Trátase dun programa itinerante que achega a ciencia e a cultura á poboación sénior
As Mareas de Coñecemento da UVigo chegan a Poio
Con catro seminarios sobre saúde ou soidade non desexada
Democratizar o coñecemento e achegar a formación científica e cultural de contornas rurais, a través dun conxunto de seminarios teórico-prácticos de carácter gratuíto, dirixidos á poboación sénior. Ese é o obxectivo central de Mareas de Coñecemento, o programa itinerante para a democratización da formación impulsado pola Universidade de Vigo, co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude, no que se insiren os catro obradoiros sobre saúde física e cognitiva ou sobre soidade non desexada que nas próximas semanas se desenvolverán en Poio.
Dirixido á poboación maior de 50 anos, Mareas de Coñecemento naceu en 2018 co obxectivo de complementar a oferta do Programa Universitario de Maiores (PUM) da UVigo e neste 2025 as súas actividades espállanse por seis concellos das provincias de Pontevedra e Ourense. No caso de Poio, esta programación desenvolverase no Centro Social Casa Rosada e foi presentada este mércores polo alcalde, Ángel Moldes, xunto co director do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, Fernando Cerdeira, e a coordinadora xeral do PUM, Carmen María Abreu.
Esta programación arranca o 20 de maio cun seminario sobre hábitos para unha mente saudable, no que a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría Claudia González porá o foco en como pequenas accións diarias poden fortalecer a saúde cognitiva e emocional. Tamén en maio, entre os días 27 e 29, terá lugar o taller A saúde é o que importa, que combinará unha sesión divulgativa sobre nutrición, exercicio e saúde, a cargo do profesor José Luis García Soidán, cunha ruta polos muíños de Samieira. Xa en xuño, o día 16 terá lugar o seminario Coñecendo a fraxilidade, impartido pola profesora de Fisioterapia e coordinadora do PUM no campus de Pontevedra, Iris Machado, completándose esta programación coa sesión que a profesora Isabel Ferreiro centrará na soidade non desexada o 20 de xuño.
As inscricións para poder participar nos diferentes seminarios poden realizarse no Pazo Besada ou a través do teléfono 986 872 401, segundo informou o Concello de Poio.