DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofreceu un relatorio na FCEE centrado no papel dos economistas de empresa

Manuel Balmaseda, economista xefe de Cemex: “O mundo vese ben en 2021 e en 2022, pero é o momento de preparar o resto”  

Advirte do problema de que as dinámicas de inflación se perpetúen 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/10/2021

O actual economista xefe de Cemex, empresa líder en materiais de construción; colaborador habitual do FMI, da Comisión da UE, da OCDE e investigador visitante no Banco da Reserva Federal en Minneapolis, Manuel Balmaseda analizou este mediodía nun relatorio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo o papel dos economistas de empresa no escenario postpandémico actual, avanzando ademais, as que, desde o seu punto de vista, son as previsión e ameazas ás que se enfronta e economía global. Balmaseda, que foi presentado no salón de actos do centro polo vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, participou coa súa conferencia no ciclo de relatorios organizado pola facultade, a Fundación Mentor e a Fundación Banco Sabadell.

Tras comezar a súa intervención resaltando as características que diferencian o traballo que realiza un economista de empresa, do dun homólogo académico ou do que desenvolve o seu traballo na banca, Balmaseda trasladou ás persoas asistentes ao relatorio unha descrición, desde o seu punto de vista, da situación actual do mundo, asegurando que “vese ben en 2021 e en 2022,  pero é o momento de preparar o resto”, dixo. Segundo Balmaseda temos un crecemento alto en 2021, explicado polos efectos da pandemia, logo dunha gran recesión “na que, por exemplo, en España caemos un 11% e este ano medramos un 6%”, dixo o economista, que se referiu á pandemia como un terremoto global, fronte ao que se produciu unha reacción de política económica sen precedentes. 

Expansión e inflación

Manuel Balmaseda asegurou, na súa intervención na UVigo, en relación coa situación de expansión existente, que o aforro acumulado durante a pandemia non se rexistrou unicamente por medo, senón porque non se podía gastar, ao tempo que destacou que a política de apoio ás rendas foi “espectacular, permitindo que a crise fose menor”. Logo de lembrar que no caso de Europa o impulso fiscal do ano pasado aínda non chegou e que os países terán taxas de crecemento moi elevadas, Balmaseda apuntou que “teremos un mundo moi dinámico en 2022 , pero os impactos os teremos en 2023”. Neste sentido, o economista xefe de Cemex alertou que o aumento da inflación xa empeza a ser un problema, aínda que non ata o punto de “cargarse a recuperación”. Neste punto, Balmaseda incidiu nos problemas de oferta que afectan á cadea de subministro, cunha industria do automóbil semiparalizada porque non hai semicondutores, o prezo da madeira e do aceiro disparados e un mercado laboral  con empresas que non atopan traballadores. “Esta escaseza de man de obra nótase máis porque hai demanda forte e a oferta axústase de xeito máis lento. Chegará, pero mentres, os prezos suben”, sinalou o economista, que alertou do problema de que as dinámicas de inflación se perpetúen. 

O economista xefe de Cemex rematou a súa intervención enumerando algunhas cuestión que se lle preocupan como a crecente intervención dos gobernos na economía e a acumulación de niveis de débeda masiva. ”En 2022 empezaremos a ver a normalidade e  partir de aí teremos un impacto bastante importante. Cada vez temos desde o sector público, o sector privado e en particular nos ámbitos de formación na universidade, en conxunción cos outros dous, máis retos por diante, que van ser crecentes” asegurou Balmaseda, para quen “o mundo vese ben en 2021 e en 2022,  pero é o momento de preparar o resto”, dixo.