DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Concello impulsaron a mostra que este xoves se inaugurou no Pazo da Cultura

O mar protagoniza unha das maiores exposicións dedicadas a Agnés Varda

Reúne instalacións, vídeos e fotografías de diferentes épocas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/06/2018

“O mar sempre me atraeu, fascinou e inspirou. Nin deportes, nin tormentas, nin aventuras marítimas, soamente a meditación tranquila na beira do mar, mínima e misteriosa”. Deste xeito comeza o texto que a cineasta e artista Angés Varda, un dos nomes de referencia da Nouvelle Vague francesa, redactou con motivo de Variacións ao redor do mar, a exposición que, da man do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, inaugurouse na noite deste xoves no Pazo da Cultura. Nove instalacións videográficas e preto dun cento de fotografías de diferentes épocas integran a que é a maior exposición desta artista en España e tamén unha das exposicións de maiores dimensións que ata a data se centraron nas facetas artística e fotográfica desta directora de 90 anos, cuxa traxectoria no mundo do cine ten sido recoñecida con premios como a Palma de Ouro de Cannes, o León de Ouro de Venecia ou, o pasado ano, o Óscar honorífico da Academia de Hollywood.

Ata o 26 de agosto poderá visitarse no Pazo da Cultura unha exposición que ten no mar o seu fío condutor e que foi inaugurada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Cultura, Carme Fouces; o director da Área de Cultura, Educación e Integración do campus, Manuel Morquecho, e a comisaria desde hai máis dunha década das exposicións de Varda, Julia Fabry. “Trátase dun comisariado ambicioso, é a primeira vez que facemos unha exposición tan grande en España e case a primeira vez que facemos unha exposición desta magnitude”, recoñecía a comisaria  dunha mostra que reúne desde fotografías tomadas na década de 1950 a algunhas das instalacións máis recentes da artista e que ten como tema central “a relación de Agnés co mar”. 

“Para nós é un pracer estar na vangarda da arte xunto co Concello”, salientou Jorge Soto, quen subliñou tamén a implicación da Universidade coa cultura na apertura dunha mostra que, como engadiu Morquecho, comezou a xestarse hai dous anos grazas á colaboración de Bárbara Santos, programadora dos ciclos de cinema francés da Vicerreitoría. Exposición que se ve marcada ademais por ese “fío condutor que nos resulta moi familiar aos galegos” como é esa “relación espiritual entre a paisaxe mariña e as persoas que a habitan”, como engadiu Fernández Lores, mentres Fouces subliñou a "proxección internacional" que supón para Pontevedra á exposición desta cineasta feminista.

Mar e rostros nun percorrido por máis de 50 anos de traxectoria

Tanto o mar e os rostros das persoas vinculadas a este están presentes en Variacións ao redor do mar a través de obras como a instalación As viúvas de Noirmoutier, na que o son de mar faise presente nunha proxección central que se ve enmarcada por outras 14 pantallas protagonizadas por rostros de mulleres, cuxas historias poden coñecerse a traés dos 14 auriculares que completan á instalación. Así mesmo, o vídeo tamén é protagonista de pezas inéditas como A xente da terraza, unha obra de ficción inspirada nunha fotografía tomada por Varda 53 anos antes, ou do tríptico Alicia e as vacas brancas; á vez que se conxunga coa imaxe fixa e coa propia realidade, neste caso a través de área de praia, na peza A beira do mar.

Por outra banda, a fotografía é a protagonista de proxectos como Patacas de corazón, unha serie de fotografías que iniciou no ano 2000 á raíz da gravación do documental Les glaneurs et la glaneuse, gardando unha serie de patacas descartadas polos seus cultivadores para logo ir fotografándoas en diferentes momentos do seu envellecemento. Xunto a esta serie, a exposición recolle tamén proxectos como Les gens qui marchent, unha colección de instantáneas nas que persoas de diferentes partes do mundo aparecen camiñando. Así mesmo, a figura da propia artista tamén está presente a través de tres autorretratos, un de 1949, outro de 1960 e un terceiro “autorretrato quebrado” que realizou en 2009; ao igual que tamén está presente a súa faceta como cineasta. Concretamente, na serie Instants arretés, conformada por fotogramas extraídos do filme Sen teito nin lei.

Cineasta, fotógrafa e artista 

Nacida en 1928 en Bruxelas, Varda estudou na Escola do Louvre e na Escola Vaugirad en Francia, para iniciar en 1948 a súa traxectoria como fotógrafa que a levaría a facer reportaxes en China, Estados Unidos ou Cuba. En 1954, estreou a súa primeira longametraxe, La Pointe courte que realiza tras pór en marcha a súa propia produtora, Ciné-Tamarís. Considerada un dos nomes de referencia da Nouvelle Vague, a única directora que integra ese movemento daría comezo así a unha ampla carreira como directora, que a levou a estrear preto dunha vintena de longametraxes ao longo das últimas sete décadas, a máis recente, Rostros e lugares, estreada o pasado ano. Será no 2003, cando ás facetas de fotógrafa e cineasta sume á de artista plástica, amosando as súas instalacións na  Biennale de Venecia, na Fondation Cartier de París, no CAFA Museo de Arte de Pekín ou, no ano 2012, no Centro de Arte Contemporáneo de Sevilla, na que fora a única exposición de Varda en España ata a data.