DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns publicouse a proclamación provisional de candidaturas a Reitoría e Claustro

Manuel Reigosa, único candidato ás eleccións a reitor do 4 de maio

O aspirante á reelección apunta que “pode haber un cálculo interesado de promover un voto negativo”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/03/2022

O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, será o único candidato nas eleccións á Reitoría que terán lugar o 4 de maio. De acordo co calendario electoral aprobado o pasado 1 de febreiro polo Consello de Goberno, este luns procedeuse á proclamación provisional de candidaturas nas eleccións á Reitoría e a representantes no Claustro. A única candidatura presentada nas eleccións a reitor foi a de Reigosa, que o pasado mes de novembro fora proclamado por aclamación como candidato da formación H2040. “Estou moi satisfeito do equipo, das liñas de goberno e da proposta que imos presentar perante a comunidade universitaria”, salientou o candidato, quen admite que “é unha mágoa que non haxa máis candidaturas”. Nese senso, o aspirante á reelección sinala que a non concorrencia doutras alternativas podería vir motivada porque en “gran parte da comunidade universitaria” haxa un “sentimento de que as cousas, a pesares de ter sufrido unha pandemia, estanse a facer ben”, mais tamén apunta a posibilidade de que exista “un cálculo interesado de promover un voto negativo”. 

Máis votos a favor que en contra

Tras coñecer que será o único candidato, Reigosa admite que agardaba poder “ter a oportunidade” de contrastar o seu proxecto para os próximos catro anos “con outras propostas que xurdiran da oposición”, a través da celebración de debates previos á votación. De aí que o actual reitor recoñeza que “é unha mágoa” que non se presentasen outras candidaturas, “especialmente cando, como temos visto en sesións do Claustro, hai persoas que lexitimamente discrepan dalgunhas actuacións do equipo de goberno”, como por exemplo, sinala, “un maior investimento en contratacións”. 

“Non podo nin sei valorar as razóns polas que non hai máis candidaturas”, sinala Reigosa, que apunta como unha posible “primeira interpretación” ese sentimento de que “as cousas estanse a facer ben”, así como a posibilidade de que non houbese ningunha outra persoa “disposta ao compromiso” que implica situarse á fronte da Reitoría. “Prefiro pensar que non se trata dun sistema para aproveitar o noso esperable cumprimento dos Estatutos”, engade o candidato á reelección. Neste punto, Reigosa lembra que tanto nos anteriores estatutos como nos actuais, prevese que “no caso de candidatura única, esta ten que conseguir maior número de votos a favor ca en contra”. Isto implica, engade, que “sendo único o candidato, é posible rexeitalo”. A este respecto, subliña que na única ocasión na que previamente se deu a circunstancia dunha única candidatura, isto non aconteceu “porque o impediu o equipo gobernante”, para logo pór o acento en que “todo o mundo sabe que, neste momento, si vai ser posible”. O actual reitor móstrase neste punto “moi partidario” de que nesta situación a súa candidatura teña que obter máis votos a favor que en contra, pero, engade, “pode haber un cálculo interesado de promover un voto negativo, sen dar a cara, esperando ademais que a mobilización do voto positivo sexa máis difícil ao non haber alternativa”. Ante esta posibilidade, Reigosa sostén que “sería triste que esta fora a razón” da falta doutra candidatura, porque “ao final, deixaría á institución de certa febleza se o voto negativo é moi numeroso”. De aí que recoñeza que ten diante “un reto moi importante, o de conseguir que a xente vaia ás urnas o día 4 de maio”. 

Preto de 20.000 persoas chamadas ás urnas

A Secretaría Xeral tamén fixo públicas este luns as listas provisionais de candidaturas ás eleccións de representantes no Claustro universitario dos sectores estudantes; PAS (Persoal de Administración e Servizos); PDI-A (Profesorado doutor con vinculación permanente) e PDI-B (outro persoal docente e investigador).

Tras esta proclamación provisional, o prazo de reclamacións abrangue do 29 ao 31 de marzo, e a proclamación definitiva de candidaturas será o 5 de abril. Do 19 de abril ao 2 de maio desenvolverase a campaña electoral, á que seguirá a xornada de reflexión, previa á votación, o día 4 de maio, para a elección de reitor e representantes no Claustro. Ao día seguinte, o 5 de maio procederase á proclamación provisional de resultados, que serán definitivos o 11 de maio.

Segundo os censos definitivos, un total 20.494 persoas poderán votar nas eleccións á Reitoría. Concretamente, poderán exercer o seu dereito a voto 907 persoas do sector PDI-A (Profesorado doutor con vinculación permanente á universidade); 1076 do PDI-B (restante persoal docente e investigador); 16.697 estudantes de 1º e 2º ciclo e 1036 de 3º ciclo e 778 PAS (Persoal de Administración e Servizos). No caso das eleccións a Claustro, que terán lugar o mesmo día, o número de membros da comunidade universitaria que poderán exercer o seu dereito a voto é de 20.121, 373 menos que no caso do proceso electoral a reitor, porque o alumnado do Programa Universitario de Maiores non participa na elección dos membros do máximo órgano de control e representación da comunidade universitaria.