No congreso das sociedades AEET e Sibecol, que organiza persoal investigador da UVigo, USC e CSIC
Máis de 900 especialistas en ecoloxía de 20 países abordan en Pontevedra como impulsar “unha ciencia máis xusta”
O seu programa abrangue a presentación de 750 estudos
Procedentes de máis dun centenar de universidades e organismos dunha vintena de países, máis de 900 investigadores, investigadoras e profesionais dos diferentes ámbitos da ecoloxía reúnense desde este luns en Pontevedra con motivo do XVII Congreso da Nacional da Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e III Congreso da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol). Promovido por estas dúas entidades, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, trátase dun evento organizado por persoal investigador das universidades de Vigo e Santiago de Compostela (USC) e da Misión Biolóxica de Galicia (MGB-CSIC). Baixo o título de Outra ciencia é posible: diversidade, decrecemento e sostibilidade en investigación ecolóxica, este encontro busca “pór en valor unha ciencia máis xusta, máis eficaz e máis comprometida cos desafíos sociais e ecolóxicos do noso tempo, como a mitigación do cambio climático ou a desigualdade de oportunidades”, sinalan desde a organización.
Conferencias plenarias, 49 sesións científicas paralelas, talleres e preto de 750 presentacións, integran o programa do evento que ata este xoves 5 se desenvolverá no Pazo da Cultura. A coordinadora do grupo MapasLab do CIM-UVigo, Sara Varela, e a investigadora do MGB-CSIC Alexandra Rodríguez presiden o comité organizador dun congreso que ten á investigadora da USC Mar Sobral á fronte do seu comité científico, mentres que o tamén investigador da Misión Biolóxica Luis Sampedro é o responsable do comité local.
A segunda edición na que os congresos destas dúas sociedades se celebran conxuntamente arrancou na mañá deste luns cunha serie de talleres sobre diferentes “ferramentas e metodoloxías de vangarda en ecoloxía e investigación científica”, sucedidos esta tarde polo acto inaugural. Nel, interviron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e as presidentas da AEET, Ainhoa Magrach, e de Sibecol, Isabel Reche.
‘Outra ciencia é posible’
Máis aló de que ao longo destas catro xornadas afondarase en múltiples campos da investigación en ecoloxía, un dos eixes deste congreso é como desde este ámbito pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a propia investigación científica, achegando “novos enfoques” que incorporan visións feministas, sostibles e comunitarias, así á idea do decrecemento. O obxectivo é que “a investigación no campo da ecoloxía signifique tamén coidar da contorna académica e de quen a habita”, sinala Reche, ao que Magrach engade a importancia de “construír unha ciencia colaborativa, plural e comprometida”, que permita “xerar coñecementos capaces de responder aos grandes problemas ambientais e sociais”.
Coloquios plenarios, sesións temáticas e charlas sorpresa
O acto inaugural viuse sucedido pola entrega de premios da AEET 2024-2025 e pola primeira das “charlas sorpresa” previstas ao longo do congreso, breves relatorios que porán o foco en cuestións transversais directamente relacionadas coa temática desta edición, como a ciencia aberta, o sistema de publicacións, a participación comunitaria na ciencia cidadá ou o benestar na carreira investigadora.
A continuación, tivo lugar o primeira das sesións plenarias do congreso, protagonizada por dous investigadores da UVigo; Mario Pansera, director fo Post-Growth Innovation Lab, quen afondou en como a ciencia está arraigada “a estruturas políticas e económicas que dan prioridade ao crecemento fronte a sostibilidade e a equidade"; e Elena Ojea, responsable do Future Oceans Lab do CIM-UVigo, quen presentou o seu traballo na busca de “solucións adaptativas” nos ecosistemas mariños, tanto a nivel ecolóxico como social.
Conformados, na maioría dos casos, por dúas conferencias consecutivas cun nexo en común, a estes coloquios plenarios sumaranse nos vindeiros días investigadoras como Beatriz Mouriño, do CIM-UVigo, ou Cristina Richards, das universidades de South Florida e Tübingen, quen afondará no “paradoxo” que supón que as especies invasoras sexan “grandes colonizadoras cunha diversidade xenética moi pobre”.
Tamén na tarde deste luns deron comezo as primeiras sesións temáticas, centradas en múltiples ámbitos da investigación en ecoloxía. O impacto social da ciencia, a alfabetización ecolóxica como ferramenta para afrontar o cambio ambiental global, as interconexións entre ecoloxía e evolución, a conservación da biodiversidade e a sostibilidade dos servizos ecosistémicos, a coexistencia de especies e os factores abióticos ou as aplicacións neste campo de tecnoloxías como o big data, a teledetección e a intelixencia artificial son algúns dos eixes destas 49 sesións, nas que se presentarán máis de 450 traballos, aos que se suma a defensa de 250 pósters.
O congreso vese complementado por actividades dirixidas a achegar a cidadanía ás cuestións abordadas neste evento. Con ese obxectivo, a Comisión de Ecoloxía e Política da AEET organiza este martes na Illa do Covo un debate aberto centrado en se debe a ecoloxía posicionarse en cuestións que forman parte do debate público e que a incumben como ciencia. Por outra banda, o xoves terá lugar un coloquio sobre acoso no ámbito académico, organizado pola Comisión de Igualdade desta asociación, á vez que no recinto feiral e no Pazo da Cultura poden verse exposicións como Galicia ilustra (con)ciencia, Ecofeminismos aumentados ou Especies en perigo de extinción en Galicia.
