DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Ana Acuña é unha das comisarias da exposición inaugurada este venres no Museo Gaiás

Máis de 300 pezas para “reconstruír a intrahistoria” da Xeración Nós

Trátase da mostra máis ampla dedicada a este grupo de intelectuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/10/2020

Como “a mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós” preséntase Galicia. De Nós a nós, a exposición que, a través de máis de 300 pezas, busca pór de relevo o legado deste grupo de intelectuais, coincidindo co centenario da publicación, en 1920, do primeiro número da revista Nós. Promovida pola Xunta de Galicia, dentro da programación do Xacobeo 2021, a exposición que este venres foi inaugurada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura foi comisariada pola investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo Ana Acuña e polo investigador e académico da Real Academia Galega Alfonso Vázquez Monxardín. “Os comisarios, como aquela xeración do século pasado, puxemos por riba de todo o noso desexo de superación, co fin de estudar o contexto, o nacemento da revista en 1920 co seu valor universal e autóctono, dentro e fóra da terra”, salientou Acuña, citando o propio editorial do primeiro número de Nós, no acto de apertura da exposición. Grazas ás achegas de 64 institucións e coleccionistas privados, a mostra reúne unha serie de pezas e documentación que permiten, como sinala Acuña, “reconstruír a intrahistoria de Nós”.

Inaugurada este venres polo presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; ou o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar, exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores. Asemade, reúne as obras cedidas por 45 institucións galegas, entre as que se atopa a propia Universidade de Vigo. Nese senso, Acuña recoñece que “a busca de materiais relacionados co desenvolvemento da revista Nós e a imprenta foi complexa, pola época histórica na que se insirenn", motivo polo que pon o acento na colaboración de numerosas institucións. “A nivel persoal, como investigadora, quero manifestar o meu agradecemento pola posibilidade de aprender e coñecer a memoria de Nós”, engadiu na inauguración dunha mostra que “pon en valor á Xeración Nós”, principalmente a través dunha revista “que actuou como unha plataforma de coñecemento onde a tradición dialogou coa modernidade”. 

De documentos de 1920 á realidade aumentada

A “concepción desta exposición”, explica Acuña, foi realizada conxuntamente pola investigadora do campus pontevedrés e Vázquez Monxardín, para despois cada un dos comisarios pasar a centrarse “en varias das cinco seccións das que consta” a mostra, que permanecerá no Museo Centro Gaiás ata o 17 de xaneiro. A exposición, que, como salienta a Xunta, traza un percorrido desde a época na que desenvolveu a súa actividade este grupo de intelectuais ata a actualidade, presenta os 134 números da revista publicado entre 1920 e 1935. Á súa vez, reúne por primeira vez documentación, que se atopaba dispersa por distintos arquivos, e que ilustra o desenvolvemento desta revista, desde os estatutos e títulos de socio da Sociedade Nós, a recibos, subscricións, facturas e libros de contas, pasando por correspondencia entre os seus protagonistas. 

Galicia. De Nós a nós permite tamén contemplar pezas a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa físico realizado en España empregando métodos científicos e matemáticos, realizada a comezos do século XIX por Domingo Fontán, e que era propiedade de Ramón Otero Pedrayo. Así mesmo, permite contemplar unha serie de obras que foron obxecto de estudo da revista, como os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, o puñal de Beluso, a estela de Florderrei Vello ou o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, que por primeira vez saía do seu emprazamento orixinal. Do mesmo xeito, tamén se expoñen por primeira vez, lembra Acuña, materiais procedentes do estranxeiro como “o Saint Jacques chegado dende Ville de Morlaix e que lle impactara a Castelao na súa viaxe a Bretaña e a tese sobre o galego redactada pola alemá Margot Sponer”.

Por outra banda, a exposición fai uso das novas tecnoloxías como un elemento que axuda a construír o relato expositivo, a través do uso de elementos interactivos, audiovisuais ou de realidade aumentada, que por mor da situación xerada pola covid-19 empregan tecnoloxías sen contacto físico, como sensores de presenza e movemento. Estes elementos permiten, por exemplo, recrear virtualmente o campamento romano de Aquis Querquennis, afondar nos temas, autores e conexións internacionais da revista, experimentar coa iconografía dós deseñada por Castelao ou “viaxar ás cidades galegas do século XIX a través da cartografía da época”, segundo destaca a Xunta. O percorrido expositivo complétase co traballo gráfico do ilustrador Álvaro Valiño e unha peza audiovisual sobre a pegada de Nós na sociedade galega do século XXI, na que participan, entre outros, o cineasta Óliver Laxe, a fotógrafa Lúa Ribeira ou a poeta Yolanda Castaño. 

Ourense e Pontevedra

Tras a súa estancia na Cidade da Cultura, a exposición, promovida coa colaboración da Deputación de Ourense, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre febreiro e abril do vindeiro ano, para logo, entre maio e xullo, exhibirse no Museo de Pontevedra.