DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mercedes Suárez, nova decana da Facultade de Ciencias da Educación:

"Manterei o espírito de apertura que caracterizou ao anterior equipo decanal"

Toma o relevo no cargo de Xosé Manuel Cid

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 07/03/2008

A Facultade de Ciencias da Educación xa ten nova decana. Mercedes Suárez, profesora universitaria dende 1974 e experta en Pedagoxía, tomou o relevo de Xosé Manuel Cid tras recibir a súa candidatura, a única presentada, 45 votos a favor, 10 en contra e 7 en branco na Xunta de Facultade. No seu equipo aparecen caras coñecidas, como o propio Cid, en calidade de vicedecano, ou Ramón Ángel Fernández. Entre os novos atopamos a María Lameiras e María del Pino Díaz, como vicedecanas, e a Antonio González, como secretario.

No seu equipo decanal repítense varios nomes con respecto ao anterior, vai facer unha xestión de continuidade ou pensa introducir moitos cambios?
Dentro do equipo aparecen un 50% de caras novas, o que significa que existe unha renovación importante. Temos unha idea de continuidade no sentido de que hai persoas con moita experiencia en cargos de xestión, pero tamén temos a metade de xente nova que van aportar novas perspectivas, novas ilusións e unha renovación e un cambio que son necesarios en todo tipo de goberno de institucións públicas. Ademais, tamén a presenza da muller é exactamente a metade, tres mulleres e tres homes.

Que pensa vostede que pode aportar á facultade e cales son os seus principais proxectos?
Os proxectos que temos a curto prazo xa están un pouco avanzados porque son necesidades imperiosas da facultade e véñennos impostas dende fóra. O principal reto agora mesmo é o deseño dos novos graos e a implantación dun novo POP, o de Intervención multidisciplinar na diversidade en contextos educativos que, recentemente aprobado pola Xunta de Galicia, se vai poñer en práctica o ano que vén.
Despois o que pretendemos neste eido é crear uns foros de participación o máis amplos posible para que, á hora de deseñar os novos graos, haxa un consenso e se poidan equilibrar os intereses de todos os colectivos implicados.

Como vostede sinala, uns dos retos principais que terá que afrontar o seu equipo decanal é a adaptación a Boloña. Como vai o proceso?
Nós imos bastante adiantados tendo en conta que esta é unha facultade moi complexa que ten máis de 1500 alumnos, máis de 100 profesores e 7 titulacións. Non é o mesmo preparar a un colectivo pequeno para un cambio que a un centro tan amplo como o noso e, sen embargo, imos bastante ben. Para o curso que ben terán xa implantadas as novas guías docentes de acordo co EEES toda a carreira de Psicopedagoxía, toda a de Educación Social, e primeiro e segundo de Educación Infantil. Aparte destes cursos completos que, xa están implantados, hai unha gran parte do profesorado que pola súa conta xa están aplicando experimentalmente as novas guías docentes. Polo tanto, dentro do que cabe somos unha facultade referente na Universidade de Vigo, que foi das máis valoradas nese campo docente o curso pasado.

Ademais disto, tedes outro tipo de proxectos a máis longo prazo?
Sempre temos o proxecto de chegar a ser un centro que sexa punto de referencia dentro do noso ámbito socioeducativo, tanto no galego como no ourensano. Isto significa que temos que participar activamente en todo tipo de cuestións que sexan da cultura do noso entorno: nas lingüísticas, nas sociais, nas profesionais...É unha meta que nunca se acada totalmente porque canta máis proxección social teñamos, mellor. Ademais tamén queremos aumentar os convenios que temos con institucións e empresas para acometer a formación preprofesional das nosas titulacións.

É común escoitar falar de que hai baixo nivel educativo, que opina vostede ao respecto?
A educación sempre é reflexo da sociedade na que se atopa inmersa. Se hai moitos problemas sociais ou un cambio de valores repercute en todos os ámbitos e tamén, por suposto, na universidade. De todos xeitos non son nada catastrofista, a xuventude de agora non é mellor nin peor que a de outras xeracións, o que pasa que teñen una escala de valores diferente e outro tipo de coñecementos. Pode haber cosas que ignoren máis que nós no seu momento pero tamén teñen moita cultura dende idades cada vez máis temperás noutros ámbitos, como son os novos recursos. Polo tanto non son pesimista con respecto á xuventude en concreto, todos os problemas de valores o son de toda a sociedade, téñennos os mozos, pero tamén os adultos. Iso si, temos que atallalos dende a educación e nós, como institución, temos que implicarnos.

E cal é concretamente ese cambio de valores do que fala?
Vexo tres grandes problemas sociais e de valores negativos que, como tales, tamén inciden nos nosos centros e cos que deberíamos traballar dende a educación para evitar a súa virulencia. En primeiro lugar, temos a violencia de xénero, que non pode ser simplemente unha cuestión de noticia porque significa que hai unha mentalidade, baseada na idea de que se pode utilizar á outra persoa como se fora un obxecto.
Outros dos grandes problemas é a xenofobia, cando ademais nós procedemos dun lugar como é Galicia que tivo emigrantes toda a vida. Fálase dun millón de galegos fóra que marcharon porque había miseria aquí, cos peores traballos e moitas veces sen contrato, como chegan aquí agora. Hai que aprender a convivir coa diferenza, porque é algo positivo e perderlle o medo ao diferente, combaténdoo dende as escolas ata, por suposto, a universidade, que ten que ser un foco de creación de ideas e de cultura...
Por último, o terceiro gran problema para min é o deterioro do medio ambiente, que é outro tipo de violencia que, aínda que non o pareza, tamén se exerce contra as persoas porque a natureza vainos pasar factura.

E xa para finalizar, o despacho de Xosé Manuel Cid, anterior decano, sempre estivo aberto aos alumnos, pensa seguir vostede na mesma liña?
Igual, igual, por suposto, ese espírito de apertura non cambia. É unha política que se chama “de portas abertas”, é dicir, que ten que ser un equipo no seu conxunto, facilmente accesible e sensible á resolución dos problemas, sempre que estea na nosa man.