DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 2.500 alumnos poderán optar ao desenvolvemento dun proxecto innovador de base tecnolóxica

Dentro do primeiro concurso de ideas “Xurdir” que convoca a compañía Coremain

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 29/10/2007

Soamente nos tres campus da Universidade de Vigo, máis de 2.500 alumnos poderán optar ao desenvolvemento dun proxecto innovador de base tecnolóxica e abrirse paso no mercado laboral apadriñados pola empresa Coreiman. Para iso convócase o primeiro concurso de ideas “Xurdir”, que foi presentado no Centro Social Caixanova de Vigo, nun acto ao que asistiron o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, José Mª Pousada, o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática , Enrique Barreiro; o director xeral de Coreiman, Manuel Balseiro e o director de desenvolvemento Corporativo, Ignacio L. Balboa.
“Gustaríame agradecer a Coreiman esta iniciativa e destacar en nome dos alumnos, que son os beneficiarios do proxecto, a ponte que se creou para unir a universidade e o mundo empresarial”. Con estas palabras expresouse José Mª Pousada respecto do concurso que a empresa galega vai emprender en colaboración coa Universidade de Vigo. “Acabamos de titular ao enxeñeiro 2000, iso significa que hai polo menos outros tantos proxectos que poden converterse nunha realidade empresarial” engadiu o director da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación.
Respecto á importancia que ten esta iniciativa para os alumnos, o director da E.S. de Enxeñaría Informática, Enrique Barreiro afirmou que “este premio engade valor, o seu obxectivo crea riqueza, anima aos estudantes e iso é o que fai falta nas universidades”. No mesmo sentido afirmou que “este tipo de iniciativas tratan de suplir a formación que as carreiras técnicas non teñen. Os alumnos deben saber como funciona unha empresa e non só ter ideas senón saber vendelas”.

Obxectivo da iniciativa

A empresa galega Coremain, especializada na prestación de servizos no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións, TIC, apoiará aos universitarios que teñan un proxecto innovador, de base tecnolóxica, e abre un proceso de selección de ideas, que desembocará na creación dunha empresa constituída ao 50% entre Coreiman e o autor da idea gañadora. O principal obxectivo desta iniciativa, segundo explicaron os responsables da compañía, é “dar visibilidade ao potencial innovador dos universitarios e procurarlles unha oportunidade de inserirse no mercado laboral”. O concurso vai dirixido a estudantes de último curso de carreiras técnicas ou de primeiro ano de posgrao, que poderán presentar a súa idea a título individual ou colectivo. Aínda así, a participación tamén está aberta á creación de equipos mixtos, compostos por estudantes de carreiras técnicas e doutras do ámbito das humanidades. As ideas en todos os casos deben ser de base tecnolóxica e orientadas a desenvolver solucións – produtos ou servizos- baseados nas aplicacións das TICs.
Coreiman pretende que o concurso sirva para favorecer ideas innovadoras e comprometidas socialmente, que acheguen solucións en catro ámbitos: no campo de aplicación da Lei de Dependencia (sistemas de protección de persoas dependentes, nenos, anciáns, enfermos crónicos, etc), no eido da protección medioambiental, en materia de seguridade informática e na xestión de procesos para os que actualmente non existen solucións no mercado.
A empresa asumirá o financiamento do proxecto, establecendo un prazo máximo de 18 meses para levalo a cabo. No caso de que transcorrido ese tempo non se poida seguir adiante coa idea, o alumno quedarase coa experiencia que traballar nunha empresa líder coma Coreiman lle pode proporcionar.
Os universitarios teñen de prazo ata o 14 de decembro para presentar os seus proxectos. O gañador será dado a coñecer o 15 de xaneiro. As bases do concurso pódense consultar na web www.coremain.com.

Coreiman

Coreiman é unha compañía de referencia en Galicia no ámbito da consultaría TIC, dotada dos equipamentos e da infraestrutura máis competitiva para consolidar o seu proxecto de crecemento empresarial e converterse en referencia do sector no mercado nacional. De capital 100% galego e comprometida coa creación de riqueza en Galicia, Coreiman ten tamén unha clara vocación global, ampliando a súa actividade a numerosas comunidades autónomas a través das súas delegacións en Madrid, Oviedo e Valladolid.