DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha serie de visitas guiadas que este martes abriron estudantes do IES Xunqueira I

Máis de 300 escolares percorrerán nestas semanas o arboreto do campus

Inserida no proxecto Green Campus, a iniciativa complétase cunha unidade didáctica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/05/2019

Divididos en dous grupos, máis de 50 alumnos e alumnas do IES A Xunqueira I abriron este martes unha serie de visitas guiadas polo arboreto do campus que ao longo deste mes de maio achegarán ao campus máis de 300 estudantes de diferentes centros de ensino de Pontevedra. Inserida no proxecto Green Campus, esta actividade leva a alumnado de primaria e secundaria a percorrer parte da ruta do arboreto do campus á vez que van coñecendo as características das árbores máis representativas de entre os 362 exemplares presentes nas diferentes parcelas, labor para o que se desenvolveu tamén unha unidade didáctica con información e propostas de actividades.

“Esta iniciativa forma parte dun proxecto máis ambicioso, que é non só achegar o campus de Pontevedra á rapazada e á cidadanía, senón facer entender que este é un campus verde, un campus da sustentabilidade e o medio ambiente”, salientou o vicerreitor, Jorge Soto, quen xunto ao director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, acompañou aos 36 alumnos e alumnas de 1º e 3º da ESO do IES A Xunqueira I no inicio da primeira das trece visitas programadas entre esta xornada e o 31 de maio. Tomando como punto de partida a ruta do arboreto do campus, un percorrido de preto de dous quilómetros no que, a través dunha base de datos en Google Maps, é posible ir identificando e coñecendo as características destas 362 árbores, pertencentes a 54 especies de 28 familias, esta iniciativa busca que “os rapaces e rapazas de Pontevedra e provincia poidan aprender o que é un espazo natural, un espazo que ten vida propia e que non se coñece”, engadiu Soto dunha proposta que se insire no plan de acción do proxecto Green Campus, que reúne “máis de 60 medidas que temos adoptado para que o campus sexa un referente nacional, que xa o é”. 

Dos libros á experiencia en directo

Guiados polas alumnas Begoña Camiña e Elena Álvarez, bolseiras da Oficina de Medio Ambiente e do Green Campus, respectivamente, dous grupos do IES A Xunqueira I realizaron por primeira vez este percorrido por unha parte da ruta do arboreto, completado cunha entrega de diplomas e agasallos, que nos próximos días realizarán outros once grupos deste mesmo centro, dos institutos A Xunqueira II e Luis Seoane e do CEIP A Xunqueira I. “Trátase de afianzar o Green Campus, é unha actividade que entra dentro dese concepto de desenvolvemento da educación ambiental”, engadiu Carlos Souto dunha iniciativa que búscase que “se estabilice ao longo do tempo” á vez que intentar ampliala ao propio alumnado do campus. O obxectivo, engade, é as e os participantes poidan coñecer “a riqueza biolóxica que temos no campus, onde temos unha diversidade de árbores bastante interesante”, e trasladar ao terreo os conceptos sobre botánica ou ciencias adquiridos nas aulas. “Que vexan na natureza, in situ, o que normalmente ven nos libros ou nas pantallas, que poidan achegarse ás árbores da súa contorna, é fantástico para eles”, engadía nese senso a profesora do IES A Xunqueira I Begoña Torres, que nesta xornada acompañaba ao primeiro grupo participante nesta actividade.

Esta serie de visitas compleméntanse cunha unidade didáctica que nos próximos días estará dispoñible na páxina do Green Campus, e que constitúe “unha guía na que se describen as especies máis representativas e máis interesantes do campus”, na que se lles traslada tamén “dunha forma sinxela” conceptos sobre botánica, explica Souto. Así mesmo, a unidade propón tamén aos escolares unha serie de preguntas e actividades e achégalles tamén “ás principais especies de fauna que se poden atopar aquí, xa que a presenza de árbores favorece que haxa tamén paxaros ou insectos”, apuntou Souto.