DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En resposta a unha iniciativa do Observatorio, 55 antigos estudantes compartiron as súas vivencias

Máis de medio cento de persoas tituladas pola UVigo relatan desde os cinco continentes a súa experiencia durante a pandemia

De Xapón a Mozambique, pasando por Brasil, Alemaña ou Australia 

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Saúde
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 12/05/2020

Entre o 13 de marzo e finais do mes de abril, máis de medio cento de persoas tituladas pola Universidade de Vigo participaron nunha iniciativa do Observatorio das persoas tituladas da institución académica viguesa, co obxectivo de que, a través dunha pequena crónica escrita, as e os antigos alumnos puidesen relatar a súa experiencia persoal sobre a pandemia desde os países nos que traballan ou viven neste intre. Durante algo máis dun mes, o Observatorio que dirixe Luis Espada Recarey, recibiu, desde 26 países dos cinco continentes, os relatos dun total de 55 persoas tituladas en todos os ámbitos do coñecemento pola Universidade de Vigo e que neste intre están a desenvolver a súa carreira profesional no estranxeiro. Alemaña é, con diferenza, o país desde que o chegaron máis escritos, un total de 11; seguido do Reino Unido, con oito; Portugal con catro e Bélxica, Italia e Noruega con tres, e partir de aí, unha sucesión de lugares ata sumar 26 do total de 73  países do mundo onde o Observatorio constatou a presenza e contactou con antigas e antigos alumnos da Universidade de Vigo.

“Cada unha das crónicas recibidas achega, de forma desinteresada, unha visión en primeira persoa de como o mundo está a experimentar esta crise global, inaudita na historia da humanidade, pola súa dimensión nos ámbitos sanitario, económico e social”, explica Luis Espada, que desde o Observatorio que dirixe, e no que están rexistrados na actualidade preto de 12.500 antigas e antigos alumnos da Uvigo, deséxalle a todos os integrantes deste corpo diplomático “a realización dos seus proxectos vitais e profesionais”. 

Carencia de máscaras en Sydney e Kurzarbeit na Baixa Saxonia

Desde Sydney, a licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos Sonia Bellón relataba a principios do mes de abril que “como HSE business partner no departamento de Seguridade, Saúde, Ambiente e Calidade no estado de Nova Gales do Sur e do Australian Capital Territory en Schneider Electric, a COVID-19 aféctame moi de cheo, xa que parte das miñas tarefas é velar pola seguridade e saúde dos nosos empregados. Daquela, a enxeñeira que vive en Sydney desde o ano 2012, confirmaba que había 5224 casos e 23 persoas falecidas e que o goberno australiano implementara medidas de seguridade, pechando case todo como en España, agás centros de saúde, hospitais, supermercados e outro servizos básicos. “Temos que permanecer na casa e a maior diferenza en comparación con España é que aquí se a está permitir saír da casa para facer exercicio, sempre e cando no vaian máis de dúas persoas xuntas”, relataba Bellón, que tamén revelaba as dificultades para atopar desinfectante de mans, máscaras e papel hixiénico, “ que non me lembro de velo nos estantes dende hai moitas semanas”. En canto ao desenvolvemento da súa actividade profesional, a licenciada da UVigo, explicaba que a súa empresa puxera en marcha un plan de segregación para que os empregados só acudisen ao centro de traballo a semana que lles asignaba e só se era estritamente necesario “coa aprobación da xefa de Seguridade e Saúde, para así minimizar o risco de contaxio ao mínimo”. 

Pola súa banda, desde a rexión de Baixa Saxonia en Alemaña, Ana Carracelas describía ao inicio do mes de abril as diferenzas nas medidas de confinamento entre unhas zonas e outras do país, aplicándose as máis restritivas no estado federado de Bayern e no de Baden-Württemberg. Nese intre, a licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Vigo no ano 2004, relataba o peche de centros educativos a todos os niveis, redución nos horarios dos medios de transporte e implementación de novos protocolos no sistema sanitario. “No sector laboral tamén se adoptaron diversas medidas. Por un lado, o teletraballo e polo outro xornadas laborais en función da carga de traballo, e debido ao descenso de produción nalgúns dos sectores, as empresas aplican o Kurzarbeit (o goberno paga o 60 ou 67% do salario das horas non traballadas), para evitar o peche das mesmas”, explica Carracelas, que tamén facía referencia ao cambio na forma de mercar, incluído o Hamsterkäufer ou compra de produtos básicos, “desaparecendo dos estantes a fariña, sopa, precociñados e un clásico: o papel hixiénico”. En canto á baixa mortalidade rexistrada naquel intre no país, a filóloga sinalaba que podía ser pola capacidade de analizar mostras e a brevidade en dar os resultados ou quizais a corentena preventiva, no caso de estar en contacto con alguén infectado, apuntando ademais que “aínda que a economía se ralentiza cada día un pouco máis, a vida continúa abríndose paso, incluso en momentos de incerteza”.

