematar, terá lugar na parroquia de Grou o festival de música e cultura Xurés Son, cun amplo panel de actuacións que van desde Xingras da Arca e Leira ata Sustanciados e os dj Manu Grou e Family.