DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun taller de escritura creativa na Facultade de Comunicación

Manel Loureiro pecha a Semana Crea amosando como transformar unha idea nunha historia

Promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/04/2026

“As ideas non valen nada, todos temos un montón de ideas ao día. O realmente difícil é transformar unha idea nunha historia”. Deste xeito abría o escritor Manel Loureiro o taller de escritura creativa que este venres puña peche á programación da Semana Crea, promovida polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra. Entre este luns e venres, diferentes facultades acolleron unha serie de conferencias, mesas de debate e obradoiros conectados coas liñas do proxecto de especialización e que nesta edición buscaron tamén reflexionar sobre a evolución da creatividade nuns tempos marcados polas tecnoloxías dixitais.

Trátase, como sinala Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea, dunha semana de actividades que “serve para promocionar o Campus Crea, centrándose nas titulacións do campus de especialización, pero que é tamén aberta á cidadanía”. Ese era o caso tamén no coloquio que Loureiro protagonizaba nesta xornada na Facultade de Comunicación e no que o escritor foi presentado polo profesor Iván Puentes. Con libros traducidos a máis de 20 idiomas e recoñecido con galardóns como o Premio Fernando de Lara de Novela en 2024, Loureiro é “un dos escritores máis afamados deste país”, co que as e os participantes neste taller puideron afondar “nos procesos de escritura creativa”. Nese senso, Puentes destacou a creatividade como o “nexo de unión” entre o labor dos escritores e escritoras e o das e dos profesionais que se forman na Facultade de Comunicación, xa que esta é a que permite “enfrontarnos a un folio en branco ou a unha idea baleira”, ata trasformala “nun produto co que chegar ao público”.

Como construír unha historia

Tras lembrar que o seu traballo, como escritor ou como guionista, susténtase en ser quen de “conseguir unha maneira atractiva de contar as cousas”, Loureiro abriu este taller preguntando aos e ás asistentes “cantas historias poden contarse” en cine, televisión ou literatura. “E se vós digo que só poden contarse 36 historias?”, preguntou a continuación, referíndose ás 36 situacións dramáticas propostas polo filólogo Georges Polti, presentando unha serie de exemplos de obras, filmes ou relatos conectados por unha mesma estrutura narrativa, como Star Wars e O señor dos aneis. “A estrutura é a mesma, pero a historia que a rodea é diferente”, subliñou Loureiro, quen sostivo que “todas as historias que contamos repítense de maneira cíclica unha e outra vez, porque están relacionadas coas emocións que nos identifican como humanos”.

Partindo desta idea, Loureiro centrou esta actividade en como a creatividade é a que permite dar forma a obras diferentes, deténdose nas diferentes fases do proceso de creación dunha novela. En primeiro termo, apuntou, “todo arranca cunha idea, pero as ideas teñen un valor ridículo, todos temos un montón ao longo do día”. Nese senso, o primeiro paso sería “transformar a idea nunha historia”, para o que é preciso “facerlle preguntas a esa idea, que á súa vez teñen que xerar máis preguntas”. Este conxunto de respostas permitirían articular "un fío narrativo”, que á súa vez é un esquema que é preciso desenvolver. Neste punto, Loureiro contrapuxo dous tipos de autores e autoras, os de “escritores de mapa”, aquelas persoas que antes de comezar a escribir teñen xa definidos os múltiples elementos da trama e ou os seus puntos de xiro, e os de compás, aqueles que, tras a definición do fío narrativo, “empezan a escribir sen ter idea do que vai pasar na seguinte páxina”. A partir de aí, o protagonista deste relatorio foise detendo nas diferentes fases do proceso de construción dunha historia, desde a importancia do proceso de documentación, ao “camiño longuísimo” que supón a elaboración final dunha novela, deténdose en cuestións como a construción de personaxes ou en como en ocasións aqueles personaxes inicialmente concibidos como secundarios “poden tomar o control da historia”.

Conexión coa cidadanía e co tecido profesional

Este taller viuse precedido por un conxunto de actividades que “tiveron bastante afluencia”, como sinala Fernández Souto, que incide no positivo destas iniciativas para achegar o proxecto de especialización do campus “á cidadanía e aos profesionais”. Nese senso, pon como exemplo a mesa Homenaxe a Contrapunto, desenvolvida na tarde deste xoves na sede da Vicerreitoría e promovida coa colaboración de Creatividade Galega. Dirixido a abordar os 52 anos de traxectoria da primeira axencia de publicidade de España en acadar o Gran Prix do Festival da Creatividade de Cannes, este encontro reuniu en Pontevedra tres profesionais que se situaron á fronte da dirección creativa de Contrapunto neste medio século de traxectoria, José María Lapeña, Antonio Montero e Carlos Jorge, nun coloquio conducido polo presidente de Creatividade Galega, Julián Abad.

Tamén na tarde deste xoves, a Facultade de Deseño acollía unha conferencia dos responsables do estudio Novagarda, especializado en proxectos dixitais, audiovisuais e web, así como a presentación de Planta 6, o proxecto de creación dunha revista da facultade impulsado por un grupo de alumnas. Neste mesmo centro tiña lugar tamén o luns unha conferencia do deseñador Pepe Barro, mentres que Belas Artes acollía martes e mércores un obradoiro da artista María Castellanos, centrado en conectar corpo, materia e tecnoloxía a través da construción de “interfaces brandas”.

Ideando “espazos activos”

Outra das propostas inserida nesta programación era o concurso de ideas CREA-Espazos Activos, no que se convidaba á comunidade universitaria a traballar en ideas innovadoras orientadas a recuperar, modificar ou optimizar espazos para o eido educativo, deportivo e de promoción da mobilidade e saúde. A esta iniciativa presentáronse once traballos grupais, que o alumnado presentaba diante do xurado na tarde deste luns, despois de que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollese a mesa de debate Experiencias comunitarias na promoción de espazos activos. Destas once propostas, catro foron seleccionadas como finalistas e galardoadas cunha serie de agasallos, nun acto de entrega desenvolvido nas últimas horas.

“En xeral, os traballos destacaron por unha busca de solucións e recursos diferentes a problemas escolares e comunitarios, acompañados dunha estreita afinidade cos obxectivos de desenvolvemento sostible”, sinala o profesor Roberto Silva, coordinador desta iniciativa xunto ás profesoras Begoña Paz e África Martínez. Concretamente, as propostas finalistas foron “un mapa de roteiros activos por Pontevedra, unha aplicación gamificada para promover os desprazamentos escolares e dous modelos de aula dual para a organización de saídas didácticas”. En representación dos diferentes grupos de alumnos e alumnas premiadas, recolleron os premios Lucía Gil, Pablo Redondo, Rodrigo Prieto, Adrián Docampo, Daniel Santos, Matías Delicado, Mariña Pérez e Sara Pena.