DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pretende ser un apoio para alumnado e profesionais no deseño de sistemas dixitais

Un manual para enxeñaría ensina os conceptos básicos da linguaxe informática VHDL

Os autores, Carlos e José Castro, publican o quinto libro de forma conxunta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
Ana Proupín DUVI 16/01/2019

A informática é unha ciencia que está en continuo cambio e resolver dúbidas rapidamente en calquera dos seus diferentes eidos non resulta unha tarefa doada. Exemplos disto son a forma de deseñar e de poñer en funcionamento os circuítos dixitais, tal e como se coñecen hoxe en día, que comezaron a mudar a mediados da década de 1980. Actualmente, para o deseño destes sistemas dixitais empréganse linguaxes de descrición de hardware, complexas de entender para a maioría dos usuarios, e existe pouco material dispoñible para consulta, polo que o docente do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo, Carlos Castro, e o enxeñeiro de Cesinel, José Benito Castro, decidiron elaborar un manual titulado VHDL sintetizable para estudiantes de Ingeniería. Nesta publicación, os irmáns Castro unen os seus coñecementos para dar resposta ás numerosas dúbidas que xorden no emprego da Very High Speed Integrated Circuit Hardware Description Language, unha das linguaxes informáticas máis importantes na descrición de soportes físicos. 

Un manual dirixido á enxeñaría

Os motivos que levaron a edición deste libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, son dous. Por unha banda, a pretensión era a de elaborar un manual de apoio para o alumnado dos graos de enxeñaría no que estivera toda a información que non da tempo a contar nas clases, nas que se empregan 185 diapositivas para ensinar a describir a linguaxe VHDL. O profesor Carlos Castro menciona que “hai información que se explica oralmente e o alumnado non a ten en conta para os apuntamentos, polo que o seu nivel non é suficiente para manexar esta linguaxe”.  

Por outra banda, José Castro, que traballa no deseño de sistemas electrónicos de todo tipo, percatouse, xunto co seu irmán Carlos, de que uns apuntes completos serían ao mesmo tempo útiles para todas as persoas que traballan no ámbito das enxeñarías. “A ambos, e supoño que a outros moitos enxeñeiros, ocórrenos que, cando estamos un tempo sen usar a linguaxe VHDL, esquecemos cousas ou temos dúbidas de como utilizalas axeitadamente”, engade o experto. Debido ao escaso tempo que teñen para estudar e repasar conceptos, os dous irmáns pensaron en publicar un libro no que se puidesen consultar as dúbidas sen ter que ler moreas de páxinas ou sen ter que pescudar en diversas fontes por mor de non atopar unha explicación ou un exemplo.

A finalidade desta publicación é que tanto o estudantado como as e os profesionais do deseño de sistemas dixitais teñan un recurso no que, segundo os autores, se expliquen de forma sinxela e concisa os conceptos básicos de VHDL con abundantes exemplos e que, ademais, estes sexan entendidos facilmente e interpretados á perfección polos sintetizadores, uns aparellos electrónicos capaces de xerar e elaborar sons de distinta frecuencia e amplitude. “É un libro pensado para aprender conceptos básicos sobre como describir sistemas dixitais sintetizables, é dicir, que se poden poñer en funcionamento fisicamente, nunha FPGA ou nun CPLD”, explica Carlos Castro. 

Malia que o volume trata conceptos básicos desta linguaxe, vai dirixido a un público moi específico, estudantado das enxeñarías e profesionais desta rama que queiran aprender a describir sistemas dixitais complexos utilizando a linguaxe VHDL.

Irmáns e coautores

José Benito traballa en Cesinel, unha empresa dedicada ao deseño de circuítos electrónicos para firmas nacionais e internacionais, e Carlos forma parte do corpo docente do Departamento de Tecnoloxía Electrónica da Universidade de Vigo e tamén colabora na realización de deseños para outras compañías. 

A miúdo colaboran en traballos para outras empresas, de aí que compartan moitos intereses no relativo á electrónica. Con este último volume xa son un total de cinco os libros que teñen publicados de forma conxunta. Anteriormente, abordaron o tema da electrónica dixital en tres publicacións, así como a electrónica de potencia e, en concreto, o deseño, modelado e control de convertedores cc/cc conmutados nunha única edición.