DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra recolle imaxes inéditas realizadas na Costa da Morte

Manuel Sendón inaugura ‘Crebas’, un diálogo fotográfico cos fondos do Museo do Mar

A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 31 de xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 04/12/2020

Ao longo da historia, son moitos os relatos artísticos e literarios que versan sobre obxectos arrastrados polo mar ata a costa. Neste contexto, o profesor do Departamento de Pintura Manuel Sendón inaugurou esta semana Crebas, unha mostra individual na que amosa a súa visión persoal arredor deses restos atopados e que pode visitarse no Museo do Mar ata o vindeiro 31 de xaneiro.  

Crebas é unha serie fotográfica realizada entre os anos 2007 e 2020 nun areal da Costa da Morte, a praia do Rostro. Aínda que é un traballo presentado con anterioridade en espazos de toda a comunidade galega, a proposta do Museo do Mar, con trinta fotografías de gran formato e un políptico de sesenta máis pequenas, contén imaxes inéditas.

Un dos intereses da mostra radica na conversa que xorde entre as obras, o marco paisaxístico onde se atopa o edificio e os seus fondos antropolóxicos e etnográficos, centrados na evolución da industria da pesca galega. Dalgún xeito, cos seus retratos de redes, pecios e ferros atopados na area, a proposta de Sendón complementa a sección que o Museo do Mar destina á historia dos naufraxios en Galicia, achegando unha visión máis subxectiva. O propio autor afirma que esta institución lle parece “o lugar máis axeitado para expoñer o proxecto”.    

Unha aproximación ao imaxinario marítimo da Costa da Morte 

Sobre a súa vinculación coa Costa da Morte, Manuel Sendón explica que de pequeno visitaba a comarca todos os anos e hai dúas décadas adquiriu alí unha pequena casa, o seu lugar de referencia. Aínda que vive en Vigo desde os setenta, imparte clases de Proxectos fotográficos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e viaxou por toda a comunidade galega, di que “o territorio que sempre estivo presente nese periplo foi a ría de Corcubión”.

Segundo Sendón, “as características físicas e meteorolóxicas deste espazo deron lugar a sucesos sorprendentes”, como o naufraxio do Prestige, co que se xeraron “paisaxes apocalípticas”, e do Silva Gouveia que, varado en 1927, emerxe cada poucos anos na praia do Rostro. “Alí ten aparecido de todo”, comenta o fotógrafo, “desde fotocopiadoras ata un montón de cestiños para cans e gatos de moitas cores, o que parecía máis unha instalación artística que un accidente”. Aínda que as imaxes que compoñen esta obra retratan diferentes elementos devoltos polo mar, a finalidade da serie non é documentar nin describir as crebas, xa que o autor considera que “hai cousas moito máis profundas e interesantes” e quere afastarse dos tópicos e das representacións pintorescas da Costa da Morte. 

Pola contra, Manuel Sendón asegura que a súa intención é suxerir, invitar ao público a imaxinar, lograr que “as imaxes funcionen como unha plataforma de engalaxe”. Unha das ferramentas empregadas polo artista para conseguir os seus obxectivos é o xogo coas dimensións dos pecios, co que os descontextualiza e as espectadoras e espectadores teñen que decidir se o que ven é xigante ou diminuto.    

Un oasis nun panorama artístico desolador

A apertura de Crebas, restrinxida pola actual situación sanitaria, tivo lugar onte xoves e contou coa participación de Xosé Manuel Buxán, decano da Facultade de Belas Artes, Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia e Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais. 

Sobre a situación da arte antes e despois da pandemia, Sendón conta cunha percepción precavida e comenta que “a cousa non pinta nada ben” e que “sería necesaria unha preocupación institucional pola cultura”. Porén, o docente sinala o positivo da realización desta exposición, sobre todo nunha cidade onde “non hai moitos espazos para expoñer porque a situación municipal coa cultura é dramática”.

Neste senso, o fotógrafo valora positivamente as Axudas propias a grupos, centros de investigación e agrupacións impulsadas pola Universidade de Vigo que, “aínda que modestas, axudan a realizar estes proxectos”. Considera a consecución deste financiamento e a construción da exposición como “unha despedida da Universidade” no ano no que se xubila.  

A de Manuel Sendón é, xunto a Identidades latentes, a segunda inauguración dun proxecto expositivo con participantes vinculadas á Universidade de Vigo que se organiza no Museo do Mar, polo que este espazo cultural vigués está a ser un dos máis activos nestes tempos de pandemia. Crebas poderase visitar no Museo do Mar de Galicia ata o 31 de xaneiro.