DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada na Confederación de Empresarios

Máis de 80 empresas interésanse pola axuda que a Universidade lles pode ofrecer en I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/04/2008

Máis de 80 empresas, maioritariamente pemes, achegáronse este xoves a sede da Confederación de Empresarios para escoitar que axuda lles pode ofrecer a Universidade de Vigo á hora de presentar proxectos ao Plan Galego de I+D+i, que establece o marco de actuacións de política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia para o período 2006-2010.
“A Universidade de Vigo é sempre un socio que está desexando transferir o seu coñecemento e podedes contar connosco para levar a cabo os vosos proxectos”, salientoulles ao comezo da xornada o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, quen tamén subliñou que “a riqueza que sexamos quen de xerar nos vindeiros anos ten moito que ver coa implicación das empresas na I+D+i”.
Xunto ao vicerreitor de Investigación, tamén participaron Ramón Búa, secretario xeral da CEP, e Ángeles López, directora da Oficina de I+D+i da Universidade. Todos eles coincidiron en destacar o importante número de fondos dirixidos na actualidade a investigación e innovación, unha oportunidade que, segundo salientaron, os empresarios non deben desaproveitar, sobre todo nunha área tan dinámica como é o entorno da provincia de Pontevedra.
“Nas economías e sociedades actuais o papel do I+D+i é cada vez máis relevante, sen el dificilmente se pode competir no mundo globalizado no que hoxe vivimos. Non nos podemos esquecer que a inversión en coñecemento científico xera tecnoloxía, favorecendo o crecemento económico e o desenvolvemento social”, salientou o secretario xeral da CEP. Búa fixo tamén referencia a un informe nacional presentado recentemente no que “se reflicte que os países que se sitúan á cabeza no ranking da produtividade coinciden en gran medida con aqueles que máis invisten en I+D+i”.
Con respecto aos obxectivos concretos da xornada, Ángeles López, salientaba a importancia de “involucrar o maior número posible de grupos de investigación nos proxectos empresariais, xa que para a Universidade é básico a colaboración en I+D+i coas empresas”. “Nós o que facemos é explicarlles como teñen que presentar a proposta para que teña éxito e acade o financiamento desexado e, ao tempo, pomos ao seu servizo os nosos grupos de investigación”, continuou.

Balance positivo de anteriores edicións

“Todos os anos temos bastante éxito no Plan Galego e, ano a ano, increméntanse o número de retornos, así que o balance non pode ser máis positivo”, salientaba a directora da oficina en relación á experiencia doutras convocatorias.
O sector das TIC e do deseño e produción industrial, son dous dos campos nos que en anteriores edicións destas axudas a Universidade ten levado a cabo máis proxectos, pero non son os únicos. Medio rural, medio ambiente ou agroalimentación són áreas nas que tamén se están a levar a cabo un importante número de proxectos.
No referido aos dous elementos básicos que deben conter as propostas, os expertos que participaron na xornada quixeron destacar dous: que a empresa xustifique que ten un bo bagaxe investigador e que a proposta que se presente teña unha elevada calidade.