DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase o vindeiro xoves 5 en diferentes instalacións deportivas 

Máis de 500 persoas participarán en Pontevedra no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

Coa participación de 35 equipos das tres universidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 28/02/2020

35 equipos, integrados por máis de 500 alumnos e alumnas das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, competirán o vindeiro xoves 5 de marzo no XXIII Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos. Baixo a organización da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, cinco instalacións deportivas da cidade acollerán, de xeito simultáneo, as competicións, masculinas e femininas, de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, rugbi 7 e voleibol, nas que se decidirán os representantes de Galicia na fase final do Campionato de España Universitario.

Coa excepción do balonmán feminino, no que mediranse só os equipos de Vigo e Santiago, todas as competicións serán triangulares entre os representantes das tres institucións académicas. Nalgúns dos casos, explica o técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus, Gustavo Loureiro, trátase de seleccións creadas para esta competición, mentres que noutros compiten os gañadores das ligas internas. “Iso depende de cada universidade, no noso caso, compite o gañador do Torneo Intercampus naquelas modalidades nas que as ligas teñen máis de dez equipos”, como sería o caso do fútbol e fútbol sala masculino, mentres que nos restantes casos realízase unha selección coa colaboración das diferentes federacións.

Unha xornada de convivencia e deporte

Coa colaboración do Concello de Pontevedra, este XXIII Campionato Galego Universitario arrincará ás 10.00 horas en cinco sedes diferentes. Concretamente, a competición de baloncesto terá lugar no Pavillón Universitario, mentres que os partidos de balonmán desenvolveranse no Pavillón Municipal de Deportes e os de fútbol nos campos de A Xunqueira. O rugbi 7 trasladarase a Monteporreiro mentres que as competicións de fútbol sala e voleibol celebraranse no Pavillón Multiusos da Xunqueira. O torneo pecharase ás 18.00 horas coa entrega de trofeos nas diferentes instalacións, completando así unha xornada de deporte e convivencia entre estudantes das tres universidades galegas.

A universidade gañadora en cada unha das modalidades obtén nesta competición a súa clasificación directa para o Campionato de España Universitario de Deportes Colectivos, ao non desenvolverse neste 2020 un torneo interautonómico previo, aínda que a participación final dos equipos, explica Loureiro, dependerá dos requisitos que determine cada institución académica.

O running súmase á oferta deportiva do campus

Máis aló do campionato universitario, a Área de Benestar, Saúde e Deporte sumará a vindeira semana unha nova proposta ao abano de actividades que oferta no campus pontevedrés aos usuarios e usuarias do abono Muver. A partires do vindeiro luns 2 de marzo e ata o 31 de maio, os abonados e abonadas poderán inscribirse, de xeito gratuíto, en running, unha nova actividade dirixida que se desenvolverá os luns e mércores entre as 20.00 e 21.00 horas. Trátase, como sinala Loureiro, dunha nova proposta que substitúe nesa franxa horaria a defensa persoal e xogos e deportes colectivos e que está destinada “non  á xente que xa corre habitualmente, senón a persoas que queiran iniciarse e saír a correr en grupo, cun monitor que lles guía”, aproveitando nese senso a proximidade da Illa das Esculturas ao Pavillón Universitario. Para participar, os aboados e aboadas deberán inscribirse, un máximo de 24 horas antes de cada sesión, a través da plataforma Campusactivo.