DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A banda abriu cun concerto no campus a programación cultural

“É máis doado vir a Galicia cando xa empezaches a darte a coñecer fóra”, Xoel López, vocalista de Deluxe

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/10/2007

Nun Teatro de Cidade Universitaria ateigado de público, o grupo Deluxe, presentou o seu último traballo “Fin de un viaje imaginario”. Foi nun concerto co se abriu a programación cultural do primeiro cuadrimestre e no que a banda de Xoel López volveu deixar mostra da potencia do seu directo. Co líder la banda coruñesa falamos sobre esta experiencia no campus vigués, da xira de presentación deste novo disco e da súa evolución musical.

Tocar no campus, para un público nunha franxa de idade que pertence claramente á do público de Deluxe, permítevos ter a sensación de que “xogades na casa” ou un nunca se debe confiar cando sae ao escenario?
É certo que nunca sabes que vai pasar, pero ese efecto sorpresa é bonito, non só para o público, senón tamén para o artista. Saír ao escenario e non saber se será o mellor ou o peor concerto da xira, condiciona moito. Está claro que o feito de que a franxa de idade deste público sexa de arredor de vinte anos, axuda, xa que o noso público vai dos 16-18 aos 35 ou, incluso, 40 anos. Por outra banda tocar pola tarde, creo que inflúe pero para ben, por que axuda a saír da rutina dos músicos, que sempre nos queixamos de que actuamos moi tarde.

Que supón para un grupo como o voso ser incluído na oferta cultural dunha universidade como é da Vigo? Ocorre que ás veces un non é profeta na súa terra e aínda que vos tedes bastante éxito en Galicia, non deixa de ser positivo que se lembren de un para participar deste tipo de iniciativas.
Eu levo dez anos vivindo en Madrid e alí foi onde iniciei a miña carreira. Por sorte ou desgraza tiven que marchar alí a buscarme a vida. Creo que é máis doado vir a Galicia cando xa empezaches a darte a coñecer fóra. Penso que custou máis que noutros sitios, sobre todo houbo unha primeira fase de “a ver este ...”. Parece que tes que demostralo máis, aínda que unha vez que te aceptan xa está todo feito.

Cando levades xa varios meses de xira con este último traballo “Fin de un viaje infinito”, que impresión tes do impacto que está causando no público? É un disco que ademais de en concerto, recomendas escoitalo na casa, máis tranquilo?
Eu sempre fago a diferenza entre a gravación de estudo e logo o directo, por que creo que son cousas distintas con fines diferentes. As cancións son as mesmas, pero cando gravo un disco imaxino á xente sentada na casa, escoitando o disco tranquilamente. Pola contra cando tocamos en directo esperamos que sexa algo moito mais enérxico e festivo. Creo que é algo que se complementa moi ben, que alguén pode escoitar o disco na casa e logo ir ao directo e ver algo diferente que incluso lle pode gustar máis. Tamén é certo que a xente engánchase a Deluxe polos concertos, por que son moitos anos tocando con xente que tan moitas táboas, e a verdade que esta é unha banda marabillosa.
Eu case recomendaría máis á xente que escoitara o disco despois dos concertos por que lles permitiría entender mellor por se fixo así, ou como puido chegar a ser.

Na túa traxectoria este último disco é un punto e aparte ou é produto dunha evolución que vai cara a algunha parte?
Sempre fun moi variable e desde o primeiro disco ata agora houbo moitos cambios, aínda que sempre dunhas marxes coherentes. Non fixen un disco de jazz e logo outro de música electrónica. Si que fun cambiando de estética musical, aínda que ao final a voz e as melodías, sempre teñen o fío condutor do gusto pola melodía, con épocas nas que cantaba en inglés, incluso en portugués, e agora en castelán.

Por certo, xa te reconciliaches con aqueles que criticaron que cambiases de idioma para pasar do inglés ao castelán, nos teus últimos traballos?
É certo que xente que me seguía a mi, como a outros grupos españois que cantan en inglés, non lles gusta a música en castelán, como tamén hai xente que si lles gusta, pero lles resulta raro escoitarte por primeira vez. Supoño que iso é como cando un día cortas o pelo e a xente mírate raro, ata que pasa un tempo e se acostuman. No meu caso o cambio foi un pouco custoso, aínda que sabía que tiña que ser así por unha cuestión de honestidade e autenticidade comigo mesmo. Quería facelo hai tempo que se non o fixen antes foi por falta de valentía ata que chegou un momento no que dixen; agora ou nunca!.