DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O congreso virtual BP2021 comprende 275 charlas ao longo de tres días

Máis de 300 especialistas analizan os últimos avances no campo da bioloxía de plantas

Da man da UVigo e as sociedades Española de Bioloxía de Plantas e Portuguesa de Fisioloxía Vexetal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 07/07/2021

Vigo convértese dende hoxe e ata o venres na capital virtual da XXIV Reunión da Sociedade Española de Bioloxía de Plantas e o XVII Congreso Hispano-Luso de Bioloxía de Plantas, o BP2021. O encontro reúne nestas tres xornadas máis de 300 investigadoras e investigadores internacionais, moitos deles de vangarda, para debater e coñecer os últimos avances conceptuais e tecnolóxicos neste eido. “Vai ser unha grande oportunidade para que todas e todos os participantes poidan difundir o seu coñecemento, expandindo así a fronteira da nosa ciencia”, salientou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, durante o acto inaugural, no que tamén destacou a importancia destes congresos “para que a comunidade científica siga avanzando, fomentando unha maior e mellor investigación no campo da bioloxía de plantas”.

Organizado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Sociedade Española de Bioloxía de Plantas e a Sociedade Portuguesa de Fisioloxía Vexetal, o BP2021 acollerá durante tres días máis de 275 charlas nas que se abordarán os diversos aspectos do funcionamento das plantas e a súa interacción con outros organismos do ecosistemas, abordando tanto aspectos básicos como aplicados da bioloxía vexetal. Este congreso busca ademais contribuír a concienciar á sociedade sobre a importancia da investigación en plantas e a súa repercusión nos retos sociais aos que se enfronta o mundo nun futuro próximo, como poden ser o cambio climático ou a produción agrícola.

"Un paso adiante no estudo da bioloxía de plantas"

Serán catro conferencias plenarias, 25 conferencias invitadas, 45 comunicacións orais, máis de 200 traballos en formato póster e tres sesións post congreso que indican o gran nivel deste encontro. “As revisoras e revisores tivérono moi difícil para seleccionar as mellores comunicacións, porque todas as que recibimos eran dunha alta calidade. E dende a organización queremos felicitar a todas as investigadoras e investigadores polo traballo desenvolvido nos últimos anos. Estamos convencidos de que este congreso suporá un paso adiante no estudo da bioloxía de plantas e que todas e todos aprenderemos nel un pouco máis sobre este ámbito”, explicou Adela Sánchez Moreiras, presidenta do Comité Organizador e profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo.

No acto inaugural tamén participou Carmen Fenoll, presidenta da Sociedade Española de Bioloxía de Plantas, quen gabou o traballo da organización non só para facer posible o congreso, “senón tamén por facelo atractivo e cun programa que conta coa presenza de expertas e expertos de talla internacional”. Para Jorge Marques da Silva, presidente da Sociedade Portuguesa de Fisioloxía Vexetal, este encontro supón “unha grande oportunidade para incrementar as nosas habilidades e poñer a bioloxía de plantas ao servizo da nosa sociedade. Agardo que o congreso brinde novas ideas para conseguilo”.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo estar presente no arranque do BP2021 cun vídeo no que felicitaba ao Comité Organizador por celebrar un congreso en momento de pandemia e no que salientaba a importancia de continuar organizando este tipo de encontros “porque a investigación, o coñecemento e o intercambio de opinións é de vital importancia. Son os que garantes nas comunidades científicas o avance da ciencia”. 

Catro conferencias plenarias e catro sesións transversais

Tras o acto inaugural, o congreso comezaba coa primeira conferencia plenaria, a da investigadora Helena Freitas, do Centre for Functional Ecology da Universidade de Coimbra, sobre a interacción entre plantas e microbios e a súa relación co cambio climático. Xunto a ela o BP2021 contará coas plenarias de científicos de talla internacional como Leslie Weston, da Charles Sturt University de Australia, que afondará nas aplicacións metabolónicas para estudar vías biosintéticas e respostas ao estrés en cultivos, malezas e gando; Jonathan Gershenzon, do Max Plank Institute de Alemaña, que se centrará na col e na súa protección fronte ás pragas; e de Frank Daya, da Colorado State University, que falará dos herbicidas e das novas perspectivas e retos neste eido. 

Por outra banda, durante todo o encontro celebraranse catro sesións transversais sobre temas como as publicacións científicas, coa presenza do inventor do índice H, Jorge Hirsch; as mulleres na ciencia; ou a divulgación dos traballos de investigación. O BP2021 rematará o venres 9 con tres webinars post congreso nas que se abordarán os preprints, os FAIR data ou como abordar o reto da divulgación científica nunha realidade na que as redes sociais gañan cada día máis peso.