Realizado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Un manual aborda como detectar problemas de equilibrio na infancia e as estratexias para melloralo
Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo e dirixido a profesionais educativos ou sanitarios
Achegar aos e ás profesionais do ámbito clínico, deportivo ou educativo diferentes métodos para avaliar o equilibrio e o control postural en nenos e nenas, así como orientalos na creación de tarefas que contribúan ao seu desenvolvemento. Estes son os obxectivos centrais de Equilibrio e control postural. Concepto, avaliación e estratexias de traballo para profesionais, un libro realizado polos investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán e Vicente Romo; o doutor pola Universidade de Vigo e profesor de Educación Física Jesús García Liñeira e a profesora da Universidad de León Raquel Leirós. Editado polo Servizo de Publicacións da UVigo, este manual busca servir como guía para o desenvolvemento de “estratexias de intervención” coas que traballar o equilibrio dos nenos e nenas, contribuíndo así a “mellorar a súa calidade de vida e evitar a incidencia de trastornos motrices ou caídas”, sinala García Liñeira.
“Este manual destaca a importancia de avaliar e desenvolver o equilibrio e o control postural na infancia”, subliñan os autores dun libro que permite aos e ás profesionais “crear tarefas desde cero” para traballar na súa mellora. Non en van, lembra García Liñeira, o equilibrio é “unha capacidade multifuncional que evoluciona desde a infancia ata a adolescencia” e que resulta “fundamental” non só para diminuír o risco de caídas, senón tamén para unha correcta “adquisición de habilidades motrices”, coa que evitar “unha peor adherencia ás actividades físicas e un maior sedentarismo”.
Deténdose en ferramentas e métodos de avaliación novidosos, como o uso da acelerometría, este manual ten como punto de partida “investigación científica actualizada”, nun campo no que “houbo moita innovación”, recoñece este docente e investigador. De feito, esta publicación preséntase como a “continuación natural” da tese que realizou no Doutoramento en Creatividade e Innovación Social Sustentable. Nesta, constatou cunha mostra de preto de 400 escolares a efectividade dos acelerómetros como unha ferramenta válida para avaliar o equilibrio da poboación pediátrica, o que á súa vez permitiulle establecer os valores normativos para medir a evolución do desenvolvemento motor nesta franxa de idade. “Era preciso un manual que lle dera forma aos aspectos teóricos do equilibrio dun xeito máis didáctico e resumido e propuxera formas de desenvolvelo para os profesionais”, salienta este profesor de Educación Física en centros da Xunta de Galicia. Con ese obxectivo, explica, “está escrito dende unha perspectiva diferente doutros traballos”, xa que non busca ser un “libro de tarefas” a desenvolver, senón “un manual cunha ampla xustificación científica do que se recomenda e das actividades que son axeitadas para mellorar o equilibrio en etapas infantís”.
Da fisioloxía do exercicio ao deseño de intervencións
Estruturado, sinalan os seus autores e autora, en “tres partes ben diferenciadas”, no primeiro apartado do libro “analízanse en profundidade os fundamentos do control postural e a súa maduración na infancia”. Neste capítulo, abórdase a fisioloxía do equilibrio, explicando a “implicación dos sistemas sensoriais e músculo-esqueléticos, así como a biomecánica da estabilidade postural”. Do mesmo xeito, abórdase como o equilibrio vai evolucionando da infancia á adolescencia e “cales son os fitos que deben acadarse nos primeiros anos de vida”, pondo o foco na “fisiopatoloxía do control postural en poboación infantil”.
O segundo capítulo céntrase nos sistemas de medición e análise do equilibrio e do control postural na infancia. “Preséntanse os métodos de avaliación que se adoitan empregar para valoralo, facendo fincapé en métodos novidosos, accesibles e fiables”, como o uso de acelerómetros, dispositivos que miden as aceleracións do centro de gravidade do corpo. Neste punto, García Liñeira recoñece que “tradicionalmente utilizáronse métodos pouco precisos” para a detección de posibles “déficits relacionados co equilibrio”, mais na actualidade existen “ferramentas dixitais cun custo accesible”, que permiten levar a cabo “análises máis fiables, accesibles e aplicables en contextos como as escolas”, como sería o uso de acelerómetros, “un método de avaliación excelente e novidoso”, que permitiu o grupo de investigación Hi10 estudar previamente “os valores de desenvolvemento do equilibrio” nesta poboación. De feito, García Soidán, Romo e Leirós patentaban neste 2025 un sistema de detección prezoz de problemas no equilibrio dinámico, centrado neste caso en persoas maiores e baseado na interpretación, mediante algoritmos, dos datos obtidos cun acelerómetro.
Finalmente, o terceiro bloque do libro “orienta a creación de estratexias eficaces para o desenvolvemento do equilibrio e do control postural na poboación infantil”. Neste apartado, abordan “o desenvolvemento do control postural nunha infancia activa”, pondo en foco en cuestións como “a conciencia corporal, o desenvolvemento e mellora muscular e neuromuscular, a mellora a través de actividades físicas, xogos e deportes, as recomendacións xerais e as estratexias de intervención motora”. Estas, explica García Liñeira, “baséanse na creación de tarefas”, que favorezan “unha evolución motriz saudable e efectiva”, propondo “actividades ximnásticas de ritmo”, deportes como a patinaxe ou as artes marciais e “programas de intervención deportiva dentro e fóra de ámbitos regrados”.
