Repartiranse 17 galardóns repartidos en tres modalides: Emprende, Avanza e Consolida
En marcha unha nova convocatoria dos Premios Incuvi ao empredemento
As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas ata o mércores 10
Xa está en marcha unha nova edición do programa Incuvi, unha das principais iniciativas coa que a Universidade de Vigo leva anos fomentando a innovación, a competitividade e o emprendemento entre o seu estudantado e persoas recentemente tituladas. Premiaranse 17 novas iniciativas empresariais e, sobre todo, tal e como destacan desde a Área de Emprego e Emprendemento, axudaráselles a todas as persoas participantes a validar se a súa idea de negocio pode converterse nun proxecto rendible, ao tempo que terán a oportunidade de participar nun programa formativo que lles permitirá desenvolver actividades transversais de grande utilidade en calquera ámbito laboral, público ou privado, e unirse a unha comunidade emprendedora que lles facilitará o acceso a outras múltiples iniciativas, tanto locais como rexionais.
“As persoas participantes vivirán unha experiencia transformadora conectando cunha comunidade global de emprendedores e emprendedoras que, ao igual ca eles e elas, queren aprender novas competencias e polas en valor”, explica a directora da área, a profesora Maruxa Álvarez, quen tamén destaca aspectos como as vivencias que trae consigo participar no programa, “compartir cafés, conversacións, vivencias... con outras persoas que tamén teñen a ilusión de crear”.
17 axudas para desenvolver proxectos nos tres campus
Nesta edición convócanse 17 axudas para a posta en marcha de iniciativas nos tres campus: 12 na modalidade Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración, e unha axuda Incuvi Consolida, pensada para aquelas iniciativas que, tras recibir as axudas anteriores, poidan, definitivamente, validar a súa idea de negocio e chegar ao mercado. O prazo de presentación de candidaturas, nos tres casos, manterase aberto ata o vindeiro mércores 10 de decembro.
12 Emprende para as ideas máis básicas
A modalidade Emprende consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación dun máximo de 6 meses e unha axuda económica dun máximo de 1000 euros por proxecto. Dividido en catro fases, o programa formativo está orientado a que as persoas participantes adquiran habilidades e competencias emprendedoras de maneira que poidan elaborar un modelo de negocio das ideas presentadas.
Catro axudas Avanza para quen xa conta cun modelo de negocio
Para os proxectos que xa contan cun modelo de negocio desenvolvido, lánzase a convocatoria Avanza que ofrece tanto formación, como mentorización e unha achega económica dun máximo de 1000 euros por proxecto para facer fronte a custos do modelo de prototipo ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora.
Os equipos emprendedores recibirán formación desde a resolución de concesión ata setembro. Ademais, terán unha mentorización personalizada, presencial ou telemática, que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e xullo de 2026. Outra parte do programa centrarase no desenvolvemento da idea e, a derradeira fase, será a de presentación do proxecto ante representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras do programa nun demo-day previsto para mediados do mes de setembro, coincidindo coa celebración de Pont-Up Store en Pontevedra.
Unha axuda Consolida
Para complementar as axudas Incuvi Emprende e Avanza, convócase unha axuda Consolida para proxectos emprendedores previamente beneficiarios do programa Avanza que desexen continuar coa maduración e desenvolvemento do proxecto emprendedor. Esta modalidade comprende 10 horas de asesoramento e mentorizacion e unha achega económica máxima de 1000 € para facer fronte a custos derivados da consolidación do proxecto.
