DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a decisión da Xunta, o reitor pide “tranquilidade” e seguir as recomendacións sanitarias

Máis de 20.000 estudantes da UVigo, sen actividade lectiva a partir deste venres e durante os vindeiros 14 días

O Comité de seguimento COVID-19 da UVigo estudará posibles recomendacións para PAS e PDI 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 12/03/2020

A Universidade de Vigo suspenderá a actividade lectiva dos seus máis de 20.000 estudantes a partir de mañá venres e durante os próximos 14 días. A institución académica viguesa atende así o anuncio realizado este mediodía polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que confirmou “a suspensión da actividade lectiva e extraescolar en todos os niveis educativos”, no marco dunha serie de medidas preventivas acordadas polo executivo galego co obxectivo de deter o avance do coronavirus. “No momento no que a Xunta decreta a paralización de actividade docente eu quero facer primeiro un chamamento á tranquilidade, non hai que caer na histeria. Hai que intentar que o número de contaxios non sexa un boom e colapse os hospitais e logo seguir as recomendacións que nós temos colgadas na páxina web e que están en calquera institución que teña competencias en sanidade como o Sergas ou Ministerio de Sanidad”, asegura o reitor. Precisamente Manuel Reigosa participou a primeira hora desta mañá a reunión que celebrou o Comité de seguimento COVID-19 da UVigo e na que se tomaron algunhas decisións “que podemos adoptar desde a nosa autonomía” como suspender a celebración de festas previstas nos próximos días como San Pepe ou Santa Kata; actividades extraescolares ou a actividade docente en centros hospitalarios. Así mesmo, acordouse o peche das bibliotecas centrais e as dos centros e das instalacións deportivas dos tres campus.

En canto á actividade do PDI, que agrupa unhas 1400 persoas, e do PAS, que acada as 800, o reitor destacou que “na Universidade, ademais da lectiva, ten que regular o resto de actividades. Hai investigación, xestión e para iso agardaremos a reunir nas próximas horas o Comité de seguimento COVID-19 para ver novas recomendacións e se é preciso facer algunha resolución reitoral”. Neste sentido, Reigosa apunta a posibilidade de continuar co traballo do día a día, agás o docente, tendo en conta as recomendacións sanitarias correspondentes. Tras pedir “ser coidadosos para evitar que o problema sexa maior”,  o reitor sinalou que á espera da evolución dos acontecementos e en función de cando se produza a reanudación das clases “podería haber que tomar medidas excepcionais para que os estudantes non perdan curso”. 

A suspensión da actividade lectiva que hoxe confirmou o presidente galego, súmase á das comunidades de Madrid, Murcia, País Vasco, La Rioja e Cataluña. 

Actuacións previas na UVigo

Antes de que o presidente da Xunta confirmarse este xoves a suspensión das clases en todos os niveis educativos, a Universidade de Vigo creaba a principios deste mes de marzo o Comité de seguimento COVID-19 de cara a traballar na adopción e no seguimento das diferentes medidas a levar a cabo ante a activación da alerta sanitaria. Presidido polo vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez Tabarés, este comité está constituído por un total de 17 persoas, incluíndo a xerenta, varios vicerreitores e vicerreitoras, directores/as de varios servizos e diferentes especialistas, entre eles a catedrática África González, presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Este comité, que asesora ao reitor, leva días mantendo xuntanzas e asesorando á comunidade universitaria a través da propia web da Universidade de Vigo, incluíndo a actualización constante das recomendacións sanitarias emitidas pola administración estatal e a autonómica. A última destas reunións celebrouse esta mesma mañá e nela decidiuse suspender as clases no programa de maiores, as prácticas externas en centros sanitarios e todas as festas organizadas polos centros ou polo estudantado (San Pepe, Santa Catalina, San Aquiles…), así como calquera evento extracadémico que supuxese unha aglomeración de máis de 100 persoas, incluída a carreira HappyGoRunning Cidade Universitaria prevista para o vindeiro 26 de abril.

En canto aos congresos e reunións de seguimento dos proxectos, a decisión adoptada foi prohibir os desprazamentos cara ou desde universidades ou centros nos que se suspendera a actividade presencial, debendo limitarse a participación das persoas pertencentes a estas institucións á vía telemática. Con respecto ás practicas externas acordouse seguir as instrucións das respectivas empresas sobre a continuidade, cese ou teletraballo, debendo o alumnado notificarlle a súa situación á persoa encargada de supervisar as súas prácticas.