DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Departamento de Matemáticas e a Área de Igualdade

As máis destacadas matemáticas da historia, protagonistas dun seminario

A actividade dará comezo o vindeiro 7 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 03/03/2008
Co obxectivo de achegar ao alumnado a parte lúdica das matemáticas e espertar o interese por esta disciplina, os Departamentos de Estatística e Matemáticas, en colaboración coa Área de Igualdade da Universidade, organiza a primeira edición do seminario matemáticasxmatemáticas. Baixo este título agóchase un xogo de palabras que trata de transmitir o contido das xornadas, nas que se darán a coñecer “as biografías e os descubrimentos feitos por personaxes femininos que ao longo da historia se dedicaron ao estudo das matemáticas”, tal como afirma Miguel Ángel Mirás, organizador da actividade, que engade que “se porá de manifesto a valía destas mulleres amosando as súas achegas a este campo, así como os obstáculos que a maior parte delas tivo que vencer para realizar a súa función investigadora”
A actividade, que xa conta con máis de corenta inscritos, dará comezo o vindeiro 7 de marzo cunha reunión entre os profesores e os alumnos matriculados para establecer os grupos de traballo que, en función da súa formación académica, prepararán actividades de divulgación sobre o labor científico das mulleres matemáticas. Posteriormente, “unha vez elaborado o material, haberá cinco sesións, previstas para mediados de maio, nas que se presentarán os resultados obtidos e a biografía das protagonistas”, segundo comenta Mirás.

Dende a Grecia Clásica ata principios do século XX

“Escollemos dezaseis mulleres que abarcan dende a Grecia Clásica ata principios do século XX. Hipatía, primeira mártir da ciencia, e a pitagórica Teano serán as biografías que, explicadas dentro do seu contexto social e político, inaugurarán ás xornadas”, tal como apunta o profesor Mirás, que engade que “de aí damos un salto ata o S. XVII, posto que a Idade Media non foi unha época demasiado prolífica para a ciencia, e moito menos para a desenvolvida por personaxes femininos”.
As científicas do S. XVII eran principalmente mulleres da alta sociedade que tiñan como tema de investigación principal o cálculo diferencial, pero “son moi descoñecidas por estar á sombra de familiares, de xeito que, en moitos casos, as súas contribucións pasaron á historia firmadas con outros nomes”, apunta Mirás. Como representantes deste período podemos atopar, entre outras, a Sophie Germain, Émile de Chatelet, Mary Somerville e Carolina Herschel, centrada no ámbito da astronomía.
Chegado o século XIX, Ada Lovelace, Florence Nighgtingale e Sofia Sonia Kovalevskaya son o prototipo de mulleres científicas, que “nesta época comezaban a incorporarse á Universidade para ter unha vida académica propia, rachando co modelo tradicional de muller”, segundo palabras de Mirás.
Por último, as biografías de Emma Castelnovo, Julia Bowman, Emmy Noether e Grace Murray, encadradas no S.XX, encargaranse de pechar as xornadas. A quinta sesión contará ademais cunha mesa redonda sobre a obra de María Josefa Wonenburger Planells, “a mellor matemática galega”, apunta Mirás, que engade que “se trata dunha muller de altura internacional, cun currículo abraiante e totalmente descoñecida polo gran público”.

Mesa de debate: Matemáticas na Universidade

Dentro da labor que o Departamento de Matemáticas está a levar a cabo para dar a coñecer a parte máis lúdica desta ciencia, o próximo 14 de marzo celebrarase unha mesa redonda na que se debaterá o papel que as mulleres científicas ,en xeral, e matemáticas, en particular, desenvolven dentro das institucións universitarias. O debate contará coa presenza de Elena Vázquez Cendón, da Universidade de Santiago, Isabel Marrero Rogríduez, profesora da Universidade de La Laguna e Margarita Estévez Toranzo, docente da Universidade de Vigo.