DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belén Rubio, Abel Caballero e Ana Ulla presentaron este martes o encontro

Máis de medio cento de profesionais participarán esta semana en Vigo no I Congreso Galego de Astronomía e Astrofísica

A iniciativa trae consigo numerosas actividades abertas ao público en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/07/2025

A comunidade científica galega que traballa no ámbito da astronomía e da astrofísica, tanto dentro como fóra de Galicia, reunirase este xoves e venres en Vigo no I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica, GIAA 2025, unha cita na que se reunirán máis de medio cento de profesionais, investigadores e investigadoras de diferentes institucións, que participan neste encontro para compartir resultados, intercambiar ideas e promover novas colaboracións.

O congreso, que terá lugar no edificio Redeiras, presentouse este martes no Concello de Vigo, coa participación do alcalde, Abel Caballero; a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, e a responsable do comité científico organizador, a catedrática da Universidade de Vigo, Ana Ulla.

“Trátase dun congreso de altísimo nivel do que estou orgullosísimo”, salientou o alcalde nunha rolda de prensa na que a vicerreitora aproveitou para agradecer todo o apoio recibido desde o Concello e do propio alcalde para organizar este tipo de citas na cidade. “Neste caso estamos ante un encontro internacional que xurdiu por iniciativa da profesora Ana Ulla”, subliñou Rubio, quen fixo fincapé en que se reunirán “galegos e galegas que fan astronomía, tanto aquí como no estranxeiro, profesionais que o que fixeron foi exportar coñecemento, desmostrando o potencial de Galicia neste eido”. Do mesmo xeito, a vicerreitora aproveitou para destacar a celebración ao abeiro do congreso dunha mesa de traballo sobre o sector espacial en Galicia na que se contará coa participación da spin-off da Universidade de Vigo Alén Space, a asociación UVigo SpaceLab, a empresa UARX Space así como numerosos docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “o que demostra que en Vigo temos masa crítica neste eido”.

“Para nós é unha oportunidade única coa que, en realidade, levamos soñando moitos anos”, subliñou na súa intervención a profesora Ana Ulla, quen agradeceu o apoio recibido da Universidade, do Concello e moitas persoas que axudaron a facer realidade este encontro. “Pola nosa banda non podemos estar máis agradecidos”.

“Contar con 53 inscritos é todo un exitazo”, admitiu Ulla, quen destacou que seguramente “haberá máis, pero é todo un labor de investigación saber quen está, onde e facendo que”. Destacou, así mesmo, que se tratarán diferentes tipos de temáticas, “sistema solar, estelar, galaxias, cosmoloxía, exoplanetas, espazo, oportunidades de desenvolvemento futuras...”. Será día e medio de congreso, “moi intenso” e no que, tal e como admitiu Ulla, hai “grandes esperanzas” de que haxa continuidade.

Se ben se trata dun congreso de especialistas, a representante do comité organizador destacou a importancia de “compartir o coñecemento coa cidadanía”, de aí a organización de diferentes iniciativas abertas ao público en xeral, entre elas a exposición AstrónomAs e unha conferencia e observación mañá pola noite na praza do Rei.

Especialistas galegos que traballan espallados polo mundo

Concibido como unha oportunidade única para fomentar o intercambio de coñecemento, a presentación de resultados recentes, a posta en común de novas metodoloxías e a creación de sinerxías entre investigadores e investigadoras de diferentes institucións e áreas de especialización, o encontro busca favorecer un ambiente de colaboración aberto e dinámico, no que tanto o persoal investigador novo como o consolidado teñan a oportunidade de expoñer o seu traballo e establecer novas liñas de contacto.

Asistirán numerosos representantes das tres universidades galegas, pero tamén de moitas outras institucións, tanto a nivel nacional como internacional, desde universidades ata centros de investigación de recoñecido prestixio. Desde España, participarán, entre outros, galegos e galegas que levan a cabo o seu labor nos institutos de astrofísica de Canarias e Andalucía, do Observatorio Astronómico Nacional, do Instituto de Ciencias del Patrimonio e o Instituto de Ciencias del Espacio, ambos do CSIC, entre moitos outros. 

Desde o estranxeiro chegarán representantes  de organismos como a Axencia Espacial Europea; o European Space Astronomy Centre, ESAC; o Observatorio do conxunto de telescopios Cherenkov ou universidades como Xinebra (Suíza), Técnica de Dresde e Postdam (Alemaña), Bristol (Inglaterra), Coimbra (Portugal) ou a venezolana de Los Andes.

A conferencia inaugural do congreso, o xoves ás 09.25 h, achegará unha visión xeral sobre GIAA e correrá a cargo de Carlos Viscasillas Vázquez, co-presidente do comité científico organizador, galego que leva máis de 15 anos vivindo no estranxeiro, os últimos anos en Lituania, onde traballa como investigador no Grupo de Astroespectroscopia e Exoplanetas no Instituto de Física Teórica e Astronomía da Universidade de Vilnius.

Exposición Astrónomas, en Redeiras ata o día 30

Coincidindo coa celebración do congreso, o edificio Redeiras acolle tamén, desde hoxe martes -en horario de 09.00 a 14.00 horas- e ata o vindeiro día 30, a exposición AstrónomAs centrada nas mulleres que dedicaron os seus días e as súas noites ao estudo da astronomía. A súa versión dixital, dispoñible na páxina web www.astronomas.org, inclúe máis de 300 astrónomas que traballan ou traballaron nunha ou máis das 14 disciplinas nas que se estrutura a exposición, unha mostra que reflicte unha ampla variedade de etnias, áreas xeográficas, categorías profesionais e diversidade funcional. 

Ademais de información sobre cada unha das protagonistas, a exposición compleméntase con diversos materiais como: unha contextualización da astronomía con outras ciencias e a súa relación coa cultura (cine, literatura, arte etc.), folletos educativos descargables, xogos interactivos, podcasts e vídeos. Todo isto acompañado dunha banda sonora orixinal composta por unha moza astrofísica. Inclúese, ademais, unha versión física de 16 paneis impresos, dispoñibles en diferentes idiomas. 

“Queremos demostrarlle a toda a sociedade viguesa e, sobre todo, ás nenas que as mulleres tamén podemos facer ciencia, ciencia relevante e de carácter internacional”, subliñou na presentación a vicerreitora, Belén Rubio.

Conferencia e observación nocturna este mércores na praza do Rei

De forma previa á apertura do congreso, mañá mércores, ás 21.00 horas no auditorio do Concello de Vigo, Eduardo Ojero Pascual, xubilado da Axencia Espacial Europea (ESA) impartirá a conferencia Descubrindo o imperio do Sol, unha actividade aberta ao público en xeral e que inclúe tamén a actuación musical das cantareiras Meigas Fora de AC Tangaraño e unha observación nocturna do ceo na praza do Rei coa colaboración de diversas agrupacións e entidades.