DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seminario "Teoría de Categorías e Aplicacións"

Máis de 60 matemáticos de todo o mundo debaten sobre estruturas alxebraicas na EU de Enxeñaría Técnica Forestal

As sesións durarán ata o venres 12 de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 10/09/2008

Máis de 60 expertos internacionais no eido das matemáticas debaten estes días sobre estruturas alxebraicas no seminario Teoría de Categorías e Aplicacións que ten lugar na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal. A iniciativa, organizada pola Rede Temática Galega de Álxebra, Computación e Aplicacións (Regaca), pretende xuntar a especialistas nesta disciplina procedentes de universidades de todo o mundo para poñer en común as súas liñas de investigación e os seus principais traballos neste campo. Segundo explicou o profesor do Departamento de Matemática Aplicada I e membro do comité organizador, José Manuel Casas, “tratase do quinto encontro no que reunimos a personalidades de primeiro nivel para afondar na teoría de categorías, unha ferramenta moi importante xa que pódese aplicar a diferentes áreas das matemáticas e de outras disciplinas”.
Ata o vindeiro venres 12 de setembro, conferencias, debates e sesións paralelas darán contido ao seminario no que o principal tema a tratar é a teoría de categorías, é dicir, “a que estuda as estruturas alxebraicas en conxunto e as súas aplicacións a diferentes campos como a topoloxía alxebraica, xeometría, robótica, etc”, apuntou Casas. O relatorio inaugural veu da man do profesor da Universidade Louis Pasteur de Francia, Jean-Louis Loday, e ao longo dos tres días que durará o seminario contarase coa participación de recoñecidos compañeiros de profesión como Julia Bergner, da Universidade de California; Daniel Arias, da Universidade de León; Christian Blohmann, da Universidade de Regensburg en Alemaña; Josep Elgueta, da Politécnica de Cataluña e Frank Neumann, da Universidade de Leicester en Reino Unido, entre outros.
O acto de inauguración do encontro estivo presidido polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, quen subliñou “a gran honra que supón para a Universidade contar con este congreso e máis concretamente para o campus de Pontevedra”. Ademais, engadiu o vicerreitor, “cando se trata de matemáticas existe un enorme respecto, sobre todo cando se provén do mundo das artes, aínda que sempre hai conexións moi interesantes entre ambas disciplinas”. Pola súa banda, o director da escola, Luis Ortiz, deu a benvida a todos os participantes e destacou o marcado carácter internacional do evento.

Unha porta aberta para as novas promesas das matemáticas

Ademais de xuntar a expertos na teoría de categorías procedentes de todo o mundo, o seminario permitirá ás novas promesas das matemáticas amosar aos participantes as súas principais liñas de investigación e estudos. Tal e como explicou a integrante do comité organizador, Nuria Corral, “se os novos talentos non dan a coñecer o seu traballo, non servirá de nada, quedarase no caixón”. Deste xeito, a través de sesións paralelas, de comunicacións curtas e de pósteres, os asistentes poderán escoitar e afondar nos estudos de 12 mozos e mozas que están comezando a súa andaina no eido das matemáticas.

A próxima cita en Málaga

O seminario nacido no 2003 chega a Pontevedra na súa quinta edición, tras celebrarse en anos anteriores nas cidades de Logroño, Granada, Santiago de Compostela e Barcelona. Os expertos no eido das matemáticas daranse cita de novo o vindeiro curso, tocándolle a quenda en esa ocasión a Málaga.