DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o informe anual da pegada ecolóxica elaborado pola Oficina de Medio Ambiente

Máis da metade das emisións de carbono que xera a Universidade derivan da mobilidade

O campus de Vigo é o responsable do 70% do total de CO2 emitido á atmosfera

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI 12/02/2020

A pegada de carbono anual da Universidade de Vigo é de 27.081 toneladas de CO2 equivalente, o que se traduce en 11925 toneladas CO2 eq/persoa. Esta é unha medida de impacto ambiental que estuda as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, medidas en kg de CO2 equivalente e que a Oficina de Medio Ambiente vén empregando dende 2002 para a avaliar o impacto das actividades da institución no medio ambiente. Segundo o último informe publicado, que analiza os datos de 2018, e como vén sucedendo dende que se teñen datos, a mobilidade dos membros da comunidade universitaria segue a ser a principal actividade xeradora de CO2, sendo responsable do 57% do total. Así, a mobilidade no campus de Vigo produce 19.196 t CO2 eq (un 70,9 % das emisións totais do campus) e no campus de Pontevedra, 3989 t CO2 eq (un 0,88 % das emisións dese campus), contrastando cos resultados obtidos para o campus Ourense con 3896 t CO2 eq (un 0,78 % das emisións totais deste campus).

No que se refire ás cifras por campus, Vigo produciu 19.196 t CO2 eq (o 70,9 % do total das emisións da Universidade), mentres que o campus de Pontevedra só emitiu 3989 t CO2 eq e o campus de Ourense 3896 t CO2 eq. O principal motivo desta diferenza entre os tres campus é que o campus de Vigo alberga aproximadamente o 57,89 % das persoas da Universidade e ten un marcado perfil científico-técnico, con disciplinas técnicas e científicas e diversos centros de investigación de alto impacto (Cinbio, Cacti, MTI...). Este tipo de instalacións implican un maior gasto de recursos e xeración de residuos que outras disciplinas do ámbito das Ciencias Sociais. 

Fontes de emisión

Por detrás da mobilidade, que foi a responsable do 56,7% do total das emisións da Universidade, outro 16,72% das emisións están asociadas ao consumo de enerxía eléctrica. Este valor varía moito en función do campus, xa que en tanto que no campus de Vigo o consumo de enerxía eléctrica produce o 17% das emisións totais e no campus de Ourense o 20%, no campus de Pontevedra soamente representa o 11%. 
Cunha cifra moi semellante no que a emisións se refire (15% do total) sitúase a construción. No campus de Vigo e no de Pontevedra este valor é de 13% e 16% respectivamente, en tanto que no de Ourense aumenta a un 22% das emisións totais. O consumo de gasóleo C é tamén un factor importante no cómputo global, xa que representa o 6% do total das emisións. No campus de Vigo o consumo de gasóleo C corresponde ao 6% das emisións, e no de Ourense ao 13%. Mentres, no campus de Pontevedra elimináronse por completo as posibles emisións derivadas de gasóleo, xa que foron substitución ou adaptadas tódalas caldeiras a outras que consomen gas natural. O 1 % restante das emisións están asociadas ao consumo de papel, á xestión dos residuos, ao consumo de auga e ao consumo de gas natural.

Evolución histórica

No ano 2018 a Universidade de Vigo emitiu á atmosfera de 27.081 toneladas de CO2, o que representa unha pegada de carbono de 1,19 toneladas de CO2 eq/persoa. Esta cifra é superior á de anos anteriores, nos que viña producindo unha diminución continuada das emisións anuais: 0,97 toneladas de CO2 eq/persoa en 2006 e 0,95 en 2017, por exemplo. Con todo, e a pesar desta senda de redución das emisións por persoa dentro da Universidade, o resultado total da pegada de carbono incrementouse no ano 2017 e volveu incrementarse no 2018. Este aumento é consecuencia, por unha banda, do crecemento da Universidade de Vigo coa posta en marcha de novas instalacións (Cacti, Cinbio e MTI) e, por outra, da redución de número de persoas que forman parte da comunidade universitaria. A isto hi que sumar, como destacan dende a OMA, que no ano 2016 produciuse unha actualización moi importante dos factores de emisión empregados, un cambio metodolóxico que implica unha variación nos resultados que tende a aumentar as emisións de CO2 asociadas ás diferentes variables.

9091 hectáreas globais equivalentes de pegada ecolóxica total 

A pegada ecolóxica da Universidade de Vigo no período analizado de 2018 foi de 9091 hectáreas globais equivalentes. Tendo en conta que o número de persoas da universidade de Vigo no ano 2018 foi de 22.710, obtívose un resultado final de 0,40 gha/persoa. Tendo en conta as 79 hectáreas de bosque que conforman os campus, estimouse que para o ano 2018 a biocapacidade de absorción de CO2 dos bosques na UVigo foi de 342 gha (capacidade de fixación de CO2 para o bosque galego: 4,33 t CO2 eq/ha/ano; USC Herva, M. 2011), o que significa un déficit de 0,015 gha/persoa. O feito de que exista unha grande extensión arborada e vexetal no campus principal de Vigo é moi beneficioso, xa que actúa como sumidoiro das emisións de CO2.

Propostas para reducir ou compensar as emisións 

Para facer fronte a estas cifras de emisións de gases de efecto invernadoiro, a Universidade traballa en dous planos: por unha banda, a redución das emisións e, por outra, a mitigación dos seus efectos. A aposta polas enerxías renovables nos tres campus permitiu priorizar as instalacións solares térmicas, fotovoltaicas, de xeotermia ou as caldeiras de biomasa e o gas natural. Esta liña de traballo estase a continuar na actualidade, e o equipo de goberno está de levar a cabo unha importante actuación de eficiencia enerxética mediante o deseño e implantación dunha rede de calor xeotérmica en varios edificio de Ourense; unha rede de calor mediante o emprego de biomasa en Pontevedra e varias actuacións en Vigo que comprenden a instalación de penais fotovoltaicos e bombas de calor que substitúen ás caldeiras. A estas medidas súmanse outras para mellorar o illamento térmico e o cambio das luminarias por outras de tecnoloxía LED, de menor consumo e maior vida útil.

Tamén se segue a apostar polos programas de coche compartido e o circular en Vigo, o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo (Gruvi), que no ano 2018 recuperou máis de 167 equipos informáticos e compoñentes, que se repartiron entre institucións con fins sociais. Tamén se procedeu á plantación de árbores e arbustos para a restauración e mellora ambiental nos distintos centros, así como para compensar as emisións de CO2.