Arrancan este venres co da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
Máis de 730 estudantes do campus prepáranse para celebrar nas vindeiras semanas os seus actos de graduación
Rematarán o 27 de xuño con Dereito
Co curso académico enfilando a súa recta final, é tempo de comezar os actos de graduación académica. En total, nas vindeiras semanas arredor de 739 estudantes das diferentes escolas e facultades do campus de Ourense celebrarán o remate dos seus estudos. Elas e eles recollerán de mans de autoridades académicas e acompañados de membros da comunidade universitaria, familiares, amizades e autoridades os seus diplomas e bandas.
Arranque en maio
Os primeiros en celebrar a súa graduación serán as e os estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Será este venres, 23 de maio, ás 18.00 horas, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico nun acto presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Concretamente graduaranse 85 rapaces e rapazas: 49 da XV promoción do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE); 15 da XIV promoción de Turismo; 17 da VII promoción do programa conxunto dos graos de ADE-Dereito, e 4 da IV promoción do programa conxunto Turismo-Xeografía e Historia. A madriña académica de Turismo e Turismo-Xeografía e Historia será Mª Montserrat Cruz e a Institucional Alejandra Seara, xerente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra. En ADE e ADE-Dereito o padriño académico será Jesús Vázquez e o institucional Jorge Vázquez, presidente Redegal. Ademais, subirán a coller o seu diploma os cinco estudantes que conforman a segunda promoción do Título Propio para o Emprego e Vida Autónoma do campus, que terán como madriña a Vanessa Suárez. Por último, no acto farase un recoñecemento ás alumnas de ADE e Turismo que acadaron premios extraordinarios o pasado curso.
O seguinte centro será a Facultade de Educación e Traballo Social, o de maior alumnado do campus. O día 30 de maio, no salón de actos Marie Curie, ás 16.30 h, terá lugar a graduación de Educación Infantil (84 estudantes), estando apadriñados por Isabel Mociño e Xosé Constenla, e ás 19.00 h a de Educación Primaria (90 estudantes), apadriñados neste caso por Mónica Rodríguez e Ricardo Escudero. Xa o día 6 de xuño, no mesmo lugar, ás 16.30 h será a graduación de Traballo Social (70 estudantes), apadriñados por Yolanda García e José Domínguez, e ás 19.00 horas a do Grao de Educación Social (75 persoas), apadriñados por Esther Pérez e Millán Brea. En total, o número de graduadas e graduados deste centro ascenderá este ano a 319.
Graduacións das titulacións científico-tecnolóxicas
Tamén o día 6 de xuño pero ás 18.30 h e na aula magna do edificio Politécnico, graduarase a VI promoción do Grao en Enxeñaría Aeroespacial (37 persoas) e a I do Mestrado Universitario en Enxeñaría Aeronáutica (8 estudantes), ambos títulos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Os padriños serán respectivamente o enxeñeiro aeronáutico Jaime Beneyto Gómez e o profesor Alejandro Manuel Gómez.
Seguiralle a Escola Superior de Enxeñaría Informática o día 13, ás 18.30 h, no salón de actos Marie Curie. Neste caso celebrarán o remate da súa vida académica 111 persoas. Trátase da XIII promoción do Grao en Enxeñaría Informática (94 persoas) e a VII promoción do programa conxunto dos graos ADE-Enxeñaría Informática (2 estudantes), apadriñados por Noelia Hervella e Javier Rodeiro; e a XII promoción do Mestrado en Enxeñaría Informática (9 persoas) e a II promoción do Mestrado en Intelixencia Artificial (6 estudantes), apadriñados por José Ramón Méndez e Víctor Manuel Darriba respectivamente. Durante o acto tamén recibirán os atributos dous novos doutores en Enxeñaría Informática do centro.
O 20 xuño, na mesma sala e ás 18.00 h, será a quenda da Facultade de Ciencias. Recibirán os seus títulos 70 estudantes: a XIII promoción do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (24 persoas); a XII promoción do Grao en Enxeñaría Agraria (13 estudantes); a XII promoción do Grao en Ciencias Ambientais (20 persoas) e o alumnado do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental (13 estudantes). Os graos estarán apadriñados, respectivamente, por Sidonia Martínez e Nelson Pérez; por María Flora Alonso e Daniel Arenas e por Olga Escuredo e Juan Carlos Mejuto. Como é tradición, durante o acto entregaranse os galardóns anuais do centro, que son o Premio Sonia García Falcón ao mellor TFG en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; o Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao mellor TFG en Enxeñaría Agraria e o Premio Julia Franco ao mellor TFG en Ciencias Ambientais.
Peche con Historia e Dereito
Tamén o 20 de xuño, ás 18.00 horas na aula magna do edificio Politécnico, terá lugar a graduación do alumnado da Facultade de Historia. Trátase da XII promoción do Grao en Xeografía e Historia (35 persoas) e a IV do programa conxunto dos graos Turismo-Xeografía e Historia (4 estudantes), que estarán apadriñados Beatriz Comendador e Xosé Ramón Campos.
Por último, o día 27 de xuño, ás 18.00 h, no salón de actos Marie Curie, terá lugar a graduación da Facultade de Dereito. Recollerán as súas bandas e títulos a XIII promoción do Grao en Dereito (42 estudantes apadriñados por Francisco Conde); a VII promoción do programa conxunto dos graos ADE-Dereito (15 persoas amadriñadas por María Jesús Castro) e a I promoción do Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría (8 estudantes amadriñados por Mª Dolores Fernández). Durante o acto, nomearase como membro honorífico do Claustro de Profesorado da Facultade de Dereito de Ourense a Inés Olaizola, catedrática de Dereito Penal da Universidad Pública de Navarra.
