DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe recibiron o recoñecemento da institución nun acto celebrado en Redeiras 

Máis dunha vintena de medallas lograron este ano as e os deportistas da UVigo en competicións interuniversitarias 

O piragüista Yeray García Vidal foi o máis laureado, con cinco metais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/11/2022

Ao longo do ano 2022 as e os deportistas individuais e os equipos que representaron á Universidade de Vigo en competicións interuniversitarias nacionais e internacionais lograron un total de 24 medallas: 11 ouros, 7 pratas e 6 bronces. 15 dos metais foron acadados por deportistas individuais en taekwondo (5), piragüismo (5), loita (3), judo (3), golf (2), tenis de mesa (1), atletismo (1) e squash (1), mentres que as medallas por equipos corresponderon ás modalidades de balonmán feminino, golf e taekwondo.

O esforzo e os logros deportivos destes deportistas, pero tamén, os dos preto de 100 estudantes da UVigo que este ano participaron en competicións universitarias foron recoñecidos este mediodía nun acto institucional, presidido polo reitor, Manuel Reigosa, no edificio Redeiras. “Eu estou convencido de que o deporte paga a pena, porque nos fai mellores persoas e aprendemos moitas cousas como, o xogo limpo ,a competir, a esforzarnos, a dar o mellor de nós e aprendemos a gañar e a perder, que son dúas cousas que vos van servir ao longo de toda a vida” díxolle o reitor ás e aos medallistas, aos que lembrou a súa etapa como xogador de baloncesto e agora como adestrador a tempo moi parcial. “Gustaríame hoxe darvos os parabéns polo esforzo. Partillamos o éxito de acadar unha medalla para sacar peito como universidade, pero sobre todo por esas horas de adestramento que moitas veces non locen e non somos quen de explicar, pero que vos fan moito ben e tamén á sociedade no seu conxunto”, sinalou Reigosa, que asegurou que lle debe moito ao deporte, porque o axudou a formarse como persoa e cidadán. 

Pola súa banda, a vicerreitora da Extensión Universitaria, Susana Reboreda Morillo, destacou na súa intervención que “a cultura e o deporte son as dúas grandes áreas que, ao meu entender, resultan fundamentais na vida das persoas porque poden contribuír a mellora das súas vidas. Se ademais en ambas, na medida do posible, fomentamos o uso do galego, axudamos a manter un aspecto marabilloso da nosa cultura”. A vicerreitora gabou o traballo organizativo desenvolvido polo persoal técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, destacou as dificultades que ás veces entraña a práctica deportiva. “Vós sodes representantes e todas aquelas persoas que elixiron a vía da competición representando á UVigo independentemente do resultado acadado. O meu agradecemento vai dirixido a todas as persoas que participaron, amosando o seu respecto ao deporte unido a nosa institución”, dixo Reboreda, que manifestou o orgullo da institución por favorecer a formación , non só académica e deportiva, senón tamén persoal, das e dos medallistas.

Das cinco medallas do piragüista Yeray García ao laureado equipo de taekwondo

Marta Domínguez Fernández, medalla de bronce no mundial universitario de squash, celebrado a semana pasada en Exipto, agradeceu en nome de todos  e todas as medallistas o acto de recoñecemento celebrado hoxe. “Para nós é un orgullo que sexan recoñecidos os nosos méritos deportivos dentro da Universidade, porque non é nada fácil estudar e ao mesmo tempo saír a competir ao estranxeiro ou no panorama nacional”.  A estudante de 4º curso de Ciencias da Educación Física e do Deporte agradeceu ao profesorado que lles permita compaxinar os adestramentos e as competicións, “con sacar unha carreira que é o máis importante para a maioría de nós, porque é o noso futuro”, dixo.

Marta Domínguez é, xunto ao piragüista Yeray García Vidal, a única medallista da UVigo neste 2022 en campionatos do mundo universitarios. Pola súa banda, o estudante de Enxeñaría Industrial logrou un total de cinco metais, dous ouros e tres pratas, dos que se sinte orgulloso, ao tempo que non agocha “a dificultade de compatibilizar os estudos e a competición deportiva”. Se ben Yeray García é o deportista da UVigo que máis medallas acadou este ano individualmente, o equipo de taekwondo, que logrou a prata no campionato de España interuniversitario, segue a confirmarse como un dos máis laureados do panorama universitario nacional. Pola súa banda, os outros dous equipos da UVigo que participaron en CEU, balonmán feminino e golf, acadaron medallas de ouro.

O medalleiro individual deste ano en CEU, nos que tomaron parte un total de 94 deportistas da UVigo, 58 mulleres e 36 homes, que competiron en 12 modalidades deportivas dun total de 29, complétano as medallas de ouro en judo das irmás Andrea (-52kg) e Noelia Ínsua Iglesias (-70kg); o de Lydia Pérez Touriño en loita (-64kg); a de Marta Llorca Garcia en golf; a de Sara Cortegoso Lima en taekwondo (-49kg) e as de Celia García Blanco e Manuel Alejandro Paz Romero en taekwondo poomsae parella mixta. As medallas de prata foron para Saúl Bello Álvarez en loita (-80kg); Luis Tomás García Vázquez en golf e Lois Tomás González en taekwondo (-63kg). Por último, as medallas de bronce foron acadadas por Martín Pintos Barreiro en tenis de mesa; Jaboco Soler Benito en atletismo; Elena Cañibano de Celis en judo (-57kg); Iván González Muñiz en loita (-90kg) e Miryam García Vidal en taekwondo (-62kg).