DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra terá lugar do 24 ao 30 de xullo

Máis de 250 xadrecistas de 22 países mediranse no Pavillón Universitario

A medallista olímpica Sabrina Vega protagonizou un coloquio en Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 22/07/2026

Procedentes de 22 países, máis de 250 xadrecistas competirán entre o 24 e 30 de xullo no Pavillón Universitario no XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, definido desde a organización como “o pulmón do xadrez galego”, xa que se trata da única competición da comunidade computable para os títulos de gran mestre e mestre internacional. Promovido pola Escola Xadrez Pontevedra (EXP), coa colaboración da Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, trátase da segunda edición na que este torneo terá como sede o Pavillón Universitario e na que a organización agarda poder superar os 257 inscritos e inscritas da pasada edición, que supuxeron “o maior rexistro dun torneo en Galicia”.

Este evento foi presentado no Concello polo xerente da EXP e director do torneo, Pablo García; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o director da Área de Xestión de Infraestruturas do campus, Juan Manuel Corbacho, e a mestra internacional e medallista nas Olimpíadas de Xadrez Sabrina Vega. Nove veces campioa de España en categoría absoluta e dúas veces subcampioa de Europa, Vega protagonizaba tamén na mañá deste mércores un coloquio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

A edición con máis nacionalidades e máis mestres internacionais

Disputado polo sistema suízo, o Torneo Cidade de Pontevedra é unha competición con nove roldas, estruturada en dous grupos de competición, máster e amateur, nos que compiten, respectivamente, xadrecistas con puntuacións superiores ou inferiores a 2000 no ránking Elo Fide. A falta de 24 horas para o peche das inscricións, conta con “máis de 250 xogadores xa confirmados”, sinalou García, o que failles prever que poderán superar os 257 inscritos e inscritas de 2025. Esta será ademais, apuntou, a edición con maior número de países representados, un total de 22, e a que congregue máis titulados e tituladas internacionais, cifra que se sitúa actualmente en 51.

Con máis de 13.000 euros en premios, está previsto que o torneo reúna grandes mestres como o iraniano Mhadi Gholami, número un do seu país, aínda que a situación internacional fai que a súa presenza en Pontevedra non estea confirmada; o italiano Andrea Stella, gañador da edición de 2024; ou o cubano José Roberto Elías. Retransmitido en directo polas “grandes plataformas do xadrez”, tamén tomarán parte neste aberto xadrecistas como Sabrina Vega ou a catro veces campioa do Perú Karen Zapata.

Neste punto, García salientou que “apostamos por traer figuras femininas ao torneo”, xa que “unha das nosas teimas” é fomentar “a igualdade e a inclusión” nun deporte no que a participación de mulleres “pode estar por debaixo incluso do 10%” nalgúns torneos. Por outra banda, na aposta pola inclusión insírese a participación da selección española xuvenil de xadrez para persoas cegas e con discapacidade visual. Ao mesmo tempo, nunha competición, "na que temos rapaces de sete anos e participantes de 81”, tomarán parte tamén novos talentos do xadrez internacional como Fide Apaar Saxena, da India, país que estará representado por 17 deportistas; o brasileiro Mathias Casalaspro; ou o campión de España sub12, Hugo Pérez Solanas.

Unha medallista olímpica e máis de 20 anos de colaboración

Este XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra é o resultado “dunha alianza institucional”, lembrou Gulías nesta presentación, na que tanto Corbacho como García puxeron de relevo os máis de 20 anos de colaboración entre a EXP e a UVigo. Esta, salientou o representante da Vicerreitoría, vai máis aló da cesión de instalacións para a disputa deste torneo ou do patrocinio dos equipos cos que o club compite na Liga Galega de Xadrez con máis de 200 deportistas, e implica un conxunto de “resultados a nivel deportivo, social e educativo”. Nese senso, Corbacho lembrou a participación da escola en proxectos de innovación educativa, en iniciativas dirixidas ao alumnado do Programa Universitario de Maiores e en proxectos como Xadrez: Estratexia pola Paz. 

“Imos seguir nesta liña de colaboración, porque compartimos moito co xadrez”, subliñou Corbacho, quen participaba, pouco despois, na apertura do relatorio de Sabrina Vega no campus, onde puña de relevo o papel deste deporte en materia de “educación en valores”. De feito, un dos propósitos deste coloquio, aberto á comunidade universitaria e ao que acudiron participantes no Campus Ramón Escudeiro Tilve da EXP, era afondar nas experiencias vividas ao longo da súa traxectoria por unha xadrecista que en 2021 era recoñecida co Premio Reina Sofía despois de negarse a participar no mundial disputado en Arabia Saudita polas medidas discriminatorias á participación das mulleres, como lembraba García. Neste punto, Vega sinalou que o xadrez constitúe un “camiño de vida, máis aló do propio taboleiro”, incidindo no seu papel na “xeración de valores sociais”.