DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinaranse o comedor dos Pais Franciscanos

O Maratón Solidario de Zumba permite reunir preto de 250 quilos de alimentos

No evento participaron un centenar de persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 02/12/2022

Promover a práctica de actividade física e contribuír ao labor social que desenvolve en Pontevedra o comedor dos Pais Franciscanos. Estes son os dous obxectivos do Maratón de Zumba Solidario, que na tarde deste xoves celebrou no Pavillón Universitario a súa décimo oitava edición, na que participaron preto dun centenar de persoas, que achegaron 250 quilos de alimentos non perecedoiros, doados a este comedor social. Aberto a toda a cidadanía, á que se lle solicitaba que achegase cando menos un quilo de produtos non perecedoiros a modo de inscrición, o maratón promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte e a Vicerreitoría do campus recuperaba deste xeito a súa actividade tras dous anos de parón por mor da pandemia. 

Durante dúas horas, persoas de diferentes idades puideron sumarse á realización dunha serie de coreografías que combinan os movementos aeróbicos e os pasos de baile, guiados por un equipo de monitores e monitoras coordinados por Bruno Hermida. O maratón contou así mesmo coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que achegaron as bebidas, froita e barriñas enerxéticas coas que as persoas participantes puideron repor folgos e seguir bailando.