DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada polo Observatorio Eólico de Galicia, entidade adscrita á Universidade de Vigo

Máis de 70 persoas participan nunha xornada para analizar o impacto ambiental e patrimonial dos parques eólicos

O evento continúa o 16 e 23 deste mes debatendo sobre outros aspectos deste tipo de proxectos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
M. Del Río DUVI 09/07/2021

O ‘boom’ dos parques eólicos en Galicia está a xerar múltiples inquedanzas entre as comunidades afectadas por estes proxectos, preocupades polos efectos sociais, económicos e ambientais destas explotacións. Para achegar un pouco de luz a esta situación, o Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, entidade adscrita á Universidade de Vigo que conta co apoio das fundacións Juana de Vega e Isla Couto, programou para este mes de xullo unhas xornadas divulgativas con expertos do mundo do Dereito coa finalidade de “comprender mellor como avanzar nunha configuración institucional que contribúa á transición cara unha sociedade enerxeticamente sustentable onde os aspectos sociais, económicos e ambientais dos territorios con valor eólico non queden á marxe”.

As xornadas Marco Xurídico e Enerxías Renovábeis: o caso dos parques eólicos comprende tres citas, en tres venres consecutivos destes mes. A primeira delas este 9 xullo, centrada nas intervencións no ámbito do impacto territorial. As próximas serán o día 16, sobre a temática das terras agrarias e os seus valores económicos e ambientais e o 23, cando os relatores abordarán varios estudos de caso. As xornadas contan, como explicaba no acto de apertura o profesor do Departamento de Economía Aplicada e director do OEGA, Xavier Simón, “coa participación de importantes técnicos e técnicas relacionados co eido xurídico, coas enerxías renovables e co medio rural nun intento de construír unha narrativa substitutiva ou distinta á que ten dominado ata agora no eido da relación entre as enerxías renovables e o medio rural”. O obxectivo “sincero e aberto”, recalcaba Simón, “é construír unha sociedade rural galega máis sustentable dende o punto de vista ecolóxico e enerxético, onde as comunidades rurais e os movementos sociais vinculados a elas, os produtores, os habitantes, os galegos e galegas en definitiva, nos sintamos integrados nese proceso de transición enerxética no que estamos inseridos”. 

Máis de 70 persoas inscritas de eidos moi diversos

Dende a organización amósanse “encantados” coa repercusión do evento, xa que nesta primeira xornada contaron con máis de 70 persoas inscritas, principalmente de Galicia, pero tamén doutras comunidades. Simón destacou que as e os participantes proceden de eidos ben diversos, dende administracións públicas, empresas promotoras das enerxías renovables, empresas do medio rural, colectivos de propietarios de terras, representantes das tres universidades galegas, grupos ecoloxistas, alcaldes e alcaldesas, técnicos municipais, xente do mundo da arquitectura ou da arqueoloxía e mesmo deputados e deputadas e membros da maxistratura, xunto con representantes dos movementos contra os parques eólicos ou dos sindicatos agrarios. Todos eles puideron coñecer, nesta primeira xornada, o impacto territorial e sobre o patrimonio cultural galego que teñen os parques eólicos da man do profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Alberto Amoedo e de Manuel González, conselleiro técnico da Presidencia-CH do Miño-Sil. Amoedo foi o encargado de abrir a xornada para afondar “nun problema que nos ten a todos bastante alarmados e preocupados”. Como explica o docente, neste 2021 “semella que se tivese desatado unha tormenta perfecta no sector eólico que fai que na actualidade se estean tramitando máis de 200 proxectos que se están analizando na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”. De saír adiante, recalcaba, daría lugar a que se “pespunten de eólicos moitas das cristas das serras que quedan aínda virxes no país”. 

Con todo, Amoedo remarcou que a situación non é nova, “sabíamos que había unha gran cantidade de proxectos que dende o ano 2010, cando se fixo o concurso eólico de Galicia, quedaron sen executar por mor de crise económica”. Agora, as empresas comezan a retomar eses proxectos, animadas tamén polas “promesas” dos fondos Next Generation e nun sector “que ten demostrado destacadas conexións entre as empresas interesadas e os decisores político-administrativos, como é o caso de Beatriz Mato”. 

No que se refire ao impacto cultural, que é no que centrou a súa intervención, Amoedo describía o panorama como “especialmente preocupante”, xa que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, encargada de realizar a avaliación e os informes, “está nunha situación feble e debilitada, con persoal insuficiente” para xestionar os trámites de informes e autorizacións patrimoniais pendentes. “Canto máis medra a presión empresarial, máis se deturpa a calidade dos informes patrimoniais que poden realizar”. Ademais, engadía, en Galicia ten predominado tradicionalmente “un enfoque regulatorio favorable aos intereses empresariais, onde o valemento da protección do patrimonio cultural ten sido claudicante”. Isto, segundo relataba, débese a dous factores que seguen aínda hoxe en vigor “e operando intensamente”. Por unha banda, está o feito de que a definición das áreas de desenvolvemento eólico en Galicia data de 1997 “sen que se fixera un estudo ambiental estratéxico de toda esa cantidade de áreas que se reservaban a aproveitamentos eólicos. Con este plan aínda en vigor, créanse toda unha serie de expectativas económicas que despois son moi difíciles de paralizar”. O segundo factor está relacionado coa propia indeterminación da protección da que gozan os elementos do patrimonio cultural no territorio. A consecuencia é, recalcaba, “que o patrimonio cultural no territorio, mesmo nos seus elementos máis singularizados, como mámoas ou petróglifos, estea moi pouco protexido”.

Dúas citas os dous próximos venres

As xornadas regresarán o próximo venres, día 16 de xullo, para falar sobre as terras agrarias e os seus valores económicos e ambientais, coa participación de Patricia Ulloa, presidenta do Xurado de Expropiación de Galicia e da profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira. O seminario rematará o día 23 abordando varios casos de estudo, da man de Fernández Armesto, xestores da Casa Grande Xanceda (Mesía) e do avogado Xosé Antón Pérez Lema.