DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O salón de actos da FFT acolleu o seminario 'Tolkien in the 21st Century'

Unha mañá mergullados no universo Tolkien

Organizado polo Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/04/2022

O tratamento do mal na súa obra; a súa relación coas temáticas da Idade Media; a representación visual das súas historias e o uso das runas e o seu legado, foron os temas centrais do seminario Tolkien in the 21st Century, que esta mañá acolleu o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizado polo Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da FFT, a sesión xurdiu dun interese persoal de investigación do docente deste departamento Jorge Luis Bueno, que sinala ao escritor, filólogo e tradutor de textos medievais John Ronald Reuel (J.R.R.) Tolkien como “unha das súas inquedanzas profesionais”. 

Adiado en abril do ano 2020 por mor da covid, o seminario finalmente puido celebrarse este mércores, permitindo ás persoas participantes achegarse ao autor de O Hobbit ou O Señor dos Aneis desde diversos puntos de vista, determinados pola especialización das e dos poñentes, investigadores nas súas primeiras etapas postdoutorais, como Adriana Taboada da UVigo, e outros procedentes do ámbito universitario internacional como Tom Birkett da Universidade de Cork (Irlanda) e Miguel A. Gomes da Universidade de Sunderland (Reino Unido), ou a tradutora de Tolkien ao húngaro Andrea Nagy. “Non podemos entender a literatura fantástica ou todo o boom das novelas, videoxogos, películas de base neomedieval como Xogo de Tronos, por exemplo, sen os alicerces postos por Tolkien no xénero. A súa influencia é enorme, e no século XXI, debemos seguir afondando nel”, considera Bueno, que en breve publicará un libro de investigación cunha editorial de Reino Unido sobre o autor nado Sudáfrica en 1892.

Modernista, posmodernista e referencia filolóxica

Ao seminario, que tamén se puido seguir a través do Campus Remoto da UVigo, ademais de persoas dedicadas ao estudo da literatura inglesa, tamén asistiu público interesado en xeral na obra de Tolkien. Insistindo na súa calidade como escritor, o docente e investigador e director do Servizo de Publicacións da UVigo, Jorge Luis Bueno, destaca que “xa está fóra de toda dúbida que a súa escritura e obra se insire dentro do modernismo, nun xiro moi curioso: a súa temática miraba cara atrás, cara a Idade Media e o folcklore, máis na súa forma, o seu xeito de narrar, miraba cara adiante, sendo case posmodernista nalgúns momentos. Non hai escapismo nin literatura de baixa calidade”, asegura. Á precisión da súa escritura, Bueno engade a súa brillantez como filólogo, ata o punto que aínda a día de hoxe, en libros e artigos académicos de 2022, as súas achegas das décadas de 1930 e 1940 do século pasado seguen a ser referencias fundamentais para os filólogos e filólogas.