DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os actos arrancan este venres coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Máis de 800 estudantes do campus de Ourense festexarán estas semanas a súa graduación

A novidade son as primeiras promocións de Relacións Internacionais e de Intelixencia Artificial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Graduación
  • Estudantes
DUVI Ourense 08/05/2026

O curso académico 2025/2026 está na súa recta final e no campus de Ourense arrancan este venres os actos de graduación. Nesta ocasión son máis de 800 as e os estudantes de grao e mestrado que durante os meses de maio e xuño festexarán, acompañados de membros da comunidade universitaria, familias e amizades, o remate dos seus estudos. Entre as novidades están os actos de graduación das primeiras promocións da Universidade de Vigo dos graos de Relacións Internacionais e de Intelixencia Artificial. 

Arranque en maio

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo abre esta xeira de festexos celebrando o seu acto de graduación este venres, día 8, ás 18.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico. Concretamente, rematan os seus estudos a VII promoción do Grao en Enxeñaría Aeroespacial (47 persoas), que terá como madriña a Yanina Hallak, e a II do Mestrado Universitario en Enxeñaría Aeronáutica (18 persoas), que escolleu como padriño a Alejandro Manuel Gómez.  

Os días 22 e 29 de maio e 19 de xuño será a quenda dos diferentes títulos da Facultade de Educación e Traballo Social, a máis numerosa do campus. O día 22, na aula magna do edificio Politécnico, ás 17.00 h, celebrará a súa graduación unha nova promoción do Grao de Educación Infantil, formada por 74 persoas e que terá como madriña e padriño ao profesorado do centro Isabel Mociño e Marcos Loureiro. Ás 19.00 h será a quenda de Educación Primaria (84 novos egresados e egresadas), tendo como madriña á profesora Ana Belén Fernández e padriño a Ricardo Escudero. Xa o día 29 de maio, no salón de actos Marie Curie do Politécnico, ás 19.00 h, terá lugar o acto de graduación dunha nova promoción de Educación Social, formada por 70 persoas e amadriñada polas profesoras Rosana Martínez e Paula Rodríguez. Por último, o 19 de xuño, ás 19.00 h, terá lugar na aula magna do edificio Politécnico e tendo como madriña á profesora Ana Belén Méndez o acto de graduación dunha nova promoción de Traballo Social, formada por 76 estudantes. Como apunte, indicar que os convites de graduación deste ano do centro foron feitos pola asociación Por eles TEA. 

Tamén en maio, o día 22, ás 18.00 h o salón de actos Marie Curie do Politécnico acollerá a graduación do alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Recollerán as súas bandas e diplomas a XV promoción do Grao en Turismo (20 persoas), apadriñada por Amancio López, presidente do grupo Hotusa, e a profesora Montserrat Cruz; a XVI de Administración e Dirección de Empresas (47), apadriñada por Rafael Pérez, director xeral de Selmark Lingerie, e o profesorado Elena Rivo e Antonio Molina; a VIII promoción do Programa Conxunto ADE-Dereito (17 estudantes), apadriñada tamén por Rafael Pérez e o decano do centro, Jesús Vázquez; a VII do Programa Conxunto ADE-Enxeñaría Informática (4), apadriñada polo profesorado Diego Rodríguez Toubes e Mónica Legaspi; e a V promoción do Programa Conxunto Turismo-Xeografía e Historia (7), apadriñada tamén por Amancio López e a profesora Elisa Alén. Igualmente graduarase a XV promoción do Mestrado en Dirección e Xestión do Turismo Interior e da Saúde (9 persoas) e a XV do Mestrado en Xestión Empresarial e do Deporte (14). Neste acto tamén celebrará o remate dos seus estudos unha nova xeira, a terceira, de estudantes do Programa Universitario para o Emprego e Vida Autónoma, concretamente 6 alumnos, que terán como padriño ao profesor Víctor Manuel González. O acto incluirá tamén a entrega de agasallos ao alumnado que recibiu os premios extraordinarios fin de carreira do ano 2025, concretamente a alumna Pilar Aurora Araujo, do Grao en Turismo; e Raúl Carballeda, do Grao en ADE. 

Pechará as graduacións de maio a celebración o venres 29 do acto da Facultade de Relacións Internacionais, que terá lugar ás 19.00 h na aula magna do edificio Politécnico do campus. Graduarase a primeira promoción do seu Grao en Relacións Internacionais, formada por arredor de 33 persoas. A madriña será a profesora Elena Rivo e o padriño o profesor Roberto Couto. 

Máis actos en xuño

Os actos en xuño arrancarán o día 12, ás 18.00 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, co da Facultade de Dereito. Festexarán o remate do seus estudos a XIV promoción do Grao en Dereito (40 persoas) amadriñada pola profesora Zoraida Álvarez; a VIII do Programa Conxunto Grao en Administración e Dirección de Empresas e Grao en Dereito (17), apadriñada polo profesor Manuel Antonio Crespo; e a II promoción do Mestrado Universitario en Avogacía e Procuradoría (9), amadriñada pola profesora Mª Dolores Fernández Fustes. No acto, seguindo a tradición de anos anteriores, nomearase como como membro honorífico do Claustro de Profesorado da Facultade de Dereito de Ourense ao profesor doutor Francisco Ramos Méndez, catedrático de Dereito Procesual da Universitat Pompeu Fabra. 

Ese mesmo día 12 e a esa mesma hora, ás 18.00 h, pero na aula magna do edificio Politécnico terá lugar o acto de graduación da Facultade de Historia. Neste caso os protagonistas serán a XIII promoción do Grao en Xeografía e Historia (formada por 29 persoas), que terá como madriña a Mª Luz Rodríguez e padriño a Victoriano Nodar; e a V promoción do Programa Conxunto Grao en Turismo e Xeografía e Historia (6), que terá como madriña a Mª Elisa Alén e padriño a Carlos Barja.  

Xa fóra do campus, tamén este 12 de xuño, ás 18.30 h, pero no Auditorio Municipal de Ourense, terá lugar a graduación da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Trátase da XIV promoción do Grao en Enxeñaría Informática (82 persoas) e da VIII promoción do Programa Conxunto ADE e Enxeñaría Informática (3), que estarán apadriñados por Manuel Vilares; a I promoción do Grao en Intelixencia Artificial (37 estudantes), apadriñados por David Nicholas Olivieri; a XIII promoción do Mestrado en Enxeñaría Informática (6), que estará amadriñada por Anália Mª García; e a III do Mestrado en Intelixencia Artificial (4) amadriñados por Alma Mª Gómez. A maior novidade neste caso é que se graduará a primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial da UVigo. 

Por último, a Facultade de Ciencias pechará as graduacións deste curso académico no campus de Ourense o día 19 de xuño, ás 17.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico. Celebrarán o remate dos seus estudos as novas promocións do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (21 estudantes); Enxeñaría Agraria (8) e Ciencias Ambientais (24). No acto tamén se entregarán os premios aos mellores traballos fin de grao en cada titulación: o Premio Sonia García Falcón no Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; o Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e o Premio Julia Franco no Grao en Enxeñaría Agraria e Grao en Ciencias Ambientais, defendidos no curso académico 2024/2025.