Temor a que os contaxios se disparen en Toquio e inacción gobernamental en Belem

O enxeñeiro técnico en Informática de Xestión Juan Álvarez manifestaba a comezos do mes de abril a súa preocupación pola evolución á alza dos contaxios rexistrados ata ese momento en Toquio, onde se contabilizaban nese intre uns 2000. “A situación a día de hoxe non é mala, pero nos últimos días houbo un reponte nos contaxios debido ás festas dos cereixos en flor, unha das tradicións máis importantes en Xapón que xunta a milleiros de persoas cada ano”, explicaba o informático, que alertaba de que a vindeira semana podería ser crítica porque levaban varios días cun novo máximo de contaxiados. Juan Álvarez, que reside na capital do Xapón desde o ano 2017 e traballa como solution architect en MediaKind Global, lembraba que no país non había medidas estritas de corentena, senón unicamente recomendacións por parte do goberno, aínda que nos últimos días, como consecuencia do incremento de contaxios, pecháranse parques e cadeas de restaurantes. “Polo de agora non hai desabastecemento máis que o papel hixiénico e nas máscaras, aínda que nos últimos días a pasta ou a carne desaparece rápido dos supermercados e non é mala idea ir a comprar pola mañá”, explica o enxeñeiro, que en canto a súa actividade laboral, explica que o traballo remoto está totalmente asumido hai tempo e todos poden traballar desde casa. “Non obstante, moita xente continúa traballando na oficina e a realidade é que se poden ver os trens cheos na mañá”, explicaba.

En Belém, onde exerce de profesor titular na Universidade Federal do Pará, e en Brasil, en xeral, o diplomado en Relacións Laborais Carlos Cernadas aseguraba que a pandemia estaba marcada nas primeiras semanas de abril por unha preocupante tripla crise: sanitaria, económica e política. “A posición oficial do goberno está fragmentada: mentres o presidente e algúns ministros insisten en desaconsellar o illamento, o vicepresidente, os outros ministros e a cúpula militar defende a necesidade de tomar medidas para limitar o contacto social. Este conflito leva á inacción do goberno central e por iso, os gobernadores e os alcaldes están a adoptar, nos seus ámbitos de xestión, as medidas necesarias para limitar o movemento das persoas”, relataba, o tamén doutor en Lingüística, que manifestaba a súa preocupación polo impacto que a COVID-19 podía ter nas favelas, na parte da sociedade menos formada pola súa vulnerabilidade aos bulos e o polo papel da igrexa evanxélica “que apoia ao presidente e desaconsella o illamento”. Carlos Cernada confirmaba que desde o 15 de marzo a súa universidade suspendera as actividades e aínda que se comezara  dar clase online, a falta de acceso a internet de moitos estudantes, levou á institución a paralizar as clases. “Persoalmente, estou preocupado pola situación post-pandemia, pois o goberno xa estaba a executar unha dura política de austeridade con conxelacións salariais e recortes de gastos públicos, principalmente en educación e sanidade. Ademais, o poder adquisitivo dos brasileiros vén caendo mes a mes e o real xa se depreciou un 30% en 2020”, lamentaba o titulado pola Uvigo, que tampouco agochaba a súa inquedanza polos primeiros contaxios detectados en aldeas indíxenas da rexión de Belém “o que é preocupante porque xeralmente se atopan moi distantes dos núcleos de poboación onde poden recibir asistencia sanitaria”, detallaba.

Cooperación internacional afectada en Mozambique e medidas restritivas en Miami 

Cando o enxeñeiro industrial, que traballan en cooperación internacional, Gonzalo Bello remitiu a súa crónica desde Mozambique a finais do mes de marzo, no país africano detectáranse só tres casos de contaxio por coronavirus, pero el manifestaba abertamente a súa preocupación ante o posible incremento no número de persoas infectadas, porque “o sistema de saúde é moi feble, tanto en infraestruturas como en capacidades humanas, loxísticas e servizos de mantemento. Se consideramos ademais, o grao de contaxios entre o persoal sanitario que está habendo en países europeos, pódese esperar unha incidencia aínda maior aquí”. Coas escolas e universidades pechadas, a suspensión de visados novos a persoas que están fóra do país e a cancelación de moitos voos que teñen orixe no país, Gonzalo Bello explicaba que para o seu traballo (proxectos de post-emerxencia despois do ciclón Idai) “as medidas adoptadas polo goberno xa están a afectar ás nosas actividades, posto que distribucións ou formacións son desaconsellables pola aglomeración de persoas que implican. Hai certas medidas de traballo administrativo e técnico que podemos facer por teletraballo, pero o traballo de campo con máis risco só pode ser posposto ou cancelado”. O titulado pola Uvigo tamén expresaba a súa preocupación polo impacto que na sociedade podería ter a implantación de medidas restritivas na actividade económica, ao deixar a boa parte da poboación sen ingresos e provocar escaseza e produtos esenciais.

Licenciado en Administración e Dirección de Empresas no ano 2001, Benard Comesaña traballa en Miami, onde a finais do mes de marzo eran notables as medidas adoptadas por ese condado de EEUU para frear o avance da COVID-19, da que un caso se detectou o 13 de marzo no edificio no que traballa o titulado da Uvigo. “Por seguridade, desde o 16 de marzo, decidiuse que traballaríamos desde a casa e a partir do 19 o condado de Miami ordenou o peche de establecementos non esenciais, así como de negocios de restauración, que só podían operar para servizo a domicilio ou recollida de comida no propio establecemento”, explica Comesaña, que sinala que a partir do día 27, no caso da cidade tamén se aplicou a prohibición de saír da casa entre as 10.00 e as 17.00 horas. “A diferenza do que ocorre en España, aquí as medidas as estar a adoptar os estados e ás veces, dado que o estado non toma medidas, son os condados ou as propias cidades as que deciden tomalas s para impedir a propagación do virus”, explicaba Bernard Comesaña desde Miami.