DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de 13 colexios, principalmente da provincia de Pontevedra

Máis de 500 estudantes de primaria e secundaria participaron este curso no programa de fomento de vocacións Inspira STEAM

40 mentoras axudan a derrubar estereotipos de xénero sobre as profesións científico-tecnolóxicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 31/05/2024

Máis de 500 nenos e nenas de colexios galegos participaron durante este curso no programa Inspira STEAM da Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira de mentoría que, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, busca fomentar o interese da xuventude cara a ciencia e a tecnoloxía, centrándose especialmente nas nenas para espertar entre elas vocacións profesionais en sectores tradicionalmente masculinizados. 

Para agradecer a implicación dos nenos e nenas, dos seus centros educativos e das persoas mentoras, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria celebrou este venres no edificio Redeiras o acto de clausura da sexta edición, que se desenvolveu ao longo do curso 2023/2024 en 13 colexios e institutos, principalmente da provincia de Pontevedra. A finalidade de Inspira STEAM é empregar a mentoría grupal para desbotar estereotipos de xénero que condicionan a elección das carreiras entre mozos e mozas e achegarlles a todos eles referentes profesionais que lles sirvan como inspiración. 

507 nenos e nenas e 40 mentoras

Ao longo de varias sesións e durante todo o curso, as nenas e nenos coñecen referentes femininos no eido da tecnoloxía, a enxeñaría, a ciencia, as matemáticas, etc. así como as saídas profesionais das diferentes titulacións. Ademais adquiren coñecementos para desbotar os estereotipos de xénero que acompañan a moitas destas profesións a través da experiencia directa de mulleres que apostaron por estudar no eido STEAM e agora desenvolven a súa carreira profesional nestes campos. Nesta edición foron 36 mentoras e catro mentores os que acompañaron aos 507 estudantes (249 mozas e 258 mozos) durante este período, contando ademais coa colaboración de empresas comprometidas coa iniciativa como Marine Instruments, CTAG, Beta Implants, Gradiant, Optare Solutions e Gestamp.

A encargada de presentar estas cifras foi Ana Caamaño, técnica de Captación de Alumnado, que estivo acompañada por representantes tanto dos colexios como de mentoras desta edición do programa. Aínda que a participación foi menor ca da pasada edición, non foi por falta de interese dos centros educativos, xa que algúns tiveron que quedar fóra, senón por falta de mentoras e mentores, polo que a representante da UVigo fixo un chamamento para ampliar esta rede de profesionais involucrados no programa. Caamaño tamén puxo en valor a presenza de catro homes no equipo de persoas mentoras e recalcou que “é moi importante que se vaian incorporando máis mentores ao proxecto”.

Precisamente, o papel das mentoras foi o eixo central da mesa redonda posterior, na que participaron representantes de entidades comprometidas co proxecto, neste caso Marine Instruments, así como a directora do CPI Cova Terreña de Baiona, Isabel Martínez Cabaleiro, e dúas mentoras, Ara Núñez Montenegro, que colaborou co IES Rosais 2 e o CEIP Seis do Nadal, e Silvia Bastos Molares, que realizou actividades tamén no CEIP Seis do Nadal. Aínda que todas destacaron o importante papel das empresas colaboradas, que facilitan a participación das súas traballadoras dando todas as facilidades, e a colaboración dos colexios e institutos, o foco principal do debate estivo nas mentoras e menores, cuxo papel é o eixo central do programa. Sen o seu tempo, o seu esforzo en preparar as sesións e a súa implicación sería imposible chegar a todos estes nenos e nenas. Unha destas mentoras é Silvia Bastos, enxeñeira de Telecomunicación en Marine Instruments, que leva xa tres anos no proxecto. Dende a súa experiencia, un dos puntos fortes de Inspira STEAM é que abrangue todas as partes do proceso, dende os colexios, que son o punto de partido, o primeiro no que comezan a xurdir prexuízos e estereotipos, ata as empresas, que son o último elo da cadea e onde van terminar as traballadoras do futuro. Coincidía con ela Inmaculada Bodega, directora de Recursos Humanos de Marine Instruments, que puxo en valor a importancia de trasladarlle aos nenos e nenas “a realidade dunha contorna tecnolóxica, do traballo técnico para poder xerar inquedanzas e interese sobre todo no colectivo feminino”, pero tamén recoñecía que “aínda que somos unha Peme e temos que investir parte das horas de traballo das mentoras para que o dediquen a inspirar, isto ten retorno, interésanos como empresa” porque esas nenas e nenos poden ser os tecnológos e tecnólogas e enxeñeiros e enxeñeiras do futuro.

A mentora Silvia Bastos tamén subliñou a oportunidade que supón Inspira STEAM para traballar na contorna, “se queremos ser referentes é importante que sexamos referentes próximas, persoas normais que decidimos estudar unha carreira tecnolóxica, e gústame pensar que iso axuda, sobre todo a aquelas nenas que teñen dúbidas, como as tiven eu; ter unha persoa, un referente pode axudalas a seguir as súas vocacións, como foi o meu caso”, exemplificaba.

Tras rematar o debate tivo lugar unha entrega de diplomas ás persoas e entidades implicadas nesta sexta edición que deixará paso a unha nova experiencia para o vindeiro curso, para a que en breve se abrirán as inscricións.