DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ás 18:30 rematará o proceso electoral que se desenvolve nos tres campus 

Máis de 750 PTXAS elixen durante toda a xornada os e as súas representantes sindicais

CIG, CCOO, FOL e UGT concorren no proceso

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PAS
  • Público externo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 27/03/2025

Ata as 18:30 horas permanecerán abertas as urnas nas que o Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos (PTXAS) pode votar este xoves nos tres campus da Universidade de Vigo para elixir aos e ás súas representante sindicais na Xunta de Persoal Funcionario. Na xornada electoral, que arrancou ás 9:00 horas, están chamados a participar máis de 750 PTXAS dos tres campus, que elixirán aos e ás 21 integrantes do que será o único órgano de representación sindical do persoal técnico de xestión de administración e servizos funcionario, logo da desaparición dos comités de Pontevedra e Ourense, que representaban ao persoal laboral.

A CIG, con sete delegados, e UGT, con seis, conformaron durante sete anos a Xunta de Persoal Funcionario, que foi elixida no ano 2018, nun proceso electoral no que participou un 72% do PTXAS incluído daquela no censo.

Catro candidaturas na procura de representación

Catro son as candidaturas que participan ao proceso que hoxe se celebra, ao que por vez primeira concorre o Frente de Obreros en Lucha en la Universidad de Vigo, FOL, e no que repiten CIG, CCOO e UGT. Carlos Mollinedo, Rodrigo Alberte Pivida e María José Ríos Santome, encabeza a candidatura da CIG que concorre cun compromiso nas proposta e melloras sociais centradas en: a negociación dunha carreira profesional e unha nova RPT, adaptada ás necesidades actuais; formación axustada ás necesidades e proxectada á promoción; esixencia dos compromisos e mantemento do acordado no documento de funcionarización e adaptación da xornada laboral, prestación de servizos e modalidades de traballo.

Pola súa banda, CCOO demanda no seu programa unha carreira profesional  e actualización da RPT; plans de formación específicos para mellorar no traballo; posibilidade de teletraballar e de ter flexibilidade horaria, cobertura de baixas, prevención do acoso laboral, acción social xusta e equitativa e máis coidado da saúde e xubilación parcial, que facilite a transmisión da súa experiencia ás novas xeracións. Os postos de cabeza da lista de CCOO están ocupados por Victoria Crespo, Berta Covelo de Nuria Andión.

Mentres, FOL, Frente de Obreros en Lucha en la Universidad de Vigo, basea o seu programa electoral na redución da temporalidade, actualización da RPT e fin dos postos de libre designación abusivos; transparencia salarial, concursos de méritos periódicos e promoción interna real; xornada máis flexible, teletraballo regulado e bolsa de horas para necesidades persoais; fin da administración paralela e das duplicidades na xestión e reversión da privatización de servizos. Javier Novas, María del Carmen Álvarez e Alejandro Martínez ocupan os tres primeiros postos da candidatura.

E UGT concorre a estas eleccións co obxectivo transversal e primordial de negociar a carreira profesional para todo o PAS da UVigo, establecer o acordo de xubilación parcial e dedicar os aforros á carreira profesional e co compromiso prioritario da promoción e desaparición do grupo C2. Os e as cabezas de lista desta candidatura son Pablo Álvarez, María Moreira e José Manuel Soñora.