DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xavier Labandeira participa cunha cincuentena de expertos na Moving for Climate NOW

Máis de 300 quilómetros pedaleando contra o cambio climático

A marcha coincide co Cumio de Marrakech, onde Labandeira participará como membro da delegación europ

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/11/2016

Durante as próximas semanas o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira mudará as aulas e o campus de Vigo polas paisaxes de Marrocos; o coche pola bicicleta eléctrica e as compañías habituais de estudantes e docentes, polas dun grupo de cincuenta profesionais de empresas, institucións e organizacións comprometidas coa loita polo cambio climático. Todos estes trocos derívanse da participación do docente e investigador da institución académica viguesa na marcha Moving for Climate NOW, que hoxe parte de Sevilla e chegará a Marrakech o 16 de novembro tras percorrer 1100 quilómetros en 10 etapas co obxectivo de transmitir á sociedade a urxencia de combater o cambio climático, a necesidade de unir esforzos desde todos os ámbitos e a esixencia de actuar con rapidez e ambición. A marcha, que coincide coa celebración do Cumio do Clima COP22, onde as e os participantes na Moving for Climate NOW farán entrega dun manifesto de apoio ás negociacións internacionais sobre o clima, está organizada pola Red Española del Pacto Mundial de las Naciones Unidas xunto con Iberdrola en nela tomarán parte representantes, entre outros organismos, da Comisión Europea, a Axencia Internacional da Enerxía, a Oficina Española de Cambio Climático, o concello de Sevilla, Cruz Roja, Ayuda en Acción e universidades como a Pontificia de Comillas, a Pablo Olavide e a Cambridge University.

Labandeira, que participará nas tres derradeiras etapas da marcha cubrindo unha distancia duns 320 quilómetros, considera esta experiencia “moi enriquecedora desde diversos puntos de vista. Mostra a importancia da concienciación da sociedade para afrontar este gran problema, a relevancia do diálogo entre académicos e unha representación de axentes que son cruciais para afrontar o cambio climático (empresas, ONGs, decisores políticos, etc.) e a colaboración e intercambio de vivencias entre o mundo emerxente e as sociedades desenvolvidas”. Sobre as súas bicicletas eléctricas as e os participantes na marcha poderán gozar de actividades paralelas como eventos culturais coas torres da Giralda, a Torre Hasán e a Kutubía como eixo central, así como exposicións cada fin de etapa a cargo dos propios expertos en cambio climático sobre diferentes temas relacionados con esta cuestión: enerxía e cambio climático, políticas de sensibilización e educación, financiación climática ou o papel dos axentes.

Compartir o aprendido no deseño e avaliación económica das políticas climáticas

Aínda que practica o ciclismo de xeito ocasional e habitualmente coa familia en actividades de lecer, Xavier Labadeira leva unhas semanas poñéndose a punto fisicamente “para poder seguir sen apuros as últimas etapas da marcha”. O catedrático, que se considera moi afortunado por poder coñecer a golpe de pedal Casablanca, Marrakech e o territorio que as separa, cree que a súa principal achega a esta marcha é compartir a súa experiencia no deseño e avaliación económica das políticas climáticas, “o traballo realizado en Vigo, pero tamén no EUI de Florencia, poderá enriquecer os debates que se produzan ao final das etapas. Ademais espero que compartir o aprendido da miña participación no IPCC poda ser útil nun entorno tan heteroxéneo e interdisciplinar”.

Unha vez en Marrakech o 16 de novembro, as e os participantes na marcha farán entrega no Cumio do Clima dun manifesto de apoio ás negociacións internacionais, “creo que é un manifesto moi interesante por que fala da necesaria involucración de todas e todos, cidadáns, empresas, universidades, para resolver un dos grandes desafíos os que se enfronta a humanidade hoxe”.

Acceso ao cumio como membro da delegación europea

Nun ano no se limitou moito o acceso ao Cumio ás persoas que non pertenzan aos equipos negociadores dos distintos países participantes, Xavier Labandería terá acceso á xuntanza como membro da delegación europea, grazas á colaboración que mantén coa Comisión Europea o centro de investigación que dirixe en Florencia. “Terei acceso ao Cumio como parte da delegación da UE o último día e espero poder ver en vivo o peche dos acordos. Ademais asistirei aos chamados eventos paralelos que se levan a cabo á vez que a negociación”, explica o catedrático, que agarda que o Cumio sexa un bo punto de partida para o desenvolvemento normativo do acordado en París. “Creo que o feito de chegarmos a el co acordo e vigor, algo que poucos imaxinaban hai semanas, será un aliciente importante para chegar a un bo resultado”, explica Labandeira.