DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato de H2040 confirma a realización de estudos para mellorar a conexión con Vigo e comarca

Manuel Reigosa avoga no inicio da súa campaña en Vigo por acadar un campus con máis vida

No edificio de Ciencias Experimentais repasou as liñas programáticas e logros acadados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/04/2022

“Unha das cousas que máis botamos en falta é que haxa máis vida no campus. O alumnado vén a clase, fai practicas, vai a seminarios, pero rematado iso, rematou a súa actividade na Universidade”, asegurou esta mañá no campus vigués o candidato a reitor de H2040 nas eleccións que se celebrarán na UVigo o vindeiro 4 de maio. No acto de inicio de campaña en Vigo Manuel Reigosa avogou por “darlle un empurrón para que o campus vigués cobre vida”, un obxectivo para o que, explicou, dunha banda, o equipo de goberno traballou na mellora das comunicacións, e doutra, no programa electoral se recolle unha proposta de creación de novos espazos “que permitan crear lugares de encontro para o alumnado dos distintos centros e que ademais teñan actividades”, detallou Reigosa.

No caso concreto do campus vigués, o candidato a reitor, que esta mañá estivo acompañado de parte do equipo co que concorre á reelección, tamén avanzou a realización doutras obras como un módulo e unha pasarela para atlanTTic, e unha pérgola na zona do aparcadoiro da Escola de Enxeñería Industrial. Xa fóra do campus de As Lagoas, Reigosa apuntou a creación dun módulo para o futuro Laboratorio Cuántico no edificio propiedade de Zona Franca na rúa López Mora, mentres que no caso da ETEA, confirmou a cesión do edificio Siemens, que se suma ao Faraday, mentres que no caso do Morse, asegurou, “son optimista”. Neste espazo, o candidato de H2040 reiterou a súa disposición a atender a petición da Facultade de Ciencias do Mar para trasladarse alí sempre cando se cumpran unhas condicións, e onde tamén se impartirían os mestrados relacionados co ámbito mariño da Facultade de Bioloxía, ademais de contemplarse a posibilidade dun futuro desenvolvemento do Centro de Investigación Mariña (CIM).

Na procura de mellores conexións entre Vigo e comarca e o campus 

Na súa exposición ante o PDI, PAS e alumnado do edificio de Ciencias Experimentais, Manuel Reigosa e o candidato a vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, explicaron o traballo que, co obxectivo de acadar unha mellor comunicación co campus, realizou o equipo de goberno nos últimos anos. E é que, segundo Reigosa, “a comunidade universitaria si quere apostar polo que albiscabamos hai 30 anos, cando tiñamos 30.000 estudantes e todos pensabamos que esta ía ser unha cidade universitaria, pero é certo que cada vez estamos máis lonxe. Creo que o efecto pandemia tamén parou isto, porque a xente acostumouse a seguir as clases en liña e non subir o campus , pero cómpre darlle un empurrón e que o campus cobre esa vida”.

Con este obxectivo, Reigosa explicou que se realizou unha primeira proposta para conseguir unha comunicación mellor co campus, pero non resultou viable desde o punto de vista económico, “pero pensamos que se pode facer unha chegada máis rápida, tanto desde Vigo, como desde o anel de concellos da contorna”. Pola súa banda, José Luis Míguez confirmou que se falou con empresas do ámbito da enxeñaría civil para facer unha primeira proposta coas mellores conexións coas vías de alta capacidade que rodean o campus vigués. “Fixemos a proposta que pensabamos que era a máis doada e non saíu, nin por distancias, nin por custo, pero seguimos a traballar e a idea é esa, ver como desde outras zonas podemos facer unha conexión viable e vir directamente e non estar sempre dando voltas por aí”, dixo o candidato a vicerreitor.

Liñas programáticas e logros acadados

Como fixera no acto de inicio de campaña de onte no campus de Pontevedra, hoxe no primeiro evento celebrado en Vigo, Reigosa debullou os eixos do seu programa electoral e repasou as realizacións máis destacadas do seu primeiro mandato, así como algúns obxectivos non acadados nos últimos catro anos de goberno. 

A consecución dun máximo de 240 horas de dedicación docente, un plan de estímulo á xubilación, un adianto na saída de prazas ou o impulso a programas propios de formación pre e posdoutoral, plan de promoción do persoal investigador ou plans de formación para o profesorado, son algunhas das propostas de H2040 no capítulo de PDI, onde o candidato reiterou a obriga de enfrontar un recambio xeracional e a necesidade de fichar xente nova. No caso do PAS, Reigosa lamentou que non fose posible mudar a Relación de Postos de Traballo (RPT), mostrando, pola contra, a súa satisfacción polo proceso de funcionarización, ao que unicamente non se acollerán 14 persoas. “Precisamos fichar xente e esperamos nos catro próximos anos ter un cadro de persoal que nos permita facer as cousas mellor”, dixo o candidato, que tamén confirmou que xa se entregara na mesa de negociación un plan piloto para a regulación do teletraballo.

Entre as medidas contempladas no programa electoral de H2040 para o estudantado, Reigosa apuntou a proposta dunha oferta para que o alumnado faga máis vida nos campus, o fomento do asociacionismo e a posta en servizo de máis espazos para actividades. No ámbito da docencia, a candidatura encabezada por Reigosa aposta por mellorar a oferta de graos, mestrados e formación continua aproveitando as posibilidades que ofrecen os novos graos abertos, itinerarios integrados, formación dual e dobres títulos; así como pola captación de alumnado estranxeiro. 

O incremento progresivo da partida destinada a produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, son accións que o candidato mencionou no capítulo de investigación. No ámbito da transferencia, H2040 aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos, ademais de apoiar a ciencia aberta. Reigosa tamén se referiu esta mañá á reformulación da xestión, mellorando o funcionamento da atención ao estudantado e PDI, simplificando procesos administrativos, implementando novos sistemas informáticos e automatizando procedementos administrativos.

O candidato asegurou hoxe que “podemos presumir” dos logros acadados nos últimos anos no ámbito da sostibilidade. “A Universidade ten que dar exemplo con pouca pegada de carbono e a aposta pola sostibilidade rende grandes beneficios”, asegurou Manuel Reigosa, que lembrou as instalacións de xeotermia operativas no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra, así como as de aerotermia e fotovoltaicas. Doutra banda, a consecución da igualdade plena foi outro dos eixos sobre os que Reigosa puxo o acento este mércores, un obxectivo para o que H2040 propón dúas medidas estrela, a docencia cero durante o ano seguinte á reincorporación tras a baixa de maternidade e a docencia ao 50% durante o ano seguinte; e o estudo da implantación de ludotecas para períodos escolares non lectivos. 

No seu primeiro acto electoral en Vigo, o candidato a reitor tamén destacou o volume de fondos públicos acadados nos tres últimos anos para proxectos de investigación e transferencia, así como a captación de investigadores ERC, Highly Cited Researchers e moi especialmente Ramón y Cajal , “conseguidos con pico e pa”, dixo Reigosa, que xustificou o atractivo da UVigo para as e os investigadores foráneos en que ofrece un horizonte de estabilidade.

Na quenda de preguntas, o candidato a reitor apostou por defender a oferta académica da UVigo e mellorala, así como por recoñecer o labor do persoal investigador que se encargada da dirección de proxectos. A campaña electoral continuará mañá xoves nas facultades de CC Empresarias e Turismo e Dereito do campus de Ourense.