DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un mural e un espazo virtual recolleron suxestións de libros por parte da comunidade universitaria

Máis de 200 títulos para fomentar a lectura

Foi unha iniciativa da Facultade de Educación e Traballo Social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 28/04/2022

O libro infantil-xuvenil O raio veloz, do escritor galego Agustín Fernández Paz, “pola busca que fai o protagonista para ser feliz no seu traballo”. El principito, novela francesa de Antoine de Saint-Exupéry “xa que trata valores moi importantes para os nenos e nenas”. A novela sobre vampiros Crepúsculo, do norteamericano Stephenie Meyer, por ser unha obra de tránsito da literatura infantil á xuvenil e de adultos para moitos lectores e lectoras. Estes son algúns dos libros recomendados pola comunidade universitaria nun mural colaborativo sobre a lectura proposto pola Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.

O centro, unindo a conmemoración o día 2 de abril do Día Internacional do Libro Infantil e o 23 do Día do Libro, organizou unha programación dedicada a fomentar a lectura na comunidade universitaria e de xeito especial entre as e os futuros mestres. Con este obxectivo pediulle ás persoas interesadas que responderan a tres preguntas: cal é a túa obra literaria favorita?, quen é a súa autora ou autor? E por que recomendas a súa lectura?. As respostas foron colocadas en post-its nun mural ubicado na entrada do Edificio de Ferro e nun espazo virtual habilitado para tal fin, sendo máis de 200 as propostas chegadas.

“A acollida foi moi boa, estamos moi contentas co resultado da iniciativa”, comenta a profesora do centro Carla Míguez, unha das promotoras da iniciativa xunto a Isabel Mociño. Á espera aínda de ver con detalle as respostas recibidas, a docente explica que as proposta de libros destacan pola súa variedade de temáticas, estilos, idiomas e procedencia de autores. “Encontramos desde recomendacións de literatura infantil, de libros que marcaron a infancia, ata de adultos, de misterio, de romance ou mesmo sagas moi coñecidas”, detalla.