DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo de artes escénicas “Interzonas”

O máis novo da danza contemporánea e a frescura do hip-hop amenizaron a noite na Casa das Campás

Da man dos grupos "Mercéderande" e "Malandrómeda"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 11/04/2008

O máis novo da danza contemporánea e un concerto de hip-hop deron contido á segunda sesión do ciclo de artes escénicas Interzonas que organiza Vicerreitoría do campus de Pontevedra ata o vindeiro 30 de abril. Da man dos galegos Mercéderande e Malandrómeda os asistentes participaron de unha noite especial na Casa das Campás a través de linguaxes diversas e unha clara vontade de xogo e comunicación co público. O espectáculo comezou coa actuación da bailarina Mercé de Rande e prolongouse case ata a media noite co particular ritmo musical dos compoñentes de Malandrómeda, e que contaron coa asistencia do vicerreitor do campus, Jesús Hernández, a directora da Área de Planificación e Coordinación, Antonia Blanco e a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Fernández Souto.

"Mercéderande"

Nunha sala en total escuridade e fronte unha pantalla na que se proxectan fogos de artificio, a bailarina Mercé de Rande fai o seu espectáculo de danza contemporánea no que pretende pór a verdade boca abaixo, saír da sombra, da nada e afrontala como unha condición inherente ao ser humano. As flores de lume, tradución galega de Hana-Bi, é o nome da obra que representou e que alude a eses xogos artificiais que, efémeros por un estoupido no ceo, están presentes ao longo do chan permitindo a conexión das convulsións do corpo coa forza intensa e fugaz das explosións.
Nacida en Vigo, Mercé de Rande explora dende os seus inicios as posibilidades de creación na fusión de varias disciplinas artísticas grazas aos seus estudos na Escola Municipal de Danza e no Teatro da Danza de Madrid. Posteriormente marchou a Portugal e a Francia á procura dunha especialización no eido contemporáneo nunha época de escasas posibilidades profesionais e limitados recursos formativos en Galicia. No seu periplo europeo tivo a oportunidade de traballar con coreógrafos de prestixio mundial como Vera Mantero, Mathilde Monnier (directora do Centro Coreográfico de Montpellier), Nigel Charnok, Lisa Nelson, Howard Sonnenklar e Mark Thompkins.
Actualmente combina a dirección da súa compañía Mercéderande co traballo de asistente coreográfica do grupo Sans Filtre de Zürich, e como bailarina no novo proxecto de Incidents Memorables en París, empresa especializada na investigación e aplicación escénica das novas técnicas dixitais.

"Malandrómeda"

O grupo compostelán Malandromeda fai hip-hop sen prexuízos, en galego e aberto ao mundo, aposta polo goce libre da música e no seu directo, como o que ofreceron na Casa das Campás, buscan a frescura da tecnoloxía empregada en vivo.
O proxecto nace a finais do 2005 despois das colaboracións entre Caldeirada e Hevi, dous grupos que fixeron un par de temas para o Higher Club no programa de radio La Caraba. O primeiro resultado de esta unión foi o traballo Os estraños sempre traen malas novas que viu a luz en abril do 2006, un proxecto novo xa que se trataba dun disco creado exclusivamente para internet, que usaba como soporte físico unha páxina web. No mesmo ano sae a súa seguinte composición baixo o título Chegan Tarde EP, editado en vinilo de 10" e que aportou unha nova ferramenta para os DJ’s galegos e do mundo enteiro.
Malandrómeda aposta pola difusión libre da súa musica na rede e a súa web www.malandromeda.com é a súa canle de comunicación co resto do planeta.