Compartiu actuación con integrantes doutras catro agrupacións
Máis dun cento de instrumentistas protagonizan o último concerto da aula de música tradicional nas prazas da cidade
O evento puxo peche á etapa de Suso Vaamonde á fronte desta agrupación
Acompañados por integrantes doutras catro agrupacións, as e os 40 participantes na aula de música tradicional do campus de Pontevedra pecharon na alameda o ciclo de concertos que ao longo deste mes de xuño levaron a cabo en diferentes puntos da cidade. Tras pasar polas prazas da Verdura, Teucro e Ferraría, a programación promovida pola Vicerreitoría, co apoio do Concello, completábase cunha actuación que reuniu máis dun cento de músicos e músicas e que serviu tamén para efectuar un recoñecemento a Suso Vaamonde, quen pechaba con este concerto a súa etapa á fronte desta aula permanente.
Director desta actividade formativa desde 2019, despois de ter sido previamente docente das primeiras edicións do obradoiro de instrumentos populares que precedeu a posta en marcha desta aula, a actuación abriuse cun recoñecemento a Vaamonde, de quen a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, destacou o seu traballo a prol “da música tradicional e da cultura galega”. Esta actuación foi tamén o último acto público da vicerreitora en funcións, quen lembrou que esta serie de concertos ten como obxectivo “mostrar á cidade o traballo dos alumnos e alumnas das agrupacións” inseridas na programación cultural do campus. Neste punto, Lantarón puxo en valor o traballo desenvolvido neste eido polo director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, que é ademais, xunto con Manuel Riveiro e Marisa Seara, un dos tres integrantes da aula que forma parte desta agrupación desde a súa creación.
Despedida en formato de orquestra
Para pór peche a un ciclo de concertos que nas tardes dos luns de xuño se desenvolve en diferentes prazas da cidade, a aula de música tradicional presentou un repertorio conformado por pezas populares e tradicionais, no que houbo lugar para muíñeiras, valses ou pasodobres. Este conxunto de pezas foi interpretado pola aula ao completo, en formato de orquestra, sumando as súas seccións de gaitas e percusión a presenza de acordeóns, zanfonas, requintas ou ocarinas. Esta agrupación estivo acompañada polos e polas integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional da Serra de Outes e as asociacións A Fuliada, de Betanzos, e Hai que Roelo, de Cuntis. En total, foron máis dun centenar os músicos e músicas que puxeron son a un repertorio totalmente diferente do ofrecido nos tres concertos previos.
Centrados tamén en pezas populares e tradicionais, estes correron a cargo das seccións de gaitas e percusión da aula, que estiveron acompañados á súa vez polas persoas participantes noutros obradoiros e grupos inseridos na programación cultural da Vicerreitoría. De feito, tras un primeiro concerto en solitario na praza da Verdura, no segundo concerto compartiron repertorio co coro universitario polifónico do campus. Unha semana despois, a aula que dirixe Vaamonde estivo acompañada na praza da Ferraría polas persoas participantes no obradoiro de baile tradicional Como bailar nun serán. Este concerto completouse coa actuación conxunta dos grupos de música e baile tradicional do campus, impulsados pola Vicerreitoría co obxectivo de combinar as aulas de carácter formativo con agrupacións orientadas á preparación dun repertorio.
