DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de actos que estenderán ata o venres 29 

Máis de 400 estudantes do campus celebran neste mes de xuño a súa graduación

O alumnado de Belas Artes desenvolveu este evento en maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Graduación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/06/2026

Máis de 430 novos titulados e tituladas pola Universidade de Vigo porán peche nas próximas semanas a unha etapa formativa e vital no campus de Pontevedra, acompañados do seu profesorado, compañeiros e compañeiras, familias e autoridades académicas. Farano nos actos de graduación que as diferentes facultades e escolas promoven ao longo deste mes de xuño e que se viron precedidos polo celebrado xa no mes de maio polo alumnado do Grao en Belas Artes, coa participación de preto de 90 novos egresados e egresadas. 

Os recoñecementos das e dos seus docentes estes últimos catro anos, as bandas e os diplomas serán novamente protagonistas neste treito final de curso, nunha serie de actos que terán lugar nas tardes dos venres e que se estenderán ata o 29 de xuño, cando terá lugar a graduación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que despedirá un total de 228 novos graduados e graduadas. 

Non obstante, o primeiro en festexar o fin dunha etapa formativa foi o alumnado da Facultade de Belas Artes, que reuniu o pasado 8 de maio no Pazo da Cultura 89 novos graduados e graduadas, nun acto organizado por un grupo de estudantes e no que a profesora Susana Cendán exerceu como madriña académica.

Comunicación Audiovisual abre os actos deste mes

Organizado tamén polo alumnado, coa colaboración da Facultade de Comunicación, a primeira graduación deste mes de xuño terá lugar este venres 5, no salón de actos deste centro. Nun acto no que a entrega de bandas e diplomas combinarase con proxección dun vídeo recompilatorio dos catro anos na titulación, a facultade despedirá 34 novos graduados e graduadas en Comunicación Audiovisual, que terán nos profesores Diana Ramahí e Oswaldo García a súa madriña e padriño académico.

Unha semana despois, o venres 12, esta facultade despedirá 79 novos graduadas e graduadas en Publicidade e Relacións Públicas, nun acto programado para as 17.00 horas e que terá lugar no auditorio do Centro Príncipe Felipe. Organizado por un grupo de estudantes, en colaboración coa facultade, as e os integrantes da décimo sétima promoción deste grao terán como padriño e madriña académica a Iván Puentes e Carmen Maiz, mentres que Pedro Figueroa e Rafael Sierra exercerán como padriños profesionais. 

Tamén o venres 12 ás 17.00 horas, a Facultade de Dirección e Xestión Pública promove a graduación de 12 novos titulados e tituladas da modalidade presencial do grao e doutros 12 egresados e egresadas da virtual. No primeiro dos casos, o profesor Constantino Cordal exercerá como padriño académico, mentres que Vitoria Canoura será a madriña da terceira promoción do grao virtual, nun acto que terá como convidado de honra ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e que se levará a cabo no salón de actos do edificio que este centro comparte coa Facultade de Comunicación.

Nesa mesma xornada, dará comezo unha hora máis tarde o acto promovido pola Escola de Enxeñaría Forestal. O profesor Juan Luis Somoza e a profesora e directora do centro, Ángeles Cancela, exercerán como padriño e madriña académica das e dos 20 integrantes da décimo terceira promoción do Grao en Enxeñaría Forestal.

Os últimos actos, en Fisioterapia e CC da Educación e do Deporte

O 19 de xuño, ás 18.00 horas, chegará a quenda da XVII promoción de graduados e graduadas en Fisioterapia, nun acto que terá lugar tamén no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. 46 novas e novos fisioterapeutas recollerán as dúas bandas e diplomas nun acto no que Esther Monge e Gustavo Rodríguez exercerán como madriña e padriño académico e que contará coa actuación do coro polifónico universitario do campus. 

Finalmente, este mes de graduacións pecharase no campus na tarde do 29 de xuño, co acto que reunirá un maior número de titulados e tituladas. Nesta xornada, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte despedirá aos e ás integrantes das décimo cuartas promocións dos tres graos que se imparten neste centro. Farao en tres actos consecutivos, que terán lugar a partir das 16.00 horas no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. Neles recibirán as súas bandas e diplomas 68 novos titulados e tituladas en Educación Primaria, que terán como madriña e padriño a Sara Vázquez e Jorge Soto; 75 graduados e graduadas en Educación Infantil, con Rubén Domínguez e Sara Domínguez Lloria como madriña e padriño; e 85 novos titulados e tituladas en Ciencias da Educación Física e do Deporte, que elixiron a Marián Fernández e Roberto Barcala como madriña e padriño académico.