Desenvólvense nos meses de maio e xuño e permiten coñecer tamén a xiloteca situada na EE Forestal
Máis de 400 estudantes de primaria e secundaria participan nas visitas guiadas ao arboreto do campus
Procedentes de cinco centros de ensino
Procedentes de cinco colexios e institutos, un total de 431 estudantes de primaria e secundaria amplían nestas semanas os seus coñecementos sobre biodiversidade nunha serie de visitas guiadas ao arboreto e á xiloteca do campus. Promovida pola Vicerreitoría, esta actividade incorpora por primeira vez a estudantado de primaria, así como unha sesión formativa nos propios centros, previa ás visitas que desde mediados de maio se desenvolven no campus.
O punto de partida desta actividade é a ruta do arboreto do campus, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite coñecer os exemplares máis representativos das 350 árbores, pertencentes a 54 especies e 28 familias, que poden verse no campus e que se atopan xeorreferenciadas nunha base de datos. Coordinados polo enxeñeiro forestal Luis Ángel Gómez, a estes percorridos guiados por parte da ruta sumáse ademais a visitas das e dos estudantes á xiloteca do campus, unha colección de madeiras integrada por 411 táboas de 93 especies, emprazada na Escola de Enxeñaría Forestal.
Formación previa e recursos para continuar traballando
Outra das novidades dunha actividade que a Vicerreitoría promove desde 2019 foi que estas visitas víronse nesta ocasión precedidas por “unha pequena charla de presentación do arboreto e da xiloteca”, explica Gómez. Impartida previamente nos diferentes centros, tiña como obxectivo achegar ao estudantado “diferentes conceptos” que logo serían abordados na actividade desenvolvida no campus.
Dirixida a abordar cuestións como “cambio climático, contaminación, flora e fauna, conservación ou sostibilidade”, esta actividade vese complementada polas unidades didácticas, desenvolvidas pola Vicerreitoría, co apoio do Consello Social da UVigo. Dispoñibles, xunto coas guías do arboreto e da xiloteca, no espazo web dedicado ás coleccións do campus, estes recursos didácticos combinan información, actividades e xogos coa idea de que, “unha vez que os nenos visitan estes recursos, poidan repasar co profesorado os coñecementos adquiridos”.
De primaria a 4º da ESO
As primeiras visitas deste curso enmarcáronse nas actividades da Feira da Miniciencia, o evento final do programa Pontenciencia, celebrado o 9 e 10 de maio. Unha semana máis tarde, visitaban o arboreto e a xiloteca 25 alumnos e alumnas do colexio Juan Sebastián Elcano, na que foi a primeira participación de estudantes de primaria nesta actividade. Pouco despois, participaban nesta iniciativa 40 estudantes de 4º da ESO do IES Frei Martín Sarmiento e, nos últimos días, sumábanse a esta actividade 120 alumnos e alumnas do IES Sánchez Cantón e outros 120 estudantes do IES A Xunqueira II. Finalmente, 52 mozos e mozas procedentes do colexio SEK-Atlántico protagonizarán o vindeiro mércores 11 a última das visitas programadas para o presente curso.