DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das iniciativas do proxecto europeo Sherpa do Mar, liderado polo grupo REDE

Máis de 60 candidaturas compiten por participar na primeira edición do programa de emprendemento Sherpa Journeys

Seleccionaranse 12 finalistas que recibirán asesoramento personalizado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 07/10/2020

60 ideas empresariais provenientes tanto de Galicia como do norte de Portugal competirán por acadar un dos 12 postos finalistas da primeira edición do programa de emprendemento Sherpa Journeys, iniciativa posta en marcha ao abeiro do proxecto europeo Sherpa do Mar, liderado polo grupo de investigación REDE da Universidade de Vigo e cuxa principal finalidade é crear un ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no ámbito mariño-marítimo e da denominada economía azul que favoreza a xeración de emprego a través do fomento de sinerxías tecnolóxicas-científicas e da competitividade das empresas.

O 40% das iniciativas están lideradas por mulleres

A primeira convocatoria do programa péchase así cunha elevada participación e con datos relevantes en canto a emprendemento feminino, xa que un 40% das ideas que se presentaron ao concurso están lideradas por mulleres. En canto ao perfil das e dos aspirantes, a maior parte sitúase entre os 20 e os 60 anos, e presentan iniciativas empresariais maioritariamente en fase de concepción (42%) e de prototipado (35%), aínda que tamén concorren ideas en fases de maduración máis avanzadas.

Por sectores, as propostas concéntranse fundamentalmente nos ámbitos da pesca e a acuicultura, seguidas do turismo e da náutica de recreo e deportiva. Hai tamén, en menor representación, cuestións relacionadas cos servizos marítimos e portuarios, transporte marítimo, industria auxiliar e reparación naval.

Todas as ideas nun catálogo en liña de ideas de negocio

Entre todas as candidaturas recibidas seleccionaranse 12 proxectos finalistas que nas vindeiras semanas deberán superar as fases de verificación de elexibilidade, avaliación e unha entrevista con persoal asesor especializado en transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Despois, unha vez xa finalizado o proceso de selección, poderán acceder ao programa para recibir apoio e asesoramento personalizado para consolidar o desenvolvemento e crecemento da iniciativa. A maiores, desde o comité organizador tamén destacan que todas as propostas aspirantes a entrar en Sherpa Journeys estarán presentes nun catálogo de ideas de negocio en liña, onde gañarán visibilidade para establecer contactos con potenciais colaboradores e investidores.

Sherpa do Mar conta con preto dun millón de euros de financiamento

Liderado polo grupo Rede da Universidade de Vigo, o proxecto  Sherpa do Mar conta coa participación de Campus do Mar e a Vicerreitoría de Investigación, o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña, pola parte galega, e a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela (UPTEC), a Universidade de Oporto, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR) e o Forum Oceano-Associacão da Economia do Mar, pola portuguesa. Integrado no Programa de cooperación transfronteiriza Interreg V-A España Portugal Poctep 2014-2020, o proxecto arrancou o pasado verán e prolongarase ata decembro do vindeiro ano.  Para a súa posta en marcha e desenvolvemento cóntase cun orzamento total de 997.184 euros.