DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo recibirá 3,6 millóns de euros logo do acordo entre Xunta e universidades

Manuel Reigosa: “Os cartos acordados no reparto de fondos covid estatais permítennos ser máis ambiciosos nas medidas que estamos tomando” 

10,9 M€ achegaranse ás tres institucións para paliar o sobresforzo económico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 03/11/2020

A Universidade de Vigo recibirá 3,6 millóns de euros no reparto de fondos covid estatais tras o acordo acadado entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas. En total son 10,9 millóns de euros os que percibirán as tres institucións académicas galegas (4,2 USC; 3,6 UVigo e 3 UDC) e que se suman aos tres millóns de euros propios da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que xa se asignaran ás universidades para facer fronte aos gastos derivados da covid desde a declaración en marzo do Estado de Alarma.

“Quero facer constar a miña satisfacción co acordo acadado entre a Xunta de Galicia e as tres universidades, a través dos tres reitores. Penso que é un bo acordo, que nos vai permitir facer as cousas mellor, tanto desde o punto de vista da seguridade sanitaria, coma da adaptación á docencia nos diferentes escenarios posibles durante todo o curso 20-21”, explica Manuel Reigosa. O reitor da Universidade de Vigo sinala que, ademais de permitir levar a cabo as medidas destinadas a garantir a formación e a seguridade sanitaria, “sen adelgazar os nosos orzamentos”, os cartos finalmente acordados entre o executivo autonómico e as universidades “permítennos tamén ser máis ambiciosos nas medidas que estamos adoptando”.  

Tomando como base da distribución dos fondos o número de alumnado de grao e mestrado de cada universidade, o gasto baséase en programas aos que se deben axustar as propostas das institucións, estruturadas en tres áreas: melloras sanitarias, dixitalización e actuacións en infraestruturas. Estes fondos adicionais acordados entre a Xunta e as universidades, procedentes do Fondo covid creado polo Real Decreto-lei 22/2020, do Goberno central, teñen o obxectivo de facer fronte ao sobresforzo económico, en beneficio da seguridade sanitaria das universidades públicas galegas, tendo en conta os gastos adicionais nos que tiveron que incorrer, imprevistos pero imprescindibles, para manter a calidade da oferta académica e da investigación.

Meses de medidas na UVigo cun forte investimento 

A confirmación do acordo acadado entre as universidades e a Xunta prodúcese tras meses nos que a UVigo, por mor da situación creada pola pandemia, “tivo que facer fronte a moitos gastos inesperados”, recoñece o reitor. Así, ademais de contribuír ao fondo Supera-Covid, co obxectivo de financiar proxectos de investigación destinados a facer fronte á pandemia, a Universidade de Vigo adoptou medidas como dotarse dunha nova liña de bolsas para o estudantado; reparto de mifis (pequenos routers con wifi) para evitar a fenda dixital; desenvolver un sistema propio de videoconferencia – Campus remoto – para a realización de clases a distancia ou reforzo dos sistemas de teledocencia. “Ademais, loxicamente, investiuse en material sanitario (hidroxeles, máscaras, etc.) e todos estes gastos supuxeron dedicar partidas inicialmente previstas para outros fins nos orzamentos propios da UVigo”, explica o reitor, que incide en que estas medidas tamén van a seguir durante este curso no momento en que sexan necesarios. Precisamente en relación co actual curso 20/21, Reigosa lembra o forte investimento que se realizou co obxectivo de acadar o maior grado de presencialidade adecuando os centros habilitando novos espazos, marcando os postos con códigos QR, axustando as circulacións nos edificios, electrificando aulas, montando “aulas Integra” ou mellorando a rede sen fíos. “Tamén se fixo un investimento en formación con novos cursos para a utilización das ferramentas de teledocencia, Organizouse a nova plataforma de teledocencia (moovi) e, por suposto, reforzáronse os servizos de limpeza”, detalla o reitor, que destaca tamén en relación coas medidas sanitarias a realización dun cribado PCR a todo o persoal contratado na UVigo e de 200 probas adicionais por semana para todo o curso, “que esperamos nos sirvan para impedir que as aulas se convertan nun lugar no que aparezan gromos”.

Cos fondos agora acordados entre a Xunta e as universidades, a UVigo poderá, ademais da partida inicialmente dedicada a mercar ordenadores portátiles e tabletas dixitalizadoras, cuxo reparto estase a realizar estes días, poñer en marcha unha compra mais importante para o segundo cuadrimestre. Coa vista posta nun futuro próximo o reitor sinala que, “algunhas das medidas que se están adoptando, ademais de servir para o tempo afectado pola pandemia, poden servir para que a UVigo faga mellor algunhas cousas no futuro. Un bo exemplo sería a mellora da rede con fíos nos tres campus ou o reforzo da rede sen fíos, a posta en marcha do Campus Integra (no que coinciden alumnos na aula e outros desde outras localizacións) ou a nova plataforma de teledocencia”, explica Reigosa.