DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta iniciativa de democratización do coñecemento naceu ao abeiro do Programa para Maiores

As Mareas do Coñecemento arriban a Moaña, Covelo e Lalín

Comprenden seminarios sobre saúde e benestar, tecnoloxía, arte e historia ou fiscalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Divulgación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/04/2023

Dende que se puxo en marcha hai 20 anos, o Programa para Maiores da Universidade de Vigo chegou a preto de 8000 persoas de máis de 50 anos, principalmente residentes na contorna máis próxima aos tres campus. Para estender as súas redes, o programa apostou por poñer en marcha as Mareas do Coñecemento, unha iniciativa de democratización do coñecemento que dende 2019 buscar levar a formación aos propios concellos, facilitando así os desprazamentos e a asistencias das veciñas e veciños. 

Este proxecto educativo itinerante artéllase arredor de seminarios nos que se abordan temas relacionados coa arte e a historia; a saúde e o benestar; a tecnoloxía; o deporte ou a fiscalidade, adaptando sempre os contidos ás demandas de cada un dos concellos implicados.

Neste segundo cuadrimestre as Mareas do Coñecemento están a chegar a tres concellos da provincia de Pontevedra: Moaña, onde arrancou o 18 de abril, Covelo, que botou a andar onte martes e Lalín, onde se inaugura este xoves 27, que se suman a dous máis na provincia de Ourense: Celanova, xa en marcha, e Allariz, que arranca a próxima semana. En cada un dos concellos hai 30 prazas dispoñibles, que tanto en Lalín como en Covelo están cubertas e para inscribirse cómpre poñerse en contacto cos propios consistorios.

Marea en Moaña

O concello de Moaña foi o máis madrugador dos tres, xa que o primeiro seminario tivo lugar os días 18 e 19, centrado na saúde e o benestar da man de José Luis García Soidán, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra e de Antonio Vázquez Sobrino, profesor do Programa Universitario de Maiores. O primeiro día pola tarde celebrouse unha sesión divulgativa sobre alimentación e exercicio como ferramentas para mellorar a calidade de vida, mentres que a segunda xornada foi práctica, cunha ruta cardio-saudable polo río da Fraga. 

O segundo seminario centrarase na tecnoloxía, en concreto, nas aplicacións e ferramentas dos teléfonos móbiles. Hoxe mércores e mañá xoves, as docentes da Escola de Enxeñería Industrial Amparo Rodríguez Damián e María Rodríguez Damián, amosarán ás e aos asistentes a usar WhatsApp, realizar videochamadas, ler códigos QR, empregar aplicacións de banca electrónica e de pago, calendarios de vacinación e medicacións, localización de persoas, etc. 

Outro dos seminarios, da man da catedrática de Física Aplicada Ana Ulla e da profesora do Programa para Maiores Marta González García, permitirá ás e aos asistentes achegarse á astronomía a través de conceptos básicos sobre a física e o universo, a luz ou o sistema solar e tamén de sesións prácticas de observación. 

Xa no mes de maio haberá outros seminarios, un sobre a soidade non desexada, o día 9 da cunha sesión teórica da man de Leonardo Fuentes Blanco, profesor de Psicoloxía na Idade Adulta do Programa para Maiores e outra práctica sobre hábitos para unha mente saudable e exercicios de relaxación, con Claudia González, especialista en saúde mental e docente na Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra. O quinto seminario celebrarase o 10 de maio, unha sesión teórico-práctica de pilates sénior con Iris Machado de Oliveira e Gustavo Rodríguez Fuentes, profesores da Facultade de Fisioterapia. Finalmente, os días 15 e 16 de maio terá lugar a derradeira cita, sobre arte e historia, cunha primeira xornada divulgativa sobre o patrimonio do Concello de Moaña e unha segunda para visitar a Torre de Meira, da man de Elisa Pereira García, profesora do Programa Universitario de Maiores.

Dende onte, Marea en Covelo

As Mareas de Coñecemento chegaron a Covelo onte martes, cunha sesión de apertura que contou coa participación do alcalde, Pablo Castillo, e da directora do Programa para Maiores, Carmen Mª Abreu. Ademais, onte tivo lugar tamén a primeira sesión do seminario sobre saúde e benestar, que hoxe permitirá realizar un roteiro cardio-saudable pola senda dos Carranos.

Os días 2 e 3 de maio será a quenda da arte e a historia, dúas xornadas que se adaptarán ao patrimonio da contorna e inclúe a visita ao conxunto de San Martiño de Barcia de Mera. O seminario sobre pilates será o día 9, mentres que as sesións sobre soidade non desexada serán o día 10. O programa pecharase co seminario sobre tecnoloxía, que terá lugar os días 15 e 16 de maio. Tanto os seminarios como os docentes son os mesmos que no caso de Moaña, salvo algúns contidos concretos que se adaptan a cada concello, como os referido a arte a historia.

En Lalín, a partir do xoves

Esta semana tamén se incorpora ás Mareas do Coñecemento o Concello de Lalín. O xoves terá lugar a primeira sesión, á que asistirá o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e a directora da Escola Aberta de Formación Permanente, María José Moure. Mañá arranca tamén o seminario sobre a soidade, cunha sesión impartida por Isabel Ferreiro González, profesora do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa e responsable do Gabinete Psicopedagóxico da UVigo. O seminario sobre saúde e benestar será os días 5 e 6 de xuño coa docente do PUM Marisol López Reyes. O primeiro día abordarase a importancia da alimentación para a saúde e os beneficios do consumo de alimentos locais, sostibles, saudables e de tempada, mentres que o día 6 terá lugar unha sesión práctica sobre gastronomía, aptitude culinaria e propiedades nutricionais dos produtos agroalimentarios da capital do Deza e unha cata de produtos autóctonos. 

O seminario de tecnoloxía e App móbiles será impartido por Adrián Seara Vieira, da Escola Superior de Enxeñería Informática os días 14 e 15 de xuño. Unha da diferencias respecto da programación en  Covelo e Moaña será un seminario sobre fiscalidade que impartirá Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. A primeira sesión será o 21 de xuño e abordará cuestións básicas como o tratamento das herdanzas, os plans e fondos de pensións, o imposto de bens inmobles, a plusvalía municipal, etc. Na segunda sesión, achegaranse exemplos prácticos de todas estas cuestión para conseguir unha correcta planificación fiscal. 

Finalmente, pecharase o programa co seminario de arte e historia, o 27 e 29 de xuño, cunha primeira xornada sobre o patrimonio e a historia do concello e unha segunda para visitar o Pazo de Liñares, acompañados pola docente Ana Cebreiros Iglesias, da Facultade de Historia do campus de Ourense.