DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove deportistas representaron á institución na competición disputada en Granada

Marcos Castro e Hugo Mera logran as primeiras medallas en natación adaptada da UVigo nos Campionatos de España Universitarios 

Esta fin de semana disputouse tamén o CEU de Orientación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 13/04/2026

A Universidad de Granada acollía esta fin de semana os Campionatos de España Universitarios (CEU) de Natación e Natación Adaptada, aos que a UVigo acudía con nove representantes e nos que a institución académica tomaba parte por primeira vez na competición de natación adaptada. Facíao da man de Marcos Castro, estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, e Hugo Mera, alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus vigués, que lograron as primeiras medallas nesta modalidade na historia da Universidade de Vigo. Concretamente, Castro logrou o ouro na competición de 50 metros braza na categoría S1-S3, mentres que Mera sumou dous bronces, nas competicións de 50 e 100 metros libres da categoría S1-S16.

Xunto a Castro e Mera, a UVigo estivo representada no CEU de Natación por sete estudantes dos tres campus: Gael Álvarez, Sofía Carballo, Naiara Eijo, Iván Fernández, Yoel González, Paulo Gunche e Rubén Santín. Como adestrador, contaron co do técnico da Federación Galega de Natación Andrés Carrera, así como co apoio do presidente da federación Juan Carlos Brión, que acompañou ao equipo da UVigo na competición disputada entre o 10 e o 12 de abril.

Alén das tres medallas logradas por Castro e Mera, a institución viguesa rematou no quinto lugar na clasificación por universidades da competición de natación adaptada. No caso da natación, a UVigo rematou no décimo quinto lugar, finalizando no posto 12 nas probas femininas e no 18 nas masculinas. 

“Magnífico nivel” no CEU de Orientación
 

Tamén en Andalucía, neste caso na localidade de Tíjola, disputábase nos últimos días o CEU de Orientación, organizado pola Universidad de Almería, no que a UVigo estivo representada polo alumno do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Mateo Rodríguez e pola estudante do Máster de Profesorado en Educación Secundaria Lucía Basanta, acompañados polo adestrador José Luis Armada.

Como destacan desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte, os dous representantes da Universidade de Vigo competiron “a un magnífico nivel” neste campionato, que a Federación Española de Orientación estableceu como proba clasificatoria puntuable dentro dos criterios de selección para definir quen representará a España no Campionato do Mundo Universitario de Orientación. De feito, sinalan, Rodríguez retorna desta cita con “posibilidades de acudir” ao mundial que terá lugar este verán en Portugal. O estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte logrou o noveno posto na proba sprint, rematou oitavo na proba de media distancia e sétimo na carreira de longa distancia, así como no posto 20 no trail de orientación. 

Parga, pola súa banda, foi descualificada na proba sprint cando ocupaba a terceira posición, por un erro nunha das balizas que constitúen os puntos de control da proba. Na proba de media distancia rematou en décimo segunda posición, ocupando o posto 16 na carreira de longa distancia e o 19 no trail.