DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da CIUG, Iván Area, explicou as principais novidades das ABAU para este ano

Máis de 30 institutos de Vigo e comarca participan no campus nunhas xornadas de orientación

Recibiron información directa da oferta académica e de servizos da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 31/01/2020

Máis de trinta orientadores de Vigo e a súa comarca (Moaña, Redondela, Tui, Porriño, Gondomar…) participaron este venres na sala I do edificio Miralles nunhas Xornadas de Orientación organizadas pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria co obxectivo de establecer un contacto directo co persoal orientador dos centros de ensino secundario. Trátase, segundo explicaron desde a vicerreitoría, de informar a estes profesionais sobre a oferta académica e de servizos da Universidade de Vigo, así como das novidades que traerán este ano consigo as probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).

“A nosa intención é que empreguedes esta sesión, ademais de para informarvos, para que preguntedes todas as vosas dúbidas acerca da ABAU, da preinscrición, da matrícula, da oferta formativa e dos servizos da UVigo, para que así poidades asesorar ao voso alumnado sen dúbidas e con claridade”, explicoulles ao inicio da sesión a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez Barcia.

De informar sobre as novidades das ABAU encargouse o presidenta da CIUG, Comisión Interuniversitaria de Galicia, o profesor da Universidade de Vigo Iván Area. Entre outros cambios, referiuse á modificación nas datas dos exames, pois, se tradicionalmente as probas se celebraban de mércores a venres, nesta ocasión levaranse a cabo de martes a xoves, reservándose a tarde do terceiro día para posibles incidencias. “Outro cambio é que este ano as probas arrancarán co exame de Historia de España no canto de Lingua Española e Literatura II”, explicou Area, quen fixo fincapé en que a nivel nacional hai unha crítica xeral cara Galicia “por meter as catro materias de máis peso o primeiro día, pero desde o noso punto de vista, e cada vez de máis persoas, isto minimiza outro tipo de problemáticas referidas sobre todo ás interseccións entre materias optativas”, salientou o responsable da CIUG, que asesorou tamén aos orientadores sobre os pasos a seguir no caso do alumnado con necesidades educativas especiais.

A xornada, que xa se celebrou tamén nos campus de Ourense e Pontevedra, incluíu tamén a intervención de Magdalena Domíguez, xefa do Servizo de Orientación ao Estudantado, que afondou no proceso de preinscrición e matrícula; Susana Rodríguez Barcia, que se centrou na oferta formativa da UVigo e da técnica de Captación de Alumnado Ana Caamaño, que completou a información sobre os diferentes servizos universitarios e outros aspectos xerais do plan de captación de alumnado.