DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na última xornada do programa Divulgando Ciencia Singular

Máis de 250 persoas participarán na xornada de portas abertas de atlanTTic

As actividades gratuítas desenvolveranse o venres entre as 16 e as 19.30 h

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 07/11/2018

Máis de 250 persoas participarán este venres 9 de novembro nunha xornada de portas abertas organizada polo centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. Este evento gratuíto, no que se desenvolverán unha ducia de actividades para todos os públicos ademais de visitas guiadas a espazos destacados do centro, forma parte do programa de actividades de divulgación científica e tecnolóxica Ciencia Singular, creado para amosar á sociedade o traballo desenvolvido nos tres centros singulares de investigación da universidade viguesa: atlanTTic, o Centro de Investigación Mariña (CIM) e o Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio). 

O encargado de levar a cabo as actividades será o persoal dos grupos de investigación que conforman atlanTTic que, por un lado, explicará que se fai no centro, como e onde, ademais de amosar os laboratorios e os equipos que emprega na súa tarefa cotiá e falará dos proxectos nos que se traballa na actualidade e, por outro, desenvolverá obradoiros, experimentos e actividades para dar a coñecer máis en detalle a tecnoloxía que empregan día a día.

As persoas participantes poderán asistir a un, a varios ou a todos os obradoiros, deseñados en forma de demostracións prácticas e pedagóxicas. Os talleres abordarán temas como a impresión 3D, a fabricación de placas de circuíto impreso (PCBs), as redes de comunicación 5G, as comunicacións ópticas, as ferramentas de análise forense, as apps educativas para facilitar a expresión oral, a intelixencia artificial aplicada á comunicación, a demostración de recoñecemento da fala e de persoas en contidos audiovisuais e os nanosatélites. Ademais, como complemento a estes obradoiros a cidadanía poderá participar en dúas visitas guiadas: unha ao laboratorio de seguimento de satélites, que conta cun gran número de antenas e un moderno equipamento electrónico, que permite participar en todas as etapas que seguen ao lanzamento dunha misión espacial. A segunda visita será aos laboratorios de acústica, onde as e os visitantes poderán coñecer a cámara semianecoica e distintos equipamentos.

Para participar na xornada de portas abertas non é necesario inscribirse maila que é recomendable, xa que deste xeito as persoas poden escoller unha hora determinada para levar a cabo as diferentes actividades. 

Divulgando Ciencia Singular

A través do programa Divulgando Ciencia Singular, durante os meses de outubro e novembro, os centros singulares de investigación da Universidade de Vigo (CIM, Cinbio e atlanTTic) levan a cabo actividades de divulgación científica gratuítas e para todos os públicos coa fin de dar a coñecer a súa actividade investigadora e a importancia que esta ten para a sociedade. 

Trátase dunha serie de actividades cofinanciadas pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia, cofinanciado cos fondos FEDER, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.