DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das entidades organizadoras deste foro internacional, que arranca este venres

Máis de 300 persoas reuniranse en Tui e Valença nun congreso sobre o futuro da educación

Coas reformas educativas en España e Portugal como foco de análise

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/03/2023

Mirar cara o futuro da educación, pondo o foco no que as reformas educativas aprobadas recentemente en España e Portugal poden supor tanto para a profesión docente como para o impulso dun ensino que teña como piares a igualdade e a sustentabilidade. Estes sons algúns dos obxectivos do I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença, que o venres 10 e o sábado 11 reunirá nestes dous municipios fronteirizos máis de 300 docentes, expertos académicos e estudantado universitario. Tomando como punto de partida modificacións lexislativas como a Lomloe no caso de España, o congreso porá o foco en “como mellorar a práctica educativa, en todos os cambios que implica unha reforma deste tipo e o que supón tanto para a profesión como para a formación dos futuros educadores”, como sinala o profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Cid, membro do comité organizador dun congreso promovido, entre outros, polo grupo de docentes que integran o proxecto Atlántida e polo grupo de investigación Ensino e Innovación Pedagóxica (EIP) da Universidade do Porto.

Baixo o título Reformas educativas en Portugal-España no contexto das Eurocidades, este congreso internacional terá lugar o 10 de marzo, no Auditorio Esce de Valença, combinando a asistencia presencial e virtual, e continuará ao día seguinte, xa de xeito presencial, no Teatro Francisco Sánchez de Tui. Organizado coa colaboración, entre outros, do Ministerio de Educación e Formación Profesional, a Xunta de Galicia e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trátase dun congreso con inscrición gratuíta, que, como explica Cid, conta xa con máis de 300 participantes confirmados. “Por un lado, está a xente do mundo profesional, da man dos centros de formación de profesorado, e por outro, a parte do profesorado e alumnado universitario”, sinala o docente e decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, que estará representada neste foro por preto de 50 docentes e estudantes. Nese senso, o congreso tratará tanto de afondar “en como levar á practica a nova reforma educativa”, como de promover unha reflexión “sobre como debe ser a educación do futuro”, ao mesmo tempo que “tamén hai un espazo para educación social e a intervención comunitaria, tendo en conta esa necesaria conexión entre escola, familia e sociedade, que deben camiñar na mesma dirección”, salienta Cid.

Do panorama xeral ás experiencias levadas a cabo nas aulas  

Alén de afondar nos cambios normativos, o congreso buscará tamén mirar cara o futuro da educación e pór de relevo a necesidade de que estes cambios contribúan a levar ás aulas “piares fundamentais da educación, como a igualdade e a sustentabilidade”, cuestións nas que, lembra Cid, cómpre “formar a infancia xa desde infantil e superar a idea de centrar o ensino só nos contidos”. Nese senso, a importancia que outorga a Lomloe á adquisición de competencias transversais será un dos temas á tratar nun congreso no que representantes de centros educativos, tanto de Galicia como de Portugal, presentarán diferentes experiencias levadas á cabo nos seus centros. Esta serie de presentacións permitirán así mesmo abordar outro dos aspectos “que se fomentan coa nova reforma, como é a relación da escola coa familia e a comunidade”, ou o papel outorgado ás novas tecnoloxías, “que hai que introducilas no sistema educativo, pero sabendo como poden favorecer á aprendizaxe”, subliña este membro do comité organizador.

A estas mesas sumaranse á súa vez unha serie de conferencias que permitirán “analizar tanto a realidade portuguesa, como a do estado español”, engade. Cid será de feito o encargado de presentar, na xornada do sábado, ao exreitor da Universidade de Lisboa, Antonio Sampaio da Nóvoa, “que foi tamén representante na Unesco e candidato á presidencia da República” e que centrará a súa conferencia “nos desafíos na formación inicial do profesorado e na reforma necesaria da profesión”.

Dous días, dúas sedes

O congreso botará a andar na tarde do venres en Valença, nunha xornada que inaugurarán entre outros, os secretarios de Estado de Educación de España e Portugal, José Manuel Bar e António Léite. O catedrático de Didáctica da UNED e exasesor de educación do Banco Mundial Juan Manuel Moreno será o encargado de impartir a conferencia inaugural e nesta primeira xornada terán lugar tamén dúas mesas sobre as reformas educativas dos dous países.

Xa o sábado 11, o congreso continuará en Tui con novas mesas sobre experiencias de innovación, avaliación das aprendizaxes e desenvolvemento de proxectos sustentables no ámbito da inclusión, coa participación do catedrático da Universidade de Granada Antonio Bolivar e do coordinador xeral do proxecto Atlántica, Francisco Luengo, entre outros. Tamén están previstos nesta xornada relatorios sobre o perfil profesional dos docentes e a integración das tecnoloxías nas prácticas pedagóxicas. Finalmente, o congreso celebrará na tarde do sábado o seu acto de clausura, no que participarán o alcalde de Tui e o presidente da Cámara Municipal de Valença, xunto coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e representantes do proxecto Atlántida e a Deputación de Pontevedra.