DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 300 deportistas daranse cita na ciadade durante os Xogos Galaico-Durienses

Asistirán representantes das universidades galegas e do norte de Portugal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI DUVI 25/10/2007

O campus de Pontevedra acollerá o vindeiro mes de novembro a celebración da décimo segunda edición dos Xogos Galaico-Durienses. Arredor de 330 estudantes das universidades de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Minho, Porto e Tras os Montes e Alto Douro daranse cita entre os días 20 e 22 de novembro nas instalacións deportivas do campus.
Ao longo destas tres xornadas desputaranse competicións nas modalidades de duatlón, baloncesto, orientación, voleibol, fútbol sala, tenis de mesa e xadrez. Os deportes colectivos deberán presentar equipos mixtos, fomentando deste xeito a paridade.
Estes Xogos Galaico-Durienses veñen celebrándose dende hai 12 anos, como un xeito de fomentar a práctica da actividade física ao tempo que se estreitan as relacións entre as seis universidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Cada ano, a organización corre a cargo dunha das institucións participantes, correspondendo estes ano a Vigo, que decidiu celebrar as competicións no campus de Pontevedra.

Programa de actividades

As delegacións de cada unha das universidades poderán inscribir aos seus representantes ata o vindeiro 16 de novembro, xa que as competicións botarán a andar o 20 do mesmo mes. Os xogos desenvolveranse nas instalacións do Pavillón Universitario, o Pavillón Multiusos da Xunqueira, a Illas das Esculturas, na que se desputará o duatlón, o módulo deportivo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e, por último, o Lago de Castiñeiras que acollerá a carreira de orientación.
No que se refire á selección dos participantes, Vigo presentará aos equipos gañadores dos torneos Intercentros e membros dos equipos da Universidade en deportes como xadrez ou orientación.