DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun proxecto itinerante de formación universitaria para maiores de 50 anos

As Mareas de coñecemento chegan a Celanova

Unha trintena de persoas asistirán a seminarios sobre saúde, historia, arte e impostos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/04/2023

As Mareas de coñecemento e experiencia é un proxecto itinerante de formación universitaria que naceu ao abeiro do Programa de Maiores da Universidade de Vigo. A súa finalidade é achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural maior de 50 anos, levando aos concellos da contorna un programa de seminarios teóricos-prácticos de diferentes contidos, segundo as demandas dos concellos implicados. Este mércores, a iniciativa arranca en Celanova a súa actividade anual na provincia de Ourense.  

Este programa de democratización do coñecemento, que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus.

Do 19 de abril ao 4 de maio

Na contorna de influencia do campus de Ourense, as Mareas de coñecemento e experiencia arrancan de novo a súa actividade este mércores na vila de Celanova. Máis dunha trintena de persoas participarán nesa formación dividida en tres seminarios que se prolongarán ata o 4 de maio. O primeiro destes seminarios, titulado A Saúde é o que importa, terá lugar este mércores e xoves pola tarde e nel haberá unha sesión teórica de coñecemento básico da saúde e autocoidado e unha sesión teórico-práctica de primeiros auxilios e procesos de reanimación. A docencia correrá a cargo de José Antonio Golpe e José Miguel Martínez-Escauriaza, profesores do Programa Universitario de Maiores en Ourense.

O segundo seminario que se desenvolverá en Celanova centrarase na arte e historia e terá lugar os días 25 e 27 de abril, impartido por Ana Cebreiros, profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense. Nel, as e os asistentes farán un percorrido patrimonial pola historia do Concello de Celanova e unha visita a Castro Mao e a Vilanova dos Infantes. Por último, o 3 e 4 de maio, Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e coordinador do Programa Universitario de Maiores no campus de Ourense, ofrecerá o seminario Como entender os impostos. Nel as e os asistentes afondarán na importancia de coñecer as cuestións básicas que rodean a fiscalidade, como o tratamento das herdanzas e dos plans e fondos de pensións ou de impostos como o de bens inmobles e plusvalía municipal. Tamén verán exemplos prácticos de todas estas cuestións, con casos de aplicación directa para conseguir unha correcta planificación fiscal.

O obxectivos fundamentais desta iniciativa da Vicerreitoría de Profesorado, Docencia e Titulacións e da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, explica Alberto Vaquero, son concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día da vida das persoas para revalorizar e profundar no valor do patrimonio propio; recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas emocións e vivencia; adaptar e coñecer as competencias socio-sanitarias dos principios de envellecemento activo e acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación. Tras Celanova, está previsto que as Mareas do coñecemento e experiencia cheguen a outras vilas da área de influencia do campus de Ourense e da Universidade de Vigo